AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

21/08/2017

Carnota, encrucillada de caravanas

Comparte e opina:
Ata 46 caravanas contaron onte na cabeceira da praia de Maceiras. Fonte: FB Carnota A Coruña.
O BNG valora que Carnota é un municipio extremadamente atractivo para as caravanas e de feito xa leva varios anos sendo un dos destinos preferidos na nosa nación para as persoas apaixoadas deste tipo de turismo; mais desgrazadamente o noso Concello aínda non conta cunhas instalacións apropiadas para esta actividade, polo cal cada ano veñen repetíndose problemas de convivencia entre estas e outras formas de disfrutar do verán na nosa terra, e coa propia veciñanza.

Porén este ano a situación desbordouse completamente coa chegada masiva de caravanas e ante o efecto chamada de varias redes sociais que promocionaron este destino desde un enfoque pouco respectuoso co entorno e irresponsábel. Isto obrigou ás autoridades locais a adoptar medidas urxentes coma o peche ao tráfico rodado de determinadas vías e o desaloxo de zonas costeiras absolutamente ateigadas de caravanas que converteran o ecosistema dunar nunha especie de camping ilegal. Nos casos máis graves mesmo chegouse á imposición de sancións de diversa entidade.

Somos conscientes que estas solucións non satisfán a todas as partes, e pedimos paciencia e comprensión ante a complexidade dun problema estacional que se da nun Concello no que, para maior dificultade, boa parte do seu territorio (e a práctica integridade da nosa costa) depende doutras entidades públicas (nomeadamente da Demarcación de Costas do Estado) ou está protexida pola figura de Rede Natura, que xa temos criticado por resultar restritiva para a veciñanza e o Concello (mesmo para o desenvolvemento de actividades tradicionais perfectamente sostibles ou para desenvolver unha eco-concentración parcelaria), mais que non supón ningún obstáculo ao desenvolvemento de proxectos industriais que suporían a destrución irreversíbel de grandes áreas protexidas.

Porén, isto é o que temos entre mans de momento e con estes vimbios hai que compatibilizar as actividades turísticas, veciñais e por suposto o respecto da lexislación e da conservación do medio ambiente; como facelo de forma que satisfaga a todas as partes é o gran dilema.

A representación do BNG na corporación municipal tentou sempre dar unha resposta a esta problemática, primeiro cun proxecto de cámping municipal na Boca do Río (frustrado por tratarse de zona 1 da Rede Natura), e agora presentando un ambicioso proxecto para a creación dunha ampla zona de aparcadoiro municipal en Lombáns, que contará cunhas instalacións apropiadas tanto para automóbiles coma caravanas. Este proxecto, orzamentado en 300.000€ que o Concello aínda non pode asumir por si mesmo, só recibiu 5.000€ de dotación ata o momento, claramente insuficientes para a posta en marcha deste novo e a todas luces necesario servizo público para veciñanza e visitantes.

A presenza de animais domésticos na praia

A presenza de mascotas nos nosos areais foi outro motivo de debate pola ordenanza aprobada polo Concello este ano, que non prohibiu senón que restrinxiu esta opción a determinadas franxas horarias. A limitación legal de levar animais domésticos ás praias é xeralizada por simples cuestións medioambientais; Carnota limitouse a ordenalo e regulalo mediante unha ordenanza dirixida a compatibilizar o lecer das persoas con e sen mascotas, limitando o seu acceso estival á franxa horaria en que hai menos afluencia nos areais. Os animais tamén deben ir sempre amarrados, para protexer ás persoas e tamén a biodiversidade nos nosos areais, onde habitan varias especies protexidas que poden verse gravemente afectadas.

Pode que esta solución non satisfaga a todo o mundo pero buscou ser ecuánime e permitir o goce dos nosos areais por todas as persoas. Por outra parte o Concello xa está a barallar que praias do noso municipio poderían ser compatíbeis coa presenza de animais domésticos en horario de baño, sen perxudicar nin a súa delicada biodiversidade nin a outras persoas.
Etiquetas: , , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: