Carmen Mª Mendoza Canosa ten 33 anos e é veciña do Pindo. Casada e con dous fillos, esta mestra titulada en educación infantil levaba arredor de cinco anos impartindo para o Concello de Carnota cursos de obtención do graduado ESO e de alfabetización de maiores. Neste ano 2008 foi relevada das súas funcións polo novo goberno sen mediar explicacións nin térena informado sequera. Publicamos a seguinte carta aberta por expreso desexo desta veciña:
Como se me da a posibilidade de expresarme, así o vou facer, dun xeito libre e sen tapuxos, porque se por algo me caracterizo é por ir de fronte. Si, iso que todo o mundo di pero que ninguén fai.
Desde aquí quero, antes de nada e xa en calidade de «ex-mestra», saudar a todos os meus alumnos e alumnas que durante estes anos estiveron comigo, felicitalos a todos e todas polos seus méritos, a todos os rapaces que sacaron o Graduado ESO (de todas as idades), ás señoras do Pindo e Lira que estiveron aí, ao pé do cañón, disfrutando cun curso que lles gustaba, lles interesaba e no cal se atopaban a gusto, a todos e todas eles un saúdo cordial. É por eles, porque tratei con persoas, que me sinto na obriga moral de escribir isto.
Durante estes anos prestei os meus servizos como mestra de adultos neste Concello; son unha mestra que estaba no paro ata que un bo día a chamaron do INEM de Cee, comecei a traballar para o Concello de Carnota e todo foi ben, os resultados foron moi bos (aí están as persoas que sacaron o título), non houbo queixas nin problemas, que eu saiba. O servizo funcionaba moi ben.
Pero este ano, de golpe e porrazo, non me chamaron, e a sorpresa non foi demasiado grande, porque por desgraza din que «as cousas funcionan así se non eres do seu gusto», non sei a que gusto se refiren porque do meu traballo non teñen nada que dicir, ao contrario; ademais son unha persoa totalmente anónima que non milito en partidos nin nada parecido ata o día de hoxe. Entón, que pasa? Que hai que facer? Eu sempre pensei que traballar de forma decente e con dignidade era o axeitado...
Pois ata aquí ben. Contrataron a outra persoa doutro concello, e parece ser que esta persoa decidiu renunciar. Deste xeito, e quedando o Concello sen o servizo, deciden chamarme a min, e a miña resposta foi NON. Por que agora? Non me interesa. Eles saberán, pero eu teño dignidade e coas persoas non se xoga, á xente que traballa hai que respectala, con independencia das súas ideoloxías, amizades, gustos... Estamos nun país libre onde os revanchismos absurdos non teñen cabida.
Desde aqui dou as grazas aos ex-alumnas e ex-alumnos, e ás señoras de Lira e do Pindo. Foi un pracer traballar con todos e todas, estaría encantada de seguir con eles se as formas tiveran sido as correctas.
Porque creo que lles debía unha explicación a todos e todas eles vai este pequeno comunicado.Carmen Mª Mendoza
Desde o BNG de Carnota pouco podemos engadir ás conmovedoras palabras desta veciña. Non podemos máis que sumarnos ao sentimento de impotencia pola inxustificada perda do seu traballo a pesar de tantos anos de traxectoria exemplar ao servizo de todos os veciños que precisaron da súa profesionalidade e saber estar. Este tipo de feitos son a consecuencia de tratar as persoas como gando, e non como o que son, seres humanos dignos que coa forza do seu traballo e ilusión tentan labrar un mellor futuro para si mesmos e as súas familias no seu pobo. Xa pasou na anterior lexislatura dos mesmos que nos gobernan hoxe, cando houbo auténticos dramas familiares polo mesmo motivo. Por desgraza parece que en oito anos na oposición non aprenderon moito, e non só non cambiaron esta actitude senón que a redobraron, en vista deste e outros episodios recentes.
A esta afectada, e a tantos outros ex-traballadores do concello que xa pasaron por unha situación similar, vaia o noso máis sinceiro apoio e a garantía de que o BNG, como forza política ao servizo dos veciños de Carnota, loitará con todos os medios que ten ao seu alcance contra estas actitudes miserábeis.







Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.