Non foi quen de manter o engano por máis tempo (e iso que xa enganaba a poucos). O alcalde de Carnota decidiu quitarse a carauta e apuntarse coa excusa dos presupostos ao saqueo do concello no que os seus compañeiros de filas xa levan dedicando case 2 anos.
Antecedentes de feito
Imos facer un exercicio de memoria. Hai un ano que o PP de Carnota decidiu cambiar a súa tradicional crítica aos “excesivos” soldos que percibían alcalde e tenente de alcalde no anterior goberno municipal, e abriu a caixa forte do municipio a canto amigo quixera meter a man. Daquela poucos rexeitaran a xenerosa oferta: 30.000€ anuais a dous concelleiros, 38.000€ ao alcalde, e 2.000€ mensuais a unha amiga que pasaba por alí (tamén chamada Administrativa de apoio á alcaldía) e que pasou a cobrar case desde o primeiro día tanto ou máis que o funcionario de maior antigüidade no municipio.
Por desgraza para eles, o BNG non tardara en denunciar o chollo nin en facerlle saber aos veciños que o PP duplicara o soldo dos políticos a conta de reducir á metade o investimento en proxectos. Ademais, un medio de comunicación botou contas e revelou que o noso concello era o que máis gastaba da bisbarra no soldo dos seus políticos. Asi que o alcalde non lle quedara máis remedio que renunciar ao seu soldo, aínda que a versión oficial non foi esa, senón que "o BNG deixara o concello arruinado”. E quedou tan ancho.
Orzamentos municipais para o 2009, ou "pilla, pilla, que algo queda"
Este mes de abril de 2009, ademais das flores, agromaron en toda a súa dimensión as mentiras do PP: O alcalde acaba de coller unha dedicación exclusiva de 51.500€ anuais (715 mil das antigas pesetas ao mes) e consolidou o incremento de 8.000€ anuais á súa concelleira máis fiel. Os outros dous asalariados do PP tamén conservan o que tiñan, que non era pouco. En conxunto, os veciños de Carnota darémoslle a estes privilexiados uns 60.000€ máis que no ano 2008, e iso sen contar Seg. Social nin dietas. Alguén dixo crise?
Sobresoldos para uns e outros á rúa porque "non hai cartos"
Por se fora pouco, o PP consolida os sobresoldos aos seus empregados máis fieis: 6.000€ máis cada ano para o encargado do pavillón de Carnota e unha técnica informática, e 500€ máis cada mes a un administrativo, discriminando así ao resto dos traballadores; non esquezamos que 8 profesionais acaban de ser despedidos fulminantemente coa excusa da "falta de cartos". Ata certo punto é lóxico, pois ademais de que non hai cartos que paguen a tanto “metido a político”, rexeitaron as subvencións con que se lles pagaba a eses traballadores.
Case 6 veces menos investimentos para Carnota que no 2007
No capítulo dos investimentos, o goberno confirmounos o que o BNG levaba meses avisando: Se o concello segue nesta suicida dinámica de dilapidar personal e recursos, a cambio de seguir pagando favores políticos do PP na campaña, Carnota está condenada á parálise. Os nosos temores fixéronse realidade ao coñecer a cifra total de investimentos previstos polo concello para este ano: 660.000€. Unha esmola en comparación cos case 3,8 millóns de euros que o BNG aprobara nos seus últimos presupostos, 5,7 veces máis diñeiro e proxectos para a mellora de Carnota. E tampouco daquela había en ningún monte do noso concello unha árbore dos cartos; a diferencia está, simplemente, na capacidade política de uns e outros.
Carnota segue perdendo proxectos e aumentando os salarios políticos
Cada vez está máis claro que a crise en Carnota ten moi pouco que ver coa macroeconomía nin coa carestía da vida; este goberno perdeu totalmente o control hai moitos meses, e agora xa non teñen nin a vergonza de disimular o expolio das arcas municipais. Despois de dous anos sen ningunha nova inversión digna de mencionar, o alcalde, concelleiros e os seus amigos só parecen afanados en levar o diñeiro de todos para as súas casas, e en mirar para outro lado mentres os nosos veciños as pasan canutas para chegar a fin de mes. Están provocando unha crise de xestión sen precedentes que mantén o noso concello encallado desde que o PP se puxo no timón, e todo apunta a que así seguirá ata que se esgote a lexislatura ou a bolsa dos cartos.
O BNG pide ao equipo de goberno que se aprete o cinto
Moi ao noso pesar, a maioría absoluta do PP impídenos parar esta sangría, mais desde o BNG de Carnota volvemos a suplicar ao goberno que recobren a cordura dunha vez e supriman cando menos 2 desas dedicacións, que reduzan a escandalosa asignación do alcalde e que dediquen os poucos cartos que sobrevivan a facer sequera algún proxectiño no tempo que lles queda. Sabemos que non é moito pedir, pero o noso vasto coñecemento da ineptitude política destes gobernantes desaconséllanos pedirlles moito máis.
Non permitas que enganen a ninguén
A nós xa non nos enganaban, e agora a vós xa non vos poden enganar tampouco. Sen embargo, aínda hai moita xente que pode dar por boas as milongas que Oreiro lanza ao vento día tras día coa colaboración da prensa. Desde o BNG queremos pedir a vosa axuda para que os veciños saiban a verdade. Recomendade esta páxina web aos vosos coñecidos, mandade este texto por correo electrónico, ou imprimide e difundide o documento dos Orzamentos municipais ou o Boletín informativo que o BNG xa está a distribuir por Carnota. Se conseguimos chegar a suficiente xente, pode que o PP o pense dúas veces antes de continuar saqueando os cartos que deberían gastarse en mellorar o noso entorno. Non é un feixe de votos o que está en xogo, senón o futuro e a prosperidade deste noso concello que todos amamos. Tamén está nas túas mans.
P.D.: Por certo, que opinará o señor Alberte Núñez Feijóo, ese que acaba de tomar posesión na Xunta predicando a austeridade, sobre o que están facendo os seus colegas de Carnota?
Arquivos relacionados






