Nunca máis a dúas velas

Publicado ás 21:29h, en , , , , | Ver comentarios (0)

Carnota vén de botar 2 días con cortes de luz continuos por mor do forte temporal, cos conseguintes prexuizos para a vida veciñal e económica. E hoxe entra na noso País un novo temporal, co que a ameaza volve a cernirse sobre os nosos tellados.

Aproveitando o contexto, certos medios de comunicación tratan de arroxar as lóxicas críticas dos cidadáns contra o goberno galego, e particularmente contra o BNG, como se fose culpábel de todo o que se fixo mal durante 16 anos. O que poucos din é que a inmensa potencialidade enerxética que ten o noso País se adxudicou ata agora «a dedo», sen contar en ningún momento coas necesidades dos cidadáns que acolleron no seu entorno instalacións eólicas ou hidráulicas. No mellor dos casos, só lles tocou unha esmola ridícula aos propietarios dos terreos sobre os que eses muíños se asentaban físicamente, sen ningún outro rédito sobre a vida veciñal.

Hoxe grazas ao BNG está no prelo un concurso eólico que por primeira vez trata de que os beneficios da produción enerxética repercutan sobre a mellora das nosas condicións de vida. Todas as empresas que quixeran optar ao reparto dos megawatios a concurso tiveron que presentar un proxecto paralelo para a mellora das condicións de vida no entorno de cada instalación eólica. Como ben o resumiu Anxo Quintana, «o que queira poñer muíños terá que crear empresas e emprego». Ademais, o concurso resolviuse nunha mesa multilateral con todos os proxectos enriba da mesa, neutralizando asi todo indicio da opacidade habitual en etapas históricas afortunadamente superadas.

A pesar de todo, a resposta de algúns foi ridícula e irresponsábel. Certos grupos de presión empresariais e forzas políticas (incluíndo o PSOE) sumáronse alegremente a unha oportunista campaña mediática de desprestixio e intoxicación. O pretexto, que «empresas amigas do BNG apañaran no reparto», ou incluso (e isto xa case provoca o riso) que o concurso non fora transparente. En todo caso, aparte de interesados pronunciamentos públicos, estes irresponsábeis non achegaron ningún argumento de peso contra o chamado reparto eólico, e quedaron ben caladiños cando Anxo Quintana lles preguntou «a que empresa foránea do país queren favorecer». Porque saben que se fixo ben, tan ben que días despois moitos deses supostos indignados polo concurso non tiveron máis remedio que admitir que o proceso fóra intachábel.

Este é a forza de goberno que necesita Galiza. Aquela que é quen de poñer os intereses de Galiza por enriba de ningunha estratexia partidista. Aquela que non está disposta a permitir que a enerxía galega fuxa rauda polos tendidos ata Madrid ou Levante, sen que repercuta para nada no noso País. Aquela que tanto lle molesta a quen históricamente regalou os nosos recursos a dedo aos seus amigos e que agora nos veñen a contar como hai que facer. Aquela que, por primeira vez na historia no goberno galego, loita abertamente para que non se volvan repetir situacións coma a que se parodian no seguinte video protagonizado por un bo veciño noso.

O pasado venres Carnota recibiu a visita dunha comitiva de membros de áreas da Xunta xestionadas polo BNG, para interesarse polos diversos proxectos postos en marcha no noso concello. A comitiva estivo encabezada polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que estivo acompañado en todo momento polos membros do Grupo Municipal do BNG. Estes aproveitaron a ocasión para transmitirlle ao vicepresidente e candidato do BNG a presidir a Xunta diversas iniciativas dos seus compañeiros nacionalistas de Carnota e dos veciños, asi coma impulsar os proxectos aprobados na anterior lexislatura (Galescola, Residencia, Parque empresarial...) que a actual conxuntura política local impediu que teñamos xa en funcionamento.

A pé de portiño, revista e sorpresa
Tampouco fallou á cita con Carnota a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, nin a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, asidua visitante e amante do noso concello, que quixeron ver de preto os traballos de rehabilitación das casetas mariñeiras de Caldebarcos, que xa contan cun plano especial de protección.

