O BNG compareceu no pleno do pasado 29 de xuño, como anunciáramos, agardando a unión dos 3 grupos que conforman a corporación municipal, e tras ter presentado a moción redactada polos veciños contra o peche da Caixa Galicia en Lira, á que se sumou tamén o PSOE. Esta moción recollía literalmente todos os argumentos e as reivindicacións xa presentadas pola Plataforma veciñal aos máximos responsábeis da Caixa Galicia: o problema do envellecemento poboacional de Lira e Lariño, o problema do transporte a Carnota e Muros, o desenvolvemento dun turismo mariñeiro (1, 2) e hostelería nacente, a pesca, comercio e industria local que se verían notoriamente afectados polo peche da oficina... daquela con obxectivo de sensibilizar á dirección da entidade sobre unha problemática que transcende os simples prexuízos económicos.

Se ben o guión do Pleno apuntaba a recoller o debate e aprobación de dito escrito veciñal coas achegas que puideran acordarse, cal sería a nosa sorpresa cando, nada máis comezar o pleno e ante o salón cheo de veciños, o alcalde decidiu levar o asunto por outros derroteiros, propoñendo sacar adiante un novo manifesto para o que pediu o apoio dos 3 grupos, aínda sen explicar cal sería o seu hipotético contido nin en que punto do mesmo se tería en conta a opinión dos veciños.

Nun novo acto de incongruencia, o alcalde José Oreiro inquiriu sucesivamente aos portavoces da oposición «as súas posicións» ao respecto da polémica, ao que Tomás Freire respostou que «a postura do BNG xa estaba perfectamente recollida na proposta de moción redactada polos veciños». Esta contestación arrancou aplausos de boa parte dos presentes na Sala de Plenos, o que alporizou esaxeradamente ao alcalde, que rematou expulsando a varios integrantes do público.

Continuando coa intervención do noso portavoz, este manifestou a súa perplexidade porque o alcalde pretendera zanxar unha cuestión tan transcendental para a vida dos nosos veciños cun simple manifesto político da corporación, aínda por crear, en lugar de asumir (ou en todo caso debatir) os compromisos reais xa recollidos na moción veciñal xa presentada, o que para o BNG só se pode interpretar coma «un brindis ao sol» co único obxectivo de «eludir toda responsabilidade do goberno municipal» asi como «evitar adoptar compromisos reais» a respecto do peche. Ademais, Tomás Freire manifestou que esta actitude, e sobre todo como se convocou este pleno, era unha clara falta de respecto co movemento veciñal creado en torno ao peche de Caixa Galicia, ao non ter en conta en ningún momento a opinión dos veciños, e rematou afirmando que «eu como alcalde nunca terei a actitude que tivo vostede cos veciños; eu estarei ao fronte deles». Logo Tomás Freire pasou a expoñer as propostas do BNG:

  1. Adherirse sen cortapisas á Plataforma veciñal, nas accións reivindicativas que leven a cabo.
  2. Facultar ao alcalde para que lidere as xestións oportunas cos responsábeis de Caixa Galicia e con obxectivo de evitar o peche.
  3. Comunicarlle á Caixa Galicia de Carnota que en adiante o Concello pasaría a traballar coa Caixa Galicia de Lira, e no caso de esta pechar, que optaría por comezar a traballar con outra entidade financieira.
Tras esta exposición en positivo (a pesar das continuas interrupcións por parte do alcalde), Tomás Freire cedeu a palabra ao PP para que puideran achegar as súas propias propostas e así debatilas en conxunto, con posterioridade. Inexplicabelmente, o señor José Oreiro rachou a baralla espetándolle literalmente que «non se ía dar ningún debate, pois a oposición non ía ter máis intervencións». Ante a estupefacción dos presentes e as protestas do noso portavoz por esta actitude antidemocrática, José Oreiro, visibelmente nervoso e desencaixado, ordenou á policía municipal por terceira vez en menos de dous meses que expulsara a Tomás Freire do Pleno, ao que lle seguiron os restantes concelleiros nacionalistas Euloxio Franco e Merche Díaz, os representantes do PSOE (esta vez si), asi como a maior parte dos veciños presentes na Sala de Pleno, en mostra de solidariedade co noso compañeiro.

O BNG lamenta que non fose posíbel chegar a un acordo positivo para os nosos veciños, a pesar dos nosos intentos porque a cuestión non derivara nunha nova batalla política senón cun compromiso real con centos de veciños perxudicados polo peche da Caixa Galicia en Lira. Pero ao mesmo tempo, a actitude coercitiva e hostil do alcalde con todo debate produtivo, ao que desgrazadamente xa nos ten tan afeitos, lévanos a deducir que o problema non era a lectura política que se puidera facer do ritmo dos acontecementos deste conflito, senón cunha máis que probábel connivencia do alcalde e do PP de Carnota co peche da Caixa Galicia de Lira: cónstanos que o goberno do PP coñeceu antes que ninguén as intencións de pechar as sucursais da Caixa Galicia en Lira e O Pindo, a pesar do cal nin tan sequera informou aos veciños, tendo estes que enterarse de rebote. Tampouco o PP de Carnota solicitou a mediación do representante municipal en Caixa Galicia, tamén alcalde na Costa da Morte e compañeiro seu de partido.

Pese a dispoñer de ditas «cartas na manga», tanto no caso do peche no Pindo como no de Lira o alcalde limitouse a excusar a súa falta de implicación, alegando no caso do Pindo que «non é comptencia súa» e no de Lira que «tiña cousas máis importantes que facer», só reaccionando tímidamente neste último peche ao ver a masiva reacción dos veciños de Lira e Lariño.

E dicimos isto coa inmensa tristeza ver que hoxe en dia o goberno de Carnota demostra moita máis comprensión cos intereses espúreos dunha empresa privada que coas lexítimas reivindicacións dos nosos veciños ante unha problemática dun calado terríbel para as súas vidas.

Hoxe en día, o Concello de Carnota vive de costas á veciñanza. E recapitulando sobre todo o que leva pasado desde o 27 de maio do 2007, ese é o auténtico drama de Carnota, que tampouco ten visos de mudar salvo que se produza canto antes un auténtico golpe de timón na política local. O BNG vai seguir loitando por iso, pois por moito que traten de silenciar a tres concelleiros do BNG, o PP nunca vai poder silenciar ao conxunto dunha cidadanía que cada vez está máis farta.

Nota: Este artigo publicouse unha semana despois do Pleno para evitar que a postura do BNG fose difundida nos medios de comunicación antes que a dos veciños, como xa aconteceu nunha ocasión.




Finalmente, e salvo un inesperado xiro dos acontecementos, Caixa Galicia vai pechar definitivamente a súa sucursal de Lira, deixando asi a centos de veciños sen os servizos que a única entidade entre Muros e Carnota viña prestando. A noticia foi confirmada na mañá de onte polos portavoces veciñais, tras unha reunión co delegado de zona de Caixa Galicia, Xoán Carneiro.

Facendo balanzo de todo o acontecido durante esta semana e media, só podemos quitarnos o sombreiro ante a capacidade de resposta da veciñanza, que demostrou unha madurez e unha seriedade exemplar ante unha situación inxusta: Varias concentracións (unha delas nas portas da sede central de Caixa Galicia na Coruña), unha recollida de sinaturas virtual e en papel con máis de mil apoios recabados, e mesmo un activo e nutrido grupo de apoio na rede social Facebook, aínda que nada foi dabondo para influír nunha decisión que parecía levar tempo tomada.

Porén, non debemos caer no erro de pensar que tanto esforzo non valeu para nada. Toda iniciativa veciñal é sempre útil sempre que se faga con unión e convicción, e estas dúas máximas marcaron toda a resposta veciñal, o que nos demostrou a memorábel imaxe de ver xente con diferentes ideoloxías mobilizadas debaixo da mesma bandeira: a dos intereses veciñais.

Pola contra, a nivel político só podemos lamentar a feble reacción do PSOE, e máis aínda -cando non inexistente- a do PP, e sobre todo do Concello de Carnota, cuxas reticencias a involucrarse nun movemento veciñal sinceiro os deixaron fóra de xogo, e a só insinuar tímidos xestos de apoio tarde, mal e arrastro e con consecuencias xa case irrelevantes. De feito, cando máis falta facía só recibimos por parte do alcalde mostras de desinterese ou desconfianza. Só onte o alcalde decidiu convocar á oposición a unha reunión para convocar outra reunión. Onte, que o ultimatum de 48 horas dado pola Caixa Galicia expiraba deixándonos a sentencia de morte da sucursal de Lira.

Continuamos apoiando as medidas de protesta
Desde o BNG tivemos claro desde o principio que lonxe das lecturas políticas que puideran tentarse facer do movemento veciñal (e intentos de intoxicalo non faltaron), a nosa obriga era estar ao seu lado para todo o que puideran necesitarnos, e así o fixemos poñéndonos á súa disposición e mesmo ofrecéndolle a nosa modesta capacidade de mediación por se puidera ser útil para o interese veciñal, pois ese é o noso obxectivo.

