Publicamos a carta aberta enviada recentemente aos fogares de todos os veciños e as veciñas de Carnota polo seu alcalde Ramón Noceda.
Con este xesto o BNG quer cumprir o compromiso de transparencia adquirido ante a cidadanía, informando con clareza da situación interna real do concello. Foi precisamente a falta de transparencia un dos defectos da acción do anterior executivo do PP que máis incomodara ao conxunto da veciñanza.
A misiva divídese en catro apartados prologados polos datos económicos a día da redacción do escrito, que arroxan un importante déficit que dificultan e mesmo impide desenvolver as iniciativas que no BNG procuramos e que a cidadanía demanda. Asi, esta lexislatura iniciouse cunha débeda total de 4.896.314 euros, dos que case catro millóns se desglosan entre débedas acumuladas coas entidades bancarias, o servizo de auga e saneamento e sobre todo as débedas con diversos proveedores, que acumulan un total de 1.300.000 euros.
![]() |
| Merche Díaz e Ramón Noceda durante a recente sinatura dun convenio con COGAMI |
Por último, a carta ocúpase de informar coa maior transparencia posíbel das contratacións que se produciron, a creación do imprescindíbel Rexistro Municipal de Asociacións, os avanzos do programa posto en marcha para a revitalización do agro e a pesca no municipio, e por suposto o chamamento á participación da cidadanía en temas que axiña estarán enriba da mesa, como é a elaboración dos Orzamentos Municipais e o PXOM. Cabe lembrar que a implicación da sociedade na vida municipal constituiuse no principal piar da campaña do BNG de Carnota nas pasadas eleccións.
Agardamos que esta información sirva para aclarar á cidadanía boa parte dos interrogantes que hoxe se poidan ter sobre a acción municipal neste primeiro ano de mandato que está a piques de cumprirse. De non ser asi, lembrámoslle a toda a veciñanza que se algo quedou no tinteiro poden consultalo libremente póndose en contacto co BNG de Carnota ou directamente con Moncho.