A sorpresa do día chegou de man do propio Quintana, que anunciou unha nova partida de 100.000 euros para continuar coas actuacións do plano especial que ademais permitirá rehabilitar 47 casas e adecentar o entorno. Tamén quixeron destacar os esforzos do BNG para seguir nesta positiva liña de actuacións en toda Galiza, que xa se traduciu polo momento en 200 millóns de euros de investimento e 22.089 vivendas rehabilitadas.

“Galiza ten o parque de vivendas abandonadas ou en ruína máis grande de Europa e polo tanto estamos a facer un esforzo importante en materia de rehabilitación”. E queren aproveitalo mediante un "forte compromiso deste Goberno en materia de rehabilitación de vivenda e reconstrución urbana e renovación de espazos públicos".

Calor humano no Centro de día de Pedramarrada
Anxo Quintana tamén fixo unha visita ao centro de día de Carnota, onde foi cariñosamente recibido por traballadores e usuarios, cos que mantivo unha conversa durante a que se lle tramitiron suxestións para seguir mellorando a oferta de servizos para cos nosos maiores. Esta infraestructura, que naceu dunha vella reclamación do BNG reflectida na acción de goberno da nosa concelleira e compañeira Merche Díaz, púidose ver por fin en funcionamento a principios desta lexislatura encadrada no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cuns resultados moi positivos para a saúde e a calidade de vida dos nosos maiores e para a independencia dos seus familiares e coidadores.

Discriminación, u-la?
Por último, cabe salientar a cálida acollida do alcalde popular de Carnota José Oreiro a Anxo Quintana ás mesmas portas da Casa do Concello, que charlaron sobre os proxectos que as diversas áreas de goberno do BNG na Xunta teñen pensados para Carnota, e como non podía ser doutro xeito José Oreiro tamén puido transmitirlle as súas propostas. Isto contrasta coa suposta discriminación institucional que o alcalde leva denunciando desde que prácticamente ocupou o cargo, o trato pareceunos impoluto e se non puido ser máis extenso foi pola apretada axenda da comitiva nese día, pois ademais de Carnota xa viñan visitar os concellos de Outes e Muros.

Isto fainos pensar que con verdadeira vocación de servizo ao cidadán as naturais diferencias de tipo político difumínanse. Animamos ao señor Oreiro e o seu equipo a entender que a confrontación non é o camiño, senón substituír a -ata agora- actitude pechada, distante e desconfiada coas restantes administracións por verdadeira vontade de chegar a acordos para mellorar o noso concello e a vida dos nosos veciños. Neste xogo o único que gaña ou perde é Carnota. O BNG, polo menos, entendeuno sempre asi.

O alcalde de Carnota convocou un Pleno Extraordinario* para hoxe 23 de xaneiro ás 12:45 horas, coa seguinte orde do día:
1. Plan provincial especial de parques infantís (hai case un mes que se sabe disto)

2. Anulación do Pleno de 21-12-2007 (hai dous anos que se sabe disto).

3. Fondo Estatal de Investimento Local (hai mes e medio que saben disto)

Consideramos que ningún dos puntos xustifica o carácter extraordinario do pleno. Pero isto non é o máis grave:
· O alcalde estaba obrigado a convocar un Pleno Ordinario o día 2 de xaneiro e non o fixo, incumprindo o seu propio mandato no comezo da lexislatura.

· O BNG de Carnota presentou unha moción o día 12 de decembro de 2008 relativa ao Fondo Estatal de Investimento Local, e o alcalde non o incorpora á orde do día.

· Posibelmente o investimento máis importante de todo o período 2009 (e cecáis de toda a lexislatura), o Fondo Estatal de Investimento Local, xa foi aprobado en Xunta de Goberno Local, sen ter en conta para nada a oposición, levando ao Pleno un feito consumado para facer o paripé.

· Despois de dous anos e de media ducia de recursos vense obrigados a anular o acordo plenario de estudo de detalle dunha urbanización (onde o aserradoiro de Argimiro) para evitar danos maiores. Dito doutro xeito, estiveron defendendo durante dous anos unha urbanización ilegal e agora quéimalle nas mans e teñen que anular o seu propio acordo.
En definitiva, o alcalde de Carnota está a incurrir en sucesivas irregularidades administrativas e de déficit democrático, que xa denunciamos en repetidas ocasións ao longo da lexislatura, e polo visto segue nas mesmas. O grupo municipal do BNG de Carnota non está disposto a participar no circo no que se está a converter o concello de Carnota e anuncia que se vai ausentar do Pleno de hoxe.