Deste xeito, o BNG de Carnota vai apoiar a retirada veciñal dos fondos da entidade Caixa Galicia, pois quedou constatado que a súa única "función social" foi rabuñar unhas milésimas máis de beneficios a conta do noso rural, para abandonalo á súa sorte cando os cartos xa non chegan en carretillas. Isto contravén os propios estatutos da entidade, aínda que a ningunha autoridade pareza importarlle.

Por suposto, estamos abertos a calquera outra proposta dos veciños, dos restantes grupos políticos e tamén do Concello. Agardamos que por fin poidamos ver unha unión de todas as forzas políticas con representación no noso concello, pois desde o BNG entendemos que na defensa dos veciños non pode haber fisuras.

Rematamos amosando a nosa solidariedade co amigo Tino, ata hoxe director "da nosa caixa", como din os veciños, e felicitando a estes pola súa determinación, pois na defensa dos interese comúns este é o camiño bo.



Esta mañá un cento de veciños achegáronse en autobuses ata a central da Caixa Galicia na cidade da Coruña (rúa Nova con San Andrés). O obxectivo era elevar ata a mesmísima sede da entidade bancaria a contrariedade dos veciños de Lira e Lariño pola decisión de clausurar a sucursal de Lira, cos graves prexuízos que suporá a todos os veciños o feito de ter que desprazarse ata outras sucursais, as máis próximas situadas en Carnota e Muros.

Os portavoces dos veciños Pedro Balayo Caamaño e Antón Xoubanova Yermo foron recibidos arredor das 11:00 horas polo director xeral adxunto da sede central ao que lle entregaron máis de mil firmas dos veciños, tras o que lle explicaron as repercusións desta medida sobre a vida de centos -cando non miles- de veciños de Carnota, criticaron que a decisión se adoptase dunha semana para outra e pediron que non se eliminara este servizo de Lira.

Á saída da reunión, Pedro Balayo explicoulle aos veciños que se conseguira o compromiso de resposta oficial de Caixa Galicia en 48 horas e que parecía abrirse unha espectativa de diálogo, polo que á espera desa resposta disolviuse a concentración, xa preto das 12 horas.

Antón Xoubanova falou para o BNG de Carnota laiándose por que un consello de administración dunha entidade coma a Caixa Galicia puidera adoptar unha decisión tan extrema "en menos dunha semana, sen pensar nas consecuencias", porque ademais das operacións sobre nóminas, pensións, caixeiro... que a sucursal viña prestando, "non se valora a función fundamental da mesma: a obra social; veciños e sobre todo maiores con problemas de lectura que ían á caixa á que lle leran as cartas, os asesoraran a respecto das súas contas e operacións financieiras, ou lles explicaran como facer esta ou aqueloutra tramitación".

Anunciou asi mesmo que a de hoxe, lonxe de ser a última medida coma o peche, vai supoñer "o inicio dunha campaña de mobilización de todos os veciños", sempre e cando a dirección de Caixa Galicia non atenda ás peticións veciñais. Tamén lamentou que despois de convocar a todos os medios de comunicación só aparecera El Ideal Gallego para cubrir a reivindicación.

Tampouco faltaron mostras de solidariedade e agradecemento co director da sucursal de Lira, Faustino J. Rivadulla Carracedo, máis coñecido como Tino e moi querido e respectado polos veciños.

Como non podía ser doutro xeito, o BNG participou no acto reivindicativo dos veciños de Lira, coa presenza e varios militantes e membros do Grupo Municipal.
Posibelmente a nota máis agradábel da xornada foi un grupo de nenas vestidas co traxe tradicional, que se achegaron ás veciñas e aos veciños de Lira para regalarlles caraveles, xesto que espertou non poucos sorrisos.

Desde o BNG de Carnota temos pouco máis que dicir que animar aos veciños a seguir adiante coa súa causa xusta, pois a unión fai a forza.

Por certo, entramos na segunda semana de mobilizacións e o alcalde de Carnota segue desaparecido en combate.

Galería de imaxes

















A entidade bancaria acaba de anunciar o peche da sucursal de Lira, que se suma asi ao da entidade do Pindo hai uns seis meses.

