Ligazóns relacionadas
Dos concellos integrados na Mancomunidade Serra do Barbanza, que xestiona a planta de Servia (Lousame) na que se trata o lixo de numerosos concellos da nosa zona, Carnota vai ser un nos que, xa de xeito oficial, vai intervir a Xunta de Galiza para garantir os pagamentos á entidade.
O anuncio chegou hoxe mesmo de man do seu presidente, Santiago Freire, que anunciou que as inxentes cantidades adebedadas por varios concellos -entre os que cita a Carnota en lugar destacado- o obrigaron a pedir a mediación do goberno galego, pois de seguir nesta dinámica «a mancomunidade acabará asfixiada» e mesmo estaría en perigo a súa viabilidade.
Esta drástica medida, que se aplicará desde este mesmo momento, implicará que cada trimestre a Xunta reterá directamente do erario do concello de Carnota determinadas contías, para ir asi facendo fronte á débeda acumulada, que se situaba a mediados de xaneiro en arredor de medio millón de euros.
O BNG de Carnota quere amosar a súa total preocupación pola inercia que tomou o concello de Carnota, que segue afanado exclusivamente en inflar os soldos dos políticos e sicarios do PP, xusto nun momento económico e social crítico que esixe desesperadamente adoptar medidas de contención, comezando por recobrar a cordura e retornar a retribucións salariais similares ás que o goberno de Carnota percibía no ano 2007, coas pertinentes actualizacións anuais. Do contrario, unha medida tan drástica coma a anunciada hoxe soará a broma con respecto do que pode vir a continuación.
O PP debe tomar dunha vez a determinación de comezar a gobernar, pois o único ao que se limitou en case tres anos de mandato foi pedir créditos, executar algúns dos proxectos que o BNG deixara xestionados e, por suposto, apañar inxentes cantidades de euros -e medrando- para eles e para o pago de favores aos seus sicarios políticos. E se ben isto xa é reprobábel nunha situación normalizada, na situación crítica que vivimos tórnase suicida.
A Xunta vai reter as contas do concello de Carnota por impagos
Publicado ás 13:11h, en | Ver comentarios (18)
O alcalde insinúa sen probas que a oposición está detrás dunhas pintadas aparecidas na Casa do Concello
Publicado ás 15:54h, en .carnota, actualidade municipal, calamidade, goberno | Ver comentarios (0)
En busca do protagonismo perdido, o PP de Carnota recurre agora ao vitimismo e ás inxurias para adquirir un novo titular na prensa. Ligazóns relacionadas
Unhas pintadas son agora o motivo de que o concello de Carnota volva á palestra mediática, lamentabelmente. Asi, unhas pintadas alusivas ao desgoberno de Carnota aparecidas na noite do 16 convertéronse, tras pasar pola factoría de demagoxia do PP, en mostra da "falta de alternativa" dos grupos da oposición. Delirante.
O peor de todo non é que a falta de proxecto o PP precise inventar algo do que falar, senón que o seu círculo de sicarios políticos -en concreto un dos grandes favorecidos polo escándalo dos sobresoldos a colaboradores do PP- sinalou con nome e apelidos un veciño do noso concello, militante do BNG, ao que tamén se lle acusou duns desperfectos nas instalacións deportivas da UD Carnota, que presuntamente tiveron lugar case unha semana despois.
Precisamente foi un dirixente desta entidade deportiva o que se puxo en contacto vía telefónica co militante nacionalista para recriminarlle os danos producidos nas instalacións do clube de fútbol, e de paso advertirlle que as gravacións rexistradas polas cámaras de seguridade da policía municipal o identificaran como autor das polémicas pintadas, segundo soubera por fontes do Concello.
Ante a gravidade destas acusacións, o compañeiro do BNG, que paradoxalmente leva varias semanas desprazado de Carnota por motivos laborais, púxose en contacto coa policía local para verificar estas afirmacións, sendo un axente o que o informou de que non só non tiñan ningún cargo na súa contra senón que os verdadeiros autores dos feitos denunciados non estaban identificados en absoluto.
