Os concelleiros do Grupo Municipal do BNG de Carnota compareceron hoxe no pleno extraordinario municipal portando camisolas co texto "863 voces silenciadas" (en referencia aos votos que obtivo o BNG nas últimas eleccións municipais) e as bocas tapadas con esparadrapo coas siglas "PP", sendo ao pouco tempo expulsados polo alcalde José Oreiro, tal e como acontecera no último pleno da vergoña.O BNG protestou deste xeito polo recurte das liberdades democráticas na vida política de Carnota desde que o PP accedeu ao poder: Negativa absoluta a facilitar todo tipo de documentación da entidade local, obstaculización das mocións e propostas do BNG, redución dos plenos ordinarios ata rozar a ilegalidade, incremento das sesións extraordinarias (onde non se permite á oposición presentar mocións nin rogos e preguntas), e por último a expulsión dos concelleiros do BNG do pasado pleno ordinario por difundir entre a veciñanza datos recollidos literalmente da proposta orzamentaria municipal para o 2009, un documento que é oficial e público.
En efecto, o BNG interpreta estes gravísimos feitos como unha demostración do despotismo do goberno municipal do PP (co silencio cómprice do PSOE) contra os tres concelleiros do BNG, e o que é máis grave, contra os 863 veciños que avalaron nas urnas o noso proxecto e aos que representamos estemos no goberno ou na oposición. Se nos calan a nós cálanos a eles.
Novas relacionadas
- Documento dos Orzamentos Municipais 2009 (PDF)
- O alcalde convoca un pleno para darse o gusto de expulsar ao BNG
- O alcalde súmase ao saqueo do concello
- Boletín informativo que o BNG distribuiu entre os veciños: PDF | JPG