O que se alega para esta decisión extrema é a insubstentabilidade da sucursal, dando asi unha preocupante mostra de desinterese polas repercusións reais desta medida sobre a vida da nosa veciñanza: operacións relacionadas con pensións, nóminas, recibos domiciliados, ademais do caixeiro automático, en adiante requerirán do desprazamento a Carnota ou a Muros, o que implicaría o uso de automóbil e suporía un práctico impedimento para moitos veciños, nomeadamente para os nosos maiores e os que non teñan carné de conducir.

O máis curioso chega á hora de revisar os estatutos da entidade:

Artigo 1, apartado 2: CAJA DE AHORROS DE GALICIA, ajena a fines de lucro, orientará su actividad primordialmente al servicio de Galicia.
Entenderemos por servizo a Galiza e sen fins de lucro o feito de pechar unha sucursal no rural porque non é rendíbel economicamente?

O BNG de Carnota comprométese a apoiar as medidas de presión que xa están a organizar os veciños de Lira e Lariño, consistentes nun calendario de mobilizacións contra esta nova perda de servizos e nunha recollida de sinaturas contra o peche da Caixa Galicia de Lira, para o que nos poñemos a total disposición da coordinadora veciñal (que xa conta cun grupo de apoio na rede social Facebook) constituida na reunión que tivo lugar antonte 15 de xuño na Casa do Mar, e na que estivo representado o BNG.

Por outra parte, vémonos na obriga de preguntar onde estivo o alcalde popular de Carnota, José Oreiro cando foi do peche da sucursal do Pindo hai seis meses, e onde está agora que a de Lira pende dun fío que promete crebar definitivamente o día 26 de xuño.

Cónstanos que o alcalde coñecía esta situación desde principios de mes, mais non fixo absolutamente nada para remedialo nin tan sequera informou aos veciños para que tomaran as medidas oportunas.

Entendemos que todo o dito só se pode interpretar como unha traizón do alcalde aos veciños, non só por non actuar contra o peche de dúas das tres sucursais da Caixa Galicia no noso concello senón por incluso ocultarlles e en todo caso negarlles aos veciños información que obraba no seu poder.

ACTUALIZACIÓN 1. ÚLTIMA HORA A 19 DE XUÑO:
Varios veciños aseguran que ante a chamada ao concello para solicitar apoio contra o peche, o alcalde lles respostou que tiña máis de que preocuparse. De confirmarse este extremo, o BNG vai pedir explicacións pola grave actitude do rexedor ante este conflicto, e se o seu silencio se debe á neglixencia política ou á complicidade coa empresa, pois tras semanas coñecendo o problema segue sen dar a cara para aproveitar a súa condición de representante de Carnota na Caixa Galicia para buscar algún acordo favorábel para os intereses dos veciños. Seguiremos informando.
ACTUALIZACIÓN 2: RECTIFICACIÓN DE INFORMACIÓN INCORRECTA:
Este artigo recolliu durante días que o alcalde de Carnota é representante no Consello de Administración da Caixa Galicia. O propio José Oreiro corrixiuno na última xuntanza da Corporación, dicindo que no momento do peche da Caixa Galicia de Lira el xa non era o representante, senón o alcalde da Pobra do Caramiñal Isaac Maceiras, tamén do PP.
Recollemos por tanto ese cese, do que o alcalde non nos informou en ningún momento, ao contrario da súa entrada na entidade, que si publicitara abondosamente.
ACTUALIZACIÓN 3. O ALCALDE DEIXA PATENTE A SÚA DESINFORMACIÓN:
O BNG vén de saber que o actual representante municipal na Caixa Galicia é o alcalde de Cabana de Bergantiños (tamén do PP), e non o alcalde da Pobra do Caramiñal, como nos rectificara José Oreiro. Queremos amosar a nosa preocupación por que non só non se nos informe aos grupos da oposición de ningún deses trocos, senón que ata o alcalde pareza descoñecelos cando máis importancia ten, que é cando nos afecta a centos de veciños.
Noutra orde de cousas, José Oreiro defendiuse das acusacións de pasividade ante o peche da Caixa de Lira alegando que "estivo traballando no tema", pois "redactara unha carta" dirixida ao vicepresidente de Caixa Galicia Salvador Fernández Moreda, tamén presidente da Deputación da Coruña polo PSOE.
Desde o BNG preguntámonos por que esa carta non se dirixe ao propio presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela Pérez. Se cadra ten que ver con que casualmente foi deputado do PP no Congreso e no Parlamento galego.



    Ler máis...

    Arquivo

    Categorías