Anxo Quintana vén de estrear o seu videoblog, un espazo no que comparte audiovisualmente momentos tanto da súa actividade institucional e política como da súa vida personal. Esta iniciativa é a primeira a nivel nacional e das primeiras no estado español (xunto co de Artur Mas de CIU).
Máis que tratarse dunha web política ao uso, a iniciativa dá verdadeira relevancia ás opinións e críticas dos usuarios, seguindo os criterios de participación social que están a transformar a rede de redes a nivel mundial. De feito os visitantes xa poden comentar, compartir e descargar en alta calidade cada un dos clips e axiña enviar as súas propias reflexións en video.
Quin.TV, o primeiro videoblog dun candidato galego
Publicado ás 13:42h, en nacional, xunta | Ver comentarios (0)
O carballo añón do Monte Pindo xa é especie protexida
Publicado ás 17:28h, en .caldebarcos, .panchés, .pindo, .quilmas, actualidade municipal, estudos, medio ambiente, patrimonio, turismo, xunta | Ver comentarios (0)
O carballo añón (Quercus Lusitanica, tamén coñecido como carballo anano) conta cunha única poboación en Galiza radicada en apenas un quilómetro cadrado de Monte Pindo, dentro do triángulo que forman o Chan das Lamas, a Braña dos Aguillóns e o lugariño de San Cibrán. E agora vén de ser declarada especie protexida polo Observatorio da Biodiversidade, grazas aos esforzos da asociación ecoloxista ADEGA, que propuxo a catalogación desta especie en perigo e realizou tamén o seu inventariado.
O Observatorio, presidido polo director xeral de Conservación da Natureza e integrado por expertos, universidades galegas, asociacións ecoloxistas e técnicos da Consellería, acordou por unanimidade a incorporación do carballo añón do Monte Pindo ao catálogo, para o que se tivo moi conta a súa singularidade.
Acadado este importantísimo primeiro paso de cara á súa protección, agora ADEGA solicitará a declaración da área de distribución desta especie e do propio Monte Pindo como Monumento Natural, Paisaxe Protexida ou outra figura de protección ambiental que sirva para garantir a conservación dos seus valores naturais e promover o enorme interese ecoturístico e cultural desta privilexiada paraxe.
O Monte Pindo xa conta con declaración de lugar de interese comunitario (LIC), e está incluído na Rede Natura 2000.
Novas relacionadas:
· Na web de ADEGA
· En Xornalgalicia.com, 1 e 2
Primeiro cabodano do falecemento da Galescola de Carnota
Publicado ás 10:24h, en .carnota, actualidade municipal, asuntos sociais, ensino, estudos, goberno, obras, proxectos, servizos públicos, xunta | Ver comentarios (5)

Onte mesmo a Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar (xestionada polo BNG) publicou un informe da situación dos nenos de 0-3 anos. Ata o 2005, logo de 16 anos de PP na Xunta, só un de cada dez nenos tiñan acceso a unha praza nunha gardería pública. Hoxe, só 3 anos despois, un de cada tres nenos galegos teñen acceso a esa praza. As prazas públicas pasaron de 6.595 a 10.909, nada menos que un 65,4% de incremento. En toda Galiza creáronse, nos mesmos anos, un total de 92 novas escolas infantís públicas, pasando de 118 en 2005 ás 210 existentes hoxe en día. De feito, a Rede Galega de Escolas Infantís deseñada polo BNG xa ten presencia en 35 comarcas, o que supón unha cobertura próxima ao millón de habitantes. Só no noso entorno Zas, Ponteceso e Boiro xa teñen a súa. E a previsión para o ano 2012 fálanos xa de 12.497 prazas.
O PP non podía permitir que unha formación política sen ningunha experiencia de goberno na Xunta deixara en evidencia as súas miserias de 16 longos anos. Por iso non é de estranar que exista no entorno do PP unha estratexia de acoso e derribo ao programa de servizos sociais desenvolvido polo BNG, recoñecida mesmo por varios dos seus alcaldes.
Por algún motivo, hai un ano o PP decidiu que, mentres eles ocuparan o goberno, as nais e os pais de Carnota non poderían inscribir os seus fillos nun novo centro infantil público e de calidade, a carón das súas casas, para asi poderen ir traballar deixando os seus pequenos nas mellores mans. Atoparon unha Galescola xestionada e contratada ao acceder ao goberno, e só pendente de dar o pistoletazo de saída ás obras, algo que nunca chegou a producirse perdendo ademais os 550.000€ de investimento que supoñía para Carnota.
En definitiva a Galescola de Carnota deixou de ser unha realidade hai xa arredor dun ano. E co seu asasinato descubrimos, por primeira vez, cal sería a verdadeira política do PP no goberno de Carnota: Acabar con todos os proxectos que o BNG deixara xestionados, aillarse das restantes administracións, pagar uns poucos favores electorais e logo pregoar a súa ruína polas esquinas mentras seguen dilapidando a capacidade de endebedamento do concello que lle custou ao BNG suor e bágoas recuperar despois dos desastres que o PP e o Prestige supuxeron para Carnota. Por desgraza non nos equivocábamos.
Como ben reza a atinada esquela que encabeza este artigo, só nos queda pedir aos veciños un voto de confianza; Carnota merece un futuro mellor que o que nos ofrece o PP coa súa desidia.
O PP asegura que a residencia de maiores de Carnota «non é prioritaria»
Publicado ás 19:32h, en actualidade municipal, asuntos sociais, calamidade, goberno, obras, programa, proxectos, servizos públicos, xunta | Ver comentarios (2)
O goberno municipal de Carnota asegurou nun artigo publicado hoxe mesmo na prensa que a residencia de maiores prevista para Carnota polo anterior goberno municipal «non está entre as súas prioridades».
No artigo recoñécese que a proposta chegara de man do candidato nacionalista no contexto das pasadas eleccións municipais, e coa que o propio vicepresidente da Xunta Anxo Quintana amosara o seu firme compromiso, mais que tras os comicios e co cambio de goberno municipal o proceso quedou «estancado» pois o actual executivo decidiu que non entraba nos seus plans (que logo de 17 meses aínda estamos por saber cales son).
Aínda nos choca escoitar iso poucos meses despois de que o goberno municipal botara abaixo a Galescola contratada e puxera en tea de xuizo o Centro de Día xa en funcionamento co pretexto de que pretendía promover un «centro interxeneracional» (do que nunca máis soubemos) no que se agruparan os servizos sociais de Carnota, e nomeadamente gardería infantil, centro de día e a propia residencia.
Se ben a proposta de agrupar eses servizos parece tan inxustificada coma o feito de teren rexeitado xa proxectos reais coa excusa de buscarlle «un sitio mellor» -co enorme atraso que esa filosofía supón-, que agora digan que para eles eses servizos sociais non son importantes confírmanos que o problema non foi nunca da ubicación disposta nos proxectos orixinais, senón que o PP se nega a que Carnota dispoña deses servizos mentres esté no goberno. E punto.
De feito esta xa se converteu na tónica da lexislatura: O BNG a loitar por que Carnota siga avanzando en servizos sociais, calidade de vida, emprego... e o PP a desmantelar todo o que toca.
Carnota queda sen polígono empresarial... o PP "resta e segue"
Publicado ás 18:02h, en actualidade municipal, calamidade, goberno, industria, obras, programa, proxectos, servizos públicos, xunta | Ver comentarios (3)
A estas alturas xa nada nos sorprende. Todo é parte do mesmo. Somentes é cuestión de ter un pouco de memoria.
No comenzo da nova lexislatura os médicos de Carnota deixaron de ser substituídos durante as súas vacacións. A excusa do PP é que non teñen competencias. En consecuencia, a pasividade do novo goberno municipal significou o peche durante semanas dos centros médicos de Lira e o Pindo e o saturamento do único servizo que quedou en funcionamento, o de Carnota. Co goberno anterior nunca se producira esta situación... casualidade.