*Fé de erratas: Por un erro de transcrición nun principio falábase nesta nova dun Pleno Extraordinario Urxente.

Eu son Anxo Quintana!

Publicado ás 13:03h, en , , , | Ver comentarios (0)

A actitude do goberno do PP de Carnota vai recordando cada vez máis á tradicional canción infantil: "Vamos a contar mentiras, tralará...". Non lles chega con botar case dous anos dicindo que está tan arruinado que non pode facer nada (excepto pagar favores), agora sorpréndenos en varios medios cunha nova trola, desas de libro. Citamos literalmente un párrafo da nota de prensa enviada polo concello de Carnota:
O xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, mantivo o pasado venres 2 de xaneiro, en Carnota un encontro co rexedor, José Oreiro, para definir as actuacións previstas no municipio que contan co financiamento do Ministerio de Medio Ambiente. Durante esa reunión, definiron os pormenores dun proxecto de nova factura, a aplicar no entorno do faro de Lariño.
Hai que ter morro; se o alcalde fose Pinocho, xa lle chegaría o naris á depuradora da conserveira -válla a redundancia-. Porque despois de máis de 3 anos sen preocuparse para nada do proxecto -case 2 deles estando no goberno-, que saia agora na prensa colgándose a medalla fainos rir bastante.

En efecto, para aqueles que poidan descoñecelo, o desenvolvemento desta iniciativa remóntase varios anos atrás, nomeadamente ata unhas fructíferas xestións do alcalde nacionalista Xosé Manuel García co propio xefe da Demarcación, Rafael Eimil. Por se existe algunha dúbida, o proxecto mesmo figurou no noso último programa electoral, en mitins, e foi citado en multitude de artigos publicados polo BNG antes e despois das eleccións. Só algúns exemplos:
Xa vedes que o noso non son as mentiras, senón as probas que demostran que a corporación actual e o PP nada tiveron que ver co dito proxecto, pois nunca o nomeou nin moito menos o defendiu, nunca o levou no programa (en realidade nin sequera fixeron programa), e ata agora tampouco falara do proxecto co xefe da Demarcación de Costas, que nós saibamos.

Para darlle un xiro máis dantesco (se cabe), imos atrevernos cunha pequena dramatización de como puido ser o asunto:
Tuuuuuut, tuuuuuut...
- Diga?
- Señor alcalde? Son Rafael Eimil, xefe da Demarcación de Costas, e téñolle boas noticias: O arranxo do entorno do faro vai para adiante!
- (...) O que?
- Aquel proxecto para o arranxo do entorno de Punta Insua, home, non sabe?
- Pois nin idea do que me fala, creo que se confundiu.
- Non me confundín, non. ¿Sabe que hai un faro en Lariño...
- Si! E é moi bonito!
- (Ufff...) Déixeme rematar, ho. O que lle dicía, que había un proxecto interesantisimo para adecentar o entorno dese faro, rehabilitar a zona para o disfrute de veciños e visitantes... e por fin se vai poder executar, despois de tantos anos ás voltas. Só era para comunicarllo...
- (...)
- Segue aí?
- Mire, ten que perdoarme pero teño que deixalo, teño que redactar urxentemente unha nota de prensa informando do meu primeiro proxecto de nova factura en todo o que levo de goberno, que se enteren todos! Vivaaaa! Iepaaa! Iupiiii! [os berros de xúbilo vanse alonxando]
- (Pffff...) Vai, ho, vai...
Piiiii, piiiii, piiiii...
Bromas aparte, o BNG de Carnota congratúlase de que ante a absoluta falta de ideas e proxectos da actual corporación municipal, polo menos agora comece a permitir que se executen os proxectos que a anterior corporación municipal do BNG deixou xestionados. Mágoa que a Galescola, a Residencia e o Parque Empresarial non correran a mesma sorte que a rehabilitación do entorno do faro de Punta Insua en Lariño. Mellor que se fagan e que o alcalde quede en ridículo simulando que son xestións súas, a que non se fagan e que o alcalde se invente unhas escusas tan absurdas que non fan nin gracia.



    Ler máis...

    Arquivo

    Categorías