AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

09/10/2007

Falamos con Encarna Otero

Comparte e opina:
Encarna Otero Cepeda naceu en Compostela hai 57 anos, e leva militando no nacionalismo desde os 20, cinco anos antes de licenciarse en Historia na Universidade de Tolouse-Le Mirail. Logo dunha vida adicada ao ensino, á nosa cultura (deixando tras de si un gran legado de obras publicadas) e ao noso País mediante a súa activa e fructífera participación no BNG, no ano 2005 entra no goberno galego para exercer como Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, dependente da Consellería de Vivenda e Solo.

En tan pouco tempo, o froito da súa actividade no goberno é moi salientábel, mesmo para un concello como Carnota: grazas ao seu esforzo personal, por fin poderemos ver cumprida a desexada recuperación do conxunto mariñeiro tradicional de Caldebarcos. Ademais, un dato que non moitos veciños coñecen: Encarna Otero pasou este ano o seu descanso estival no noso concello, concretamente no lugar de Portocubelo en Lira.

No BNG de Carnota vimos mantendo unha comunicación fluída con Encarna desde hai tempo, mais consideramos que esta é unha ocasión moi especial para facerlle unha entrevista na nosa páxina e poder manter con ela unhas palabras para que nos fale en primeira persoa do dito proxecto en Caldebarcos e doutras vías de actuación da súa área para con Carnota.

(BNG Carnota) Antes de nada, moitas grazas por demostrar este enorme interese polo noso Concello, tan esquecido durante outras etapas de goberno autonómico.

(Encarna Otero) O goberno galego e dentro del a Consellería de Vivenda e Solo ten a obriga de facer políticas que melloren a vida das xentes de Galiza con criterios de xustiza distributiva e reequilibrio territorial.

Como coñecestes esta inquedanza veciñal, e como foi a xestión da rehabilitación das casetas de Caldebarcos?

O concello de Carnota ten un movemento asociativo moi activo que está implicado en proxectos como Mar de Lira, as Comunidades de Montes para a recuperación da madeira ou as xornadas culturais do mar que xa levan varios anos facéndose; dentro destas actuacións a Confraría do Pindo interesouse pola posta en valor do seu patrimonio pesqueiro nun espazo natural de enorme riqueza, de aí que no ano 2006 a Consellería de Vivenda e Solo fixo encarga do estudo da catalogación da área de Caldebarcos mediante a elaboración dun plan especial de protección das casetas dos pescadores, redactado pola arquitecta Elisa Gallego. Agora o convenio fixa un investimento de 82.963,71 € para a rehabilitación de 6 casetas e o acondicionamento do seu contorno no lugar de Fontevella.

Ben sabido é que "as cousas de palacio van despacio"... de verdade se concluirá a rehabilitación antes da chegada do 2008?

As obras están xa para licitarse e se os temporais de outono se retrasan será posible rematala antes de finalizar o ano.

Agardemos que o clima e o tempo axuden a Carnota e aos seus mariñeiros.

Que outro patrimonio do noso concello atopas susceptíbel do seu aproveitamento e posta en valor? Como pensas que se poderá acadar?

A Consellería de Vivenda e Solo xa tivo unha actuación de posta en valor do espazo público no contorno da igrexa, da reitoral e do hórreo de Lira para mellorar as condicións de vida das xentes que viven neste núcleo.

O Concello de Carnota dispón dun patrimonio natural, cultural e paisaxístico dun enorme valor; se a iniciativa privada e os investimentos públicos se coordinan para mellorar estas condicións, Carnota pode ser un concello exemplar en emprego, sostenibilidade e desenvolvemento.

Que políticas de vivenda serían factíbeis de aplicar en Carnota a curto prazo?

Continuar coa actuación en espazos públicos en núcleos como Sofán, a Curra, Panchés, Louredo, Cornido, etc..., onde ademais a xente está rehabilitando as súas vivendas con moito cariño, coidado e calidade patrimonial. A Consellería de Vivenda e Solo ten ademais liñas de axudas para rehabilitación e reconstrucción de vivendas en núcleos rurais; de remate exterior de fachadas de vivenda para as persoas que por razóns económicas non poideron rematalas; tamén ten un programa de vivenda en alugueiro para poñer no mercado as vivendas que non se usan e facilitar o acceso a unha vivenda á xente moza ou que opta por este sistema de vivenda.

Atopas no goberno municipal actual colaboración ou máis ben atrancos na execución dos proxectos programados polo goberno municipal anterior?

Co anterior goberno municipal a consellería xa asinou un convenio, o do núcleo de Lira. Este novo goberno é o que vai a licitar as obras despois de asinar o convenio de actuación nas casetas de pescadores na Fontevella e nunha visista á consellería interesouse en continuar cos investimentos en espazos públicos.

Para rematar, dedique unhas palabras para os veciños de Carnota.

Carnota é un dos concellos de máis valor e mellor conservados que Galiza ten, se as súas xentes se arriscan e invisten con inicativa no seu propio territorio, coidan e melloran o seu patrimonio e traballan con cariño e adicación por Carnota poderán facer deste lugar un dos exemplos de desenvolvemento, de riqueza, de calidade e polo tanto de convivencia social; se as persoas que visitan Carnota falan deste concello como un "anaco de paraíso" é porque as súas xentes o fan día a día.
Etiquetas: , , , , , ,

Hai unha opinión.

  1. Grande persoa Encarna Otero, un dos fundadores do BNG, e o único alto cargo da política galega que tivo o valor de obxetar do plus vitalicio dos altos cargos aprobado hai pouco no Parlamento.
    http://www.vieiros.com/opinions/opinion/145/privilexios-ou-igualdade-disposicion-adicional-17

    ResponderExcluir

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: