O Bloque Nacionalista Galego desenvolviu esta fin de semana unha intensa axenda de actos públicos no noso concello para explicar o programa do futuro goberno que lle vai devolver o concello aos veciños.
O primeiro acto da fin de semana foi o mitin do BNG de Carnota no colexio do Pindo, na tardiña do venres.Foi Consuelo Lamela, nº 18 da candidatura nacionalista, a encargada de abrir o acto. As palabras sinxelas mais convencidas de Consuelo arrancaron un dos aplausos máis fervorosos do máis dun cento de veciños que quixeron estar na escola.
Betty Riveiro, moza do Pindo que asiste no décimo posto da lista do BNG de Carnota, tomou o relevo para, dirixíndose especialmente á mocidade, esixir de todas as institucións máis oportuinidades para mozas e mozos, para que como é o seu propio caso, deixen de ter que buscarse a vida fóra de Carnota.
Merche Díaz, nº 2 da lista e actual portavoz municipal, denunciou a desaparición da Concellería de Muller, que tanto apoio viña dando aos colectivos desfavorecidos do noso concello, e tras comprometerse a recuperar este área pediu o apoio para o proxecto de goberno nacionalista, o máis realista e necesario pois precisamente pretende recoñecer como interlocutores aos diferentes colectivos do noso concello, que son precisamente os que coñecen os problemas e as necesidades.
A continuación o propio Ramón Noceda dirixiuse ao auditorio para concretar os aspectos do programa relativos ao Pindo e para darlle a palabra, tras un debate sobre as carencias e erros da acción municipal do actual goberno rematou un acto marcado pola petición de voto ao BNG como única alternativa frente ás políticas de dereita do PP e do PSOE, e polas alusións ao abandono do Pindo desde o goberno municipal, sendo os veciños os que tiveron que suplantar a acción de goberno coas súas propias iniciativas, como vén acontecendo noutros núcleos.
Máis dun cento de veciños quixeron estar o sábado no Salón de Actos do Concello de Carnota escoitando propostas e tomando a palabra, nun dos actos máis multitudinarios que viviu nunca o BNG nesta parroquia, e cunha moi destacada presenza da mocidade.Tono de Albela, nº 4 da lista do BNG, foi o responsábel de abrir o acto, intervención na que fixo unha sentida mención a un veciño e compañeiro que hoxe estaría ocupando o atril se seguira entre nós, Euloxio Franco, sendo este o momento máis emocionante da tarde.
Iván Franco, mozo de Carnota e nº 3 da candidatura nacionalista, estreouse como orador e incidiu na aposta do BNG pola mocidade, pois sen a mocidade Carnota nin ningún concello pode ter futuro. Chamou Iván a autoorganizarse en asociacións de todo tipo, pois despois do 22 de maio estes colectivos terán unha implicación fundamental na vida municipal se o BNG chega ao goberno, participando na priorización de proxectos e incluso dos investimentos. O BNG busca deste xeito rematar co clientelismo na vida pública de Carnota, pois o goberno municipal debe gobernar para todos e todas independentemente da súa forma de pensar.Ramón Noceda rematou o acto expoñendo os principais puntos programáticos do proxecto nacionalista, que fuxe falar de "obras e farolas" e si fala de devolver a transparencia, austeridade e realismo á política local. Moncho Noceda rematou presentando un "invitado especial", o público, o ata agora destinatario e a partir de agora tamén artífice da acción municipal. Non rexeitou esta posibilidade unha asistencia que iniciou un intenso debate plagado de referencias ás necesidades dos veciños e tamén ao sectarismo dos actuais alcalde e tenente de alcalde de Carnota, José Oreiro e Marisol Piñeiro, que non só practicaron o clientelismo nas contratacións senón que chegaron a humillar a aspirantes que non gozaban do favor do goberno municipal.
O domingo foi o turno da xente de Caldebarcos, que abarrotaron a antiga escola e para coñecer o proxecto do BNG e transmitir as súas inquedanzas.
Neste caso foi Belén Campos, responsábel local do BNG e nº 5 da candidatura nacionalista, a encargada de abrir o encontro con máis de cincuenta veciños e veciñas reiterando o compromiso total coa veciñanza de Caldebarcos, á que se debe, dixo, antes que a ningún outro interese.
César Cambeiro, nº 13 da lista e presidente da asociación veciñal Xurde Caldebarcos, aclarou os por que da súa implicación na vida política mediante as candidaturas do BNG, pois dixo, Caldebarcos necesita máis que nunca un goberno que escoite aos veciños, e a única alternativa ante as políticas de dereitas exercidas por PP e PSOE é o BNG. Asi, dixo que o primeiro e máis importante que debería facer un alcalde con respecto a Caldebarcos é «deixarnos traballar» en vez de «tentar asfixiarnos», o que ilustrou enumerando as moitísimas ocasións en que o actual goberno municipal boicotou actividades do colectivo veciñal, polo simple feito de que o alcalde entendiu nalgún momento que non eran «da súa corda».
A continuación, a veciñanza tomou a palabra para pechar o acto, salientando novamente as críticas aos continuos atrancos postos polo PP á actividade veciñal, e negativa do goberno a acometer diversas tarefas de mantemento que se lle solicitaron tanto a nivel individual como colectivo, e novamente o sectarismo na actitude e o clientelismo nas contratacións.
Se algo vimos detectando grazas a este novo formato de actos do BNG de Carnota, nos que a sociedade exerce de poñente, é que a xente se sentía orfa de espazos de opinión e decisión, e que está farta de supostos líderes que só acaban representándose a si mesmos.
Ademais, o BNG desbotou a posibilidade de que nesta campaña veñan poñentes de fóra de Carnota a explicarlles á xente como funciona este concello, como practican o resto das forzas. Ninguén mellor que os veciños membros da candidatura para ser interlocutores do BNG coa xente, e ninguén mellor que a xente para falar dos problemas e das urxencias do seu pobo.
Tampouco quixo o BNG caer na guerra de obras de PP e PSOE. Levando adiante a defensa da democracia participativa, no programa do BNG case non figuran actuacións concreta, que están todas recollidas nun documento aparte que os veciños axudan a completar no día a día e que servirá como guía de traballo a partir do 22 de maio. O BNG entende que esta campaña ten que servir para falar do futuro e para decidir o tipo de goberno que queremos: un que escoite as demandas da sociedade (o BNG) ou un que se saque do sombreiro proxectos extrafalarios sen consultalos con ninguén máis, chámense cidades privadas para xubilados, macropiscinas descubertas ao pe do Atlántico ou paseos marítimos de medio cento de quilómetros.
Este é o modelo de goberno que quere practicar o BNG se o 22 de maio conta co suficiente respaldo dos veciños, e ese será o auténtico cambio que se produza despois das eleccións, onde a xente non está chamada a votar un cambio de caras senón un verdadeiro cambio na forma de facer as cousas: a alternativa que representa o BNG.






Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.