Pois ben; malia carecer de probas, o alcalde de Carnota non desperdiciou a oportunidade de mentirlle á prensa e a toda a veciñanza asegurando literalmente que "temos perfectamente identificados aos autores" asi como "se esta é a alternativa ao goberno local que propoñen, boas nos esperan", insinuando deste xeito unha autoría por parte dos partidos da oposición.
Lamentamos que o desnorte político do PP chegue ata os extremos de incriminar a persoas inocentes, e queremos transmitirlle ao goberno municipal que se pensan que dous garavatos nunha fachada os van librar do inmenso descontento veciñal pola desfeita que están causando no Concello, boa lles espera.
O BNG denuncia o abandono do Pindo e Lariño dos investimentos municipais
Publicado ás 12:02h, en .lariño, .pindo, actualidade municipal, economía, emprego, goberno, servizos públicos | Ver comentarios (0)
O BNG de Carnota quer poñer en coñecemento da veciñanza a situación de agresión continuada aos veciños do Pindo, nomeadamente na cuestión do saneamento da dita localidade. A última materializouse o pasado 28 de xaneiro ao aprobar o novo Plan E (Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local). O Concello xa leva recoñecidos 1,5 millóns de euros deste Plan dos que non investiu nin un só euro no Pindo (nin tampouco do resto dos fondos). Novas relacionadas
No Pindo, ademais, estase a producir unha situación absurda: os veciños levan case 3 anos pagando unha taxa polo saneamento sen disfrutar deste servizo. O BNG xa denunciou esta situación en canto se lle empezou a notificar aos veciños o importe das cotas, a finais do verán de 2007. Tamén presentamos unha moción datada a 20 de novembro de 2008 para que o saneamento do Pindo fora recollido dentro do Plan Estratéxico de Infraestructuras do Medio Rural. Tamén presentamos unha moción o 10 de decembro para o Fondo Estatal de Inversión Local. O BNG tamén tentou tratar esta cuestión no pleno do 28 de xaneiro de 2010, onde se aprobou o novo Plan Estatal de Inversión Local. En outros moitos plenos fixemos rogos e preguntas ao respecto. Pero sorprendentemente o goberno local nunca atendeu esta demanda nin tratou as nosas mocións.
Lariño, outro tanto do mesmo
Igualmente está a pasar no caso de Lariño cunha pequena particularidade: no novo Plan E foi incluída unha pequena obra de saneamento. Mais lembremos que esta é a única parroquia do Concello que non ten a rede primaria de saneamento, e polo tanto facería falla un investimento 10 veces superior. A disculpa que puxo o alcalde no Pleno do 28 de xaneiro foi que estaban «xestionando o sistema de depuración». Dito doutro xeito, onde se necesitan investimentos faise o paripé e onde se precisa tempo e esforzo perdéronse tres anos e leva camiño de perder outros tantos.
Ante o desleixo, o BNG pide solucións e ofrece alternativas
Vistas estas cuestións, e tendo en conta que o novo Plan E foi aprobado en Carnota por vía de urxencia (cando na realidade tiveron tres meses para facelo) o BNG plantexou a elaboración dun Plano Director de Infraestructuras de Carnota, no cal se delimiten as obras a realizar e as prioridades, de xeito consensuado con todos os grupos políticos.
Do mesmo xeito, plantexamos a realización dun Plano de Emprego para Carnota, a realizar entre todos, que contribúa a revitalizar a economía e o mercado laboral no municipio, e poña fin á irresponsabilidade manifesta que caracterizou neste eido ao goberno municipal ata o momento: Lembramos que todas obras do primeiro Plan E foron concedidas a unha única empresa de fóra do concello de Carnota e que non xerou apenas ningún posto de traballo. Por non falar do escándalo do Obradoiro de Emprego.





