AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

21/05/2007

Para que Carnota siga avanzando

A falta de poucos días para o peche da campaña, podemos dicir que cada día recibimos máis mostras de apoio co noso proxecto e co noso candidato Tomás Freire, e que damos case por superada a situación de certo descoñecemento que si podíamos percibir hai uns poucos meses. Ademais, os mitins que levamos organizados (O Pindo, Lariño, Carnota, San Mamede, Mallou...) están a demostrar moitísimo interese dos veciños polas propostas do BNG para as diferentes parroquias do noso concello, e tamén o compromiso de integrarse na dinámica de participación veciñal a todos os niveis que o BNG vai implantar se mantén o goberno do noso concello. Mesmo no eido de Internet, só nos dez días que levamos de campaña recibimos arredor de 2.500 visitas.

As nosas propostas, que se adiantaran na última tirada do noso voceiro local A Moa e que xa se difundiron entre os veciños en forma de díptico-resumo do programa e programa extendido, están elaboradas cos pés no chan, desde unha perspectiva coñecedora do noso concello e ollando para as nosas potencialidades aínda por desenvolver, para o cal integramos na súa elaboración a persoas relevantes nos diversos eidos da vida local. Por iso, o noso programa non representa tan só o proxecto que o BNG quere para Carnota, senón que encarna sen pretenciosidades a maioría das inquedanzas que os veciños de Carnota podemos ter hoxe en día. É un programa de futuro, mais é un manual de traballo e unha lista de obxectivos que sentarán as liñas estratéxicas do que de seguro vai ser o próximo goberno municipal de Carnota.

Por outra parte, tampouco podemos omitir o enorme interese pola nosa candidatura que percibimos entre os veciños. A lista do BNG de Carnota destaca por presentar un equilibrado número de homes e mulleres e unha xusta representación de cada parroquia. Pero tamén, e sobre todo, por constituiren un equipo de persoas cunha dilatada experiencia nos movementos asociativos veciñais de Carnota. Entenden o noso concello e coñecen as inquedanzas dos seus veciños.

En todo caso, propoñemos un equipo de persoas moi queridas e respeitadas polos seus veciños que non só saben escoitar senón que saben propoñer solucións para as problemáticas de Carnota, e iso demóstrase andando durante catro anos e non dicindo que andas durante quince días. Estes son os veciños que mellor representan a vontade do BNG de continuar os proxectos comezados durante estes últimos oito anos mais insuflando aire fresco e novos proxectos para seguir desenvolvendo, entre todos, este concello que se atopa nunhas condicións ideais para o seu despegue socioeconómico.

Con esta confianza vos presentamos o noso programa de futuro para Carnota e o capacitado equipo que, coa axuda do teu apoio, será quen de levalo a cabo nesta ilusionante etapa que se vai abrir en poucos días. Outros, en cambio, aparecen agora para pedirvos o voto tras catro anos desaparecidos e falando de sumas que a nós sempre nos dan cero, sobre todo cero proxectos. Outros andiveron a remolque dos proxectos do BNG sen apenas artellar propostas propias, o que queda claramente demostrado cun programa case clónico do que o BNG presentou nas pasadas eleicións. Por isto tende moi claro que tanto o Concello de Carnota como todo o que se fixo aquí durante estes oito anos, cos seus erros e acertos, foi liderado polo BNG. E que co voso apoio decidido ímolo seguir liderando para que Carnota siga avanzando.

Vota BNG.
Etiquetas: , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: