AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

28/12/2009

O alcalde recoñece que o 80% dos contratados no Obradoiro de Emprego «son do PP»

Comparte e opina:
Hoxe 28 de decembro, Día dos Inocentes, tivo lugar en Carnota un pleno extraordinario, forzado pola oposición para que o goberno explicara os criterios do proceso de selección dun Obradoiro de Emprego que alcanzou entre as veciñas e veciños de Carnota proporcións de verdadeiro escándalo. Por desgraza, a súa xustificación do proceso non foi unha broma propia de tan sinalado día, senón unha mostra máis dun goberno municipal que hai moitos meses pareceu perder o rumbo.

No transcurso do pleno monográfico, como era previsíbel, o alcalde eludiu asumir responsabilidades directas sobre as contratacións, culpando a unha Comisión constituída a tal efecto, conformada por dous membros da Xunta e outros dous do Concello, coa que él non tería «nada que ver», como tampouco cos criterios escollidos e mesmo chegando a simular a súa sorpresa por que desde a oposición se lle esixira celebrar este pleno.

O portavoz municipal do BNG tomou a palabra para criticar que unha cuestión que subscitara tal polémica veciñal non fora levada ao pleno polo propio goberno, senón que tivera que ser o BNG quen o promoviu a petición da veciñanza. Asi mesmo, denunciou que o alcalde recoñecera implícitamente o disparate nas contratacións pero pretendendo «escorrer o vulto», xa que se non puidesen existir dúbidas fundadas sobre a limpeza do proceso «o alcalde non tería ningún problema en recoñecer a responsabilidade sobre as contratacións», xa que foi a persoa que asinou, suponse que con pleno coñecemento de causa, todos e cada un dos contratos do Obradoiro.

Desde as bancadas do BNG pasouse a salientar a absoluta falta de transparencia no proceso, ao terse negado o goberno a facilitar criterios de selección, puntuacións, listado de admitidos e non admitidos... mesmo despois de serlle solicitada toda esa información por escrito, cando estes datos teñen que ser públicos. O portavoz do BNG ve nesta opacidade unha «ocultación de información» propia de quen «ten algo que agochar».

A seguinte parte da intervención do BNG centrouse en denunciar o despropósito que en si mesmo supuxera a selección: listaxes de candidatábeis paseando de man en man de persoas afíns, contratados de fóra do concello, familiares directos e sicarios políticos... Para o BNG o proceso deixa claro que non se tiveron apenas en conta criterios sociais e vulnerouse toda igualdade de oportunidades polo que «houbo unha inxustiza, dilapidouse unha oportunidade única para formar a aquelas persoas con dificultades para incorporarse ao mundo laboral e que o necesitan de forma imperiosa» nestes tempos de crise.

Rematou o portavoz nacionalista instando ao alcalde a «pedir disculpas aos veciños afectados» asi como que no futuro «nesas comisións de contratación tomen parte todas as formacións políticas, para non volver a incidir neste tipo de erros: as contratacións en función dunha única cor política».

Despois do contundente alegato do BNG, seguida pola intervención dun portavoz do PSOE que ratificou estas afirmacións, o alcalde de Carnota José Oreiro non titubeou á hora e espetar, diante de toda a corporación e de dúas ducias de veciñas e veciños presentes no Salón de Plenos: «Non son todos do PP, soamente o 80%, ou vós que creíades?».

Como vén sendo habitual, o alcalde negounos a posibilidade de intervir de novo, pero dada a gravidade destas palabras, pouco máis podería engadir o BNG a esta réplica, que demostra sen lugar a dúbidas cales foron os criterios reais de contratación, xa que o goberno mesmo tiña calculadas as porcentaxes de contratadas e contratados en función da afinidade política, e asi mesmo bota por terra calquera xustificación da limpeza e neutralidade do proceso de contratación.

O BNG quere amosar o apoio decidido aos veciños perxudicados por estes feitos avergonzantes, e anunciar que seguirá substentando as medidas de protesta que emprenda a veciñanza, pois cada día demostran ser máis lexítimas, como se está vendo.





Etiquetas: , , , , , ,

Hai 2 opinións.

  1. A realidade volve a superar a ficción. E o deste alcalde é impresionante.

    ResponderExcluir
  2. Hai cousas que nin fai falta decilas, pero espanta un pouco que esta xente xa nin se avergonze de admitir que son uns CORRUPTOS.

    ResponderExcluir

 

Facebook

  • ACEP Carnota
  • ACDR Asaghieiras
  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: