Non podemos deixar de abraiarnos coa irracional política de personal que vén desenvolvendo o actual goberno de Carnota nun dos contextos económicos máis delicados da etapa democrática. Novas relacionadas
Os traballadores, sexan do sector público ou da empresa privada, desempregan un determinado traballo polo que reciben unha retribución. Ao noso entender, o traballo dignifica ás persoas que o exercen posto que ademais de supoñer progreso e realización individual é a base do progreso e do benestar colectivo. Xa referíndonos estrictamente aos entes públicos (e xa non digamos os concellos, institución pública máis próxima á cidadanía) deben levar unha política de contratación e de xestión do persoal axeitada para garantir a execución da función pública que lles é encomendada.
Nos 2 anos que leva o PP no timón de Carnota o único que fixo é aplicar o rodillo nas contratacións, dilapidando sen ningún criterio obxectivo os recursos humanos e os fondos públicos dos que ata agora dispoñía o concello.
Para que vos fagades unha idea do alcance do acoso e derribo do personal laboral que levaba anos facendo traballos absolutamente necesarios somentes sinalar que foron despedidos, entre outros, 8 traballadores e técnicos cualificados que ao concello apenas lle supoñían 10.000 euros, e que foron substituídos por traballadores de fóra do concello cun custo de 150.000 euros, como xa denunciamos no seu momento, entre os que se atopan un profesor de baile e un xornalista.
Ademais hai poucas semanas os máximos responsábeis políticos do Concello de Carnota despediron improcedentemente á limpadora do centro de saúde do Pindo (que xa fora despedida improcedentemente polo mesmo alcalde na anterior etapa) e á responsábel de actividades culturais e da OMIC (Oficina Municipal de Información ao Consumidor), ás que terán que indemnizar por sentencia xudicial (recurrida) con 30.000 euros, ou ben readmitilas nos seus postos. E non contentos con estas falcatruadas, agora despediron a tres traballadores da brigada de obras, cuxa improcedencia, de ser de novo recoñecida polo xulgado, suporanlle a todos os veciños segundo as nosas estimacións arredor duns 90.000 euros en novas indemnizacións.
Capítulo aparte merece o paquete de bonificacións salariais que o PP estabeleciu en canto viu a ocasión: xa faláramos no seu momento do dramático incremento en soldos políticos desta corporación a conta de reducir os investimentos, mais agora leva o pago de favores ao extremo premiando con descarados sobresoldos a fidelidade política de varios traballadores do seu entorno: o encargado do pavillón deportivo con 300 euros mensuais, un administrativo -que xa tiña que estar xubilado- con entre 400 e 500 euros, etc. Isto supón unha clara discriminación con outros empregados que historicamente si desenvolveron máis funcións que as que tiñan estrictamente definidas no seu contrato. Outra vez máis demóstrase que con este goberno non importa ser eficiente senón "amigo de...", que os compromisos que o PP adquiriu en campaña teñen que ser agora pagados por todos os veciños, e que a débeda económica non era do Concello senón do PP de Carnota.
E todo isto en tempos de crise, despois de 2 anos laricando que non teñen cartos nin para pipas... o que teñen é moi pouca vergonza. O peor non é a súa demostrada ineficiencia nin a repercusión sobre o erario público que está tendo a pésima xestión do goberno municipal nestas cuestións; o realmente grave é o seu despotismo e este mercadeo político sen precedentes en Carnota, asi coma o feito de estar tratando coma gando a veciños do noso concello con formación, experiencia e unha traxectoria profesional intachábel ao servizo dos veciños.
Mais no BNG este sentimento de vergonza allea só nos da máis enerxías para loitar na defensa do noso pobo e os nosos veciños, para conseguir coa vosa axuda desaloxar dentro de dous anos a este clan político desnortado e incompetente que o único que sabe facer é reducir a cinzas todo o que toca: os proxectos de futuro, os cartos e a dignidade dos nosos veciños.
O goberno de Carnota responde á crise dilapidando personal e recursos
Publicado ás 15:40h, en actualidade municipal, asuntos sociais, calamidade, emprego, goberno, servizos públicos | Ver comentarios (3)
Eleccións 1-M: Carnota desafía a tendencia xeral
Publicado ás 09:39h, en EG2009, eleicións, nacional, orgánica bng, xunta | Ver comentarios (0)
A perda dun deputado na provincia de A Coruña foi suficiente para que a coalición BNG-PSOE non puidese revalidar o goberno da Xunta. As marxes demóstranse cada vez máis axustadas nas eleccións autonómicas, asi coma a relevancia da campaña electoral nos resultados finais, pois practicamente ningunha enquisa previa deixaba ao PP nin de lonxe na maioría.
Desde esta páxina web felicitamos ao Partido Popular polo seu éxito e animamos a todas e todos os novos deputados galegos a poñerse a traballar coa maior dilixencia posíbel para afrontarmos os retos que agardan a Galiza a todos os niveis nos difíciles tempos que se achegan, se ben queremos amosar a nosa preocupación por algunhas das belixerantes medidas anunciadas por destacados membros do PP antes mesmo de tomar posesión, que agardamos só sexan debidas á euforia postelectoral polo inesperado tombo do goberno galego.
Pola nosa parte, e xa en clave local, o máis destacábel é que a pesar da tendencia alzista dos conservadores a nivel nacional e de incluír nas súas candidaturas a nº 2 do goberno de Carnota, o PP non foi quen de revalidar no noso concello a maioría absoluta que obtivera nas eleccións municipais, só dous anos despois.
Sabendo que é complexo facer unha translación deste dato a unhas eleccións municipais, si podemos consideralo un bo resultado que, por desgraza, non se viu repercutido a nivel nacional ou provincial, pero que nos debe animar a todas e todos os nacionalistas a seguir traballando co máximo esforzo, e sen paliativos, polo futuro do noso concello e do noso País, pois moitos centos de carnotáns e centos de miles de galegos así no-lo encomendaron. Desde o BNG de Carnota enviámosvos esta doble mensaxe de ánimo e agradecemento: moitas grazas, e adiante, con valentía e sen ataduras.





