O local dos veciños de Lariño acolleu onte o primeiro acto do BNG de Carnota para darlle a coñecer á sociedade as propostas e as ideas do BNG para devolverlle o concello aos veciños o 22 de maio.
Rafa Sestaio, mozo de Lariño que participa na sétima praza da candidatura do BNG, foi o encargado de abrir o acto ante máis dun cento de veciños, e animou a todo o pobo a sumar a súa forza e ilusión á do BNG para poder comezar a revertir dunha vez por todas o abandono no que se atopa Lariño e todo o concello de Carnota.
Logo foi Ramón Noceda, candidato á alcaldía de Carnota, quen tomou a palabra para explicar as ideas forza dun programa cos pes na terra que fuxe de personalismos e proxectos faraónicos para centrarse na xente e dalle a voz aos veciños, pois é a sociedade quen coñece cales deben ser as políticas a aplicar.Dito e feito. A veciñanza integrouse no acto como nunca, debatindo os maiores defectos da acción municipal estes catro anos, sobresaíndo o abandono de ríos, praias e o medio natural de Lariño, asi como a discriminación e falta de oportunidades e tamén o despotismo por parte do alcalde, que se negou reiteradamente a atender demandas veciñais.
Moncho Noceda recolleu o guante e comprometeuse a devolver a trasnparencia ao goberno municipal, rematando co clientelismo nas contratacións, e promovendo o asociacionismo para que toda a veciñanza se implique en asuntos de primeira orde, coma os orzamentos, as obras e mesmo na priorización dos investimentos municipais.
Por outra parte, lembrou Noceda que a situación do concello non convida á euforia pois é hoxe crítica, polo que a austeridade debe ser a pedra angular de toda a acción municipal, mais o goberno debe dar exemplo: se gaña as eleccións o BNG só terá unha única dedicación exclusiva, a do alcalde, sempre inferior a dous mil euros brutos.
Por outra parte, no debate aberto os veciños lamentaron que as demais forzas de Carnota non queiran apoiar o Parque Natural do Monte Pindo, proxecto que con Noceda será unha prioridade e converterase no piar do desenvolvemento futuro de Carnota.
Cumpriuse a intención inicial dos convocantes e o acto resultou aberto, participativo e útil para o futuro de Lariño e todo o concello. Pero ademais, sorprende a alta asistencia nun día tan triste, pola mala meteoroloxía pero tamén pola coincidencia co enterro de varios veciños, aos que Ramón Noceda fixo unha sentida mención trasladando o ánimo do BNG ás súas familias.







Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.