Pouco despois suprímense uns servizos pioneiros na comarca e que eran un privilexio para un concello das dimensións de Carnota: a Escola de Idiomas, as escolas deportivas e a Escola de Informática, polas que pasaron moitos centos de veciños de todas as idades. A excusa, que non eran escolas senón cursillos. A consecuencia, a perda duns servizos públicos de calidade, gratuitos para o veciño e case gratuitos para o Concello... casualidade.
Logo o goberno do PP decidiu renunciar á Gardería Infantil Pública (Galescola) que xa estaba contratada polo goberno anterior, e que conlevaba un investimento de 550.000€ para Carnota. A excusa, esta vez, foi que estaban a procurar unha nova localización da que nunca máis se soubo en Carnota nin na Xunta... casualidade.
Por non falar do Paseo Marítimo do Pindo, porque o alcalde de Carnota manifestou reiteradamente a súa vontade de botalo proxecto abaixo, utilizando como excusa que non era o que a el lle gustaría e que había que derrubar o histórico Pósito dos Mariñeiros (que mal lle faría para obsesionalo tanto?). Sorte que, neste caso, o concello de Carnota xa non tiña competencias e non puido facer nada por evitalo... casualidade.
Pouco despois, seguindo coa súa peculiar labor destructiva, o goberno aproba unhas taxas de conexión ao saneamento de arredor de 450€ por casa, e a empresa aproveita a connivencia do goberno para comezar a cobrar o servizo a ducias ou centos de casas que nin sequera teñen saneamento no seu pobo. A excusa dada esta vez polo PP, que o mundo é inxusto. A consecuencia, un incremento brutal da presión fiscal sobre o veciño a cambio de non colocar un só tubo novo nun ano e pico... casualidade.
Tampouco a asistencia a domicilio se librou "das artes" do PP de Carnota, que implantou unha taxa polo servizo e un rosario de formularios, solicitudes e certificados que a persoa dependente debe presentar para optar sequera a ser atendida. A excusa, a racionalización do servizo. A consecuencia, de contar nalgún momento ata con 14 persoas traballando na asistencia domiciliaria pasouse a 3, e agora ademais hai que pagalo... casualidade.
O goberno anterior promovía e emprendía tarefas de limpeza e restauración do noso patrimonio tradicional. Boa proba é a rehabilitación de varios conxuntos de casetas e muíños. O novo goberno do PP non só non as promove, senón que multa aos veciños que as fan coa excusa de supostas licenzas de obra necesarias. A consecuencia, o abandono total duns conxuntos que comezaban a ver a luz nas derradeiras lexislaturas e que os veciños pensen que se as recuperan eles o concello lles vai ao peto... casualidade.
A última consecuencia máis deste “tsunami” que significou o PP para Carnota é a perda do Polígono Empresarial, pois deixou morrer de inanición un proxecto que iniciara a súa andaina no ano 2004. A excusa... esta vez nin sequera a dou. A consecuencia: o Concello de Carnota perde 4 anos de tramitación do Polígono Empresarial e vese abocado a comezar desde cero, se é que o queren... casualidade?
No BNG de Carnota pensamos que chegou o momento de esixir responsabilidades. Sería o máis normal do mundo que o equipo de goberno do PP tivera un proxecto distinto ao que o BNG desenvolviu no goberno de Carnota, faltaría máis. O que non é normal é que lle pasen o rodillo a todas as iniciativas do goberno anterior a cambio de nada, xa que nin proxecto alternativo demostran ter e só reviran dependendo de por onde lles da o vento. Porque ao final quen paga non é o anterior goberno do BNG senón todos os veciños.
Non nos queda outra que pedir sentidiño ao PP e que deixen de machacar todas as xestións herdadas: o inimigo non é o BNG, nin a Xunta ou a Deputación, nin os proxectos que se atoparon en marcha ao acceder ao goberno. O inimigo é o despoboamento, o desemprego, a perda de calidade de vida, a perda de servizos, a presión fiscal que se está a crear sobre o veciño, a perda de subvencións e axudas, a multiplicación do endebedamento, o incremento desproporcionado dos gastos en soldos políticos, o réxime de multialcaldes que estableceron nada máis tomar o poder. Cando empecen a entendelo Carnota volverá a ter goberno.
Unha fotografía de Feijoó preside o despacho da tenente de alcalde
Publicado ás 19:32h, en actualidade municipal, calamidade, goberno | Ver comentarios (3)

Non é a primeira vez que un veciño nos comenta entre risos que o retrato de Feijoó saúda a calquera veciño que entre ao despacho da tenente de alcalde/alcaldesa en funcións, e loxicamente no BNG considerámolo unha broma sen maldade. Mais no día de onte a páxina oficial do concello de Carnota ilustrou unha nova cunha imaxe da sra. Piñeiro no seu despacho, e na que efectivamente se pode observar a dita fotografía do portavoz popular con toda claridade, acompañada pola propia concelleira no que parece ser un acto electoral do PP (pois aparecen na imaxe varios elementos de campaña).
No BNG preguntámonos a que se debe, pois non nos consta que esa dependencia sexa o despacho particular da sra. Piñeiro, nin tampouco que o señor Feijoó ostente ningunha responsabilidade institucional en Carnota ou en Galiza, dito isto sen ánimo de ferir ningunha sensibilidade. Mais parecen quedar claras as preferencias do equipo de goberno de Carnota para saír na foto, persoas do seu partido aínda que non teñan responsabilidades institucionais. Tal vez iso explique a súa negativa a colaborar coas demais administracións que nos afectan: o PP non goberna en ningunha delas. Mágoa para Carnota e por todo o que se perde de facer.
A Casa Consistorial é a casa de todos os veciños, voten a quen voten, e o mesmo se pode dicir da tenencia de alcaldía que exerce a señora María Soledad Piñeiro, pagada por todos os veciños e debida unicamente a eles. Non se comprende unha politización tan inxustificada de ningún espazo público, pero moitísimo menos a do órgano institucional máis próximo á cotidianidade veciñal: a Casa Consistorial está para traballar pola mellora do noso concello e na solución das problemáticas veciñais e non para facer puro proselitismo.
Por último, lembrar que unha das primeiras medidas políticas do novo goberno fora desterrar no faiado (literalmente) o interesante cadro que antes presidía o despacho da alcaldía; unha doazón feita a Carnota que representaba artisticamente diversos elementos característicos do noso patrimonio. Se cadra iso para o PP era politizar o Concello. Poñer a foto de Feijoó nos despachos non.
Tomémolo con humor, que a cousa non é para menos.
O BNG de Carnota habilita este espazo para que poidas expresarnos libremente as túas queixas, dúbidas, suxerencias...
Para facilitar a resolución da cuestión que nos plantexes será de moita utilidade que a redacción sexa clara e concisa. Se a túa mensaxe se dirixe a algún membro do noso grupo municipal síntete libre de plantexalo dese xeito no teu texto e faráselle chegar coa maior brevidade posíbel. Tamén dispós da opción de escribirnos un correo electrónico a carnota(arroba)bng-galiza.org.
Agradeceríamos o ton constructivo das mensaxes, e que os debates, de estabelecérense, se desenvolvan co debido respecto mutuo a todas as posicións. Por outra parte lembrar que, como vén sendo habitual no espazo para comentar os artigos desta páxina, eliminaremos os comentarios inxuriosos dedicados a atacar a vida personal das persoas que participan na vida política de Carnota.
Desexando que este espazo sexa da túa utilidade e contribúa a estreitar o contacto coa realidade dos nosos veciños, recibe un forte saúdo dos compañeiros do BNG.
E estreamos un innovador xeito de ver e compartir en liña o noso voceiro local. Para iso, preme aquí. Le e difunde!
*Fé de erratas: No artigo Paseo marítimo do Pindo: Manipulación popular figura erroneamente o dato de que o Paseo marítimo do Pindo supuxo un investimento de máis de 3 millóns de euros para o noso concello. Esa cifra refírese á totalidade de investimentos de Costas no noso concello, nos diversos proxectos que enumeramos no mesmo artigo. En realidade o Paseo marítimo do Pindo significou por si mesmo un investimento de arredor de un millón de euros.





