Unha asociación de veciños de Caldebarcos que vén de restaurar un conxunto de muíños na localidade informou ao BNG de Carnota que o Concello, que non colaborou de ningún xeito coa iniciativa, si lles esixiu máis de medio millón das antigas pesetas co pretexto dunha suposta licenza de obras necesaria para esa intervención que a propia asociación de veciños emprendera altruistamente e co apoio da administración autonómica.

Tan irracional medida subscitou o notábel enfado non só das persoas integradas na asociación, senón tamén o de moitos outros veciños de Caldebarcos que non se explican que un equipo de goberno elixido para defender e mellorar o seu pobo non só non moveu un dedo para contribuír coa rehabilitación do precioso conxunto de muíños, senón que ademais multou deste xeito unha labor veciñal tan altruísta como positiva para o noso medio ambiente e mesmo para sectores produtivos coma o turismo.

Por se isto fora pouco, inmediatamente despois de que a asociación se resignara a ingresarlle ao Concello a totalidade do diñeiro que lle esixía, o goberno do PP de Carnota sorprendeu a todos anunciando na prensa e mediante un Bando Municipal que iña organizar percorridos turísticos polo mesmo conxunto de muíños cuxa restauración acababa de gravar tan desmesuradamente.

É dificil manifestar nunhas poucas liñas o sentimento de indignación que nos están a transmitir moitos veciños de Caldebarcos pola absurda situación á que este goberno municipal deu lugar, e máis aínda sabendo que, durante as lexislaturas anteriores, co goberno municipal liderado polo BNG nunca se someteu a tal presión fiscal aos nosos veciños cando se trataba de intervencións de recuperación do patrimonio tradicional, senón todo o contrario.

Este tipo de actitudes avergonzantes só poden demostrar un absoluto afán recadatorio deste goberno municipal por riba de ningunha outra intención, pois ademais da súa total ausencia de programa e proxectos segue aparentemente obsesionado con "solucionar" os seus problemas financieiros (que eles mesmos se están a crear) atacando sen ningún disimulo o peto dos nosos veciños, xa sexa mediante a creación de impostos por servizos que nin sequera se están a prestar (saneamento no Pindo, asistencia domiciliaria...), o cobro por todo tipo de servizos antes gratuitos (cursos, actividades deportivas, incluso as fotocopias), e un longo etcétera.

Todo lle serve a este equipo de goberno con tal de recadar, excepto racionalizar as contratacións directas a conta do erario municipal, e xa non digamos os soldos de carácter político que se dispararon durante o ano e pouco que levamos de lexislatura como nunca o fixeran en toda a historia democrática neste concello.

Pola nosa parte, só nos resta condear rotundamente que o goberno municipal siga a intentar afogar economicamente ao veciño, como no caso que se trata, no que o propio veciño tivo que ser o que tomara a iniciativa ante o total abandono das cuestións municipais por parte do seu goberno, que se limita neste momento a executar cuestións aprobadas na derradeira etapa da anterior lexislatura, a renunciar a postos de emprego subvencionados para seguir incrementando as contratacións directas a conta das arcas municipais, e a suprimir (ou tentalo) todos aqueles proxectos que supoñían un rotundo logro de xestión da anterior corporación municipal.

A futura Lei de Vivenda pecha a actividade normativa desenvolvida nestes tres anos pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas. Trátase dunha rigorosa planificación lexislativa para acadar o obxectivo de garantir aos galegos e galegas o acceso a unha vivenda e que se traduciu en:

  • A Lei de Medidas Urxentes en materia de vivenda e solo coa ampliación até o 40% da reserva de solo para vivenda protexida nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
  • A creación do Rexistro de demandantes de vivenda protexida para transparentar os procesos de adxudicación e garantir a igualdade de oportunidades.
  • As Normas do Hábitat Galego, como aposta pola calidade das vivendas.
  • O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial para mobilizar 8,7 millóns de metros cadrados para 45.000 vivendas protexidas até 2017.

Coa Lei de Vivenda o BNG pretende dar resposta aos problemas que sofren os galegos e galegas no acceso a unha vivenda: o acusado incremento do seu prezo, o limitado papel do mercado do aluguer que contrasta co parque de vivendas baleiro (230.000 inmóbeis en Galiza, o 18%), a diminución da vivenda protexida desde os anos 90, a necesidade de rehabilitar os centros históricos e os ensanches, os cambios sociais e de modelo familiar que mudaron a tipoloxía de vivenda demandada ou os problemas sociais como a violencia de xénero, a exclusión, que tamén requiren resposta en materia de vivenda.

Por iso, os principios reitores desta Lei impulsada polo nacionalismo son dar efectividade ao dereito á vivenda, acadar un parque de vivendas protexidas suficiente, reforzar a cohesión social e loita contra a exclusión social, garantir a seguridade xurídica dos adquirentes e usuarios da vivenda e potenciar a transparencia do mercado inmobiliario.

Entre as medidas novidosas contempladas destacan:
  • A creación do Fondo Social de Vivenda como instrumento para desenvolver as políticas de vivenda.
  • A expropiación forzosa das vivendas baleiras por incumprimento da súa función social cando non reune as condicións de habitabilidade e o propietario desatende a orde de execución das obras de rehabilitación.
  • A dinamización do mercado da vivenda baleira, dando rango de lei ao fomento do aluguer como actuación preferente.
  • A creación do Observatorio da Vivenda, para planificar a política de vivenda a partires de datos estatísticos, asistencia técnica e seguimento do mercado inmobiliario.
  • O endurecemento das sancións para loitar contra o fraude no uso e compravenda de vivenda protexida.
A Lei de Vivenda, que aprobará o Parlamento no segundo semestre de 2008, é unha norma vangardista a nivel de Estado e un texto reivindicativo das competencias exclusivas que corresponden a Galiza e cheo de medidas de carácter social, que persigue a mellora da calidade de vida e a cohesión social como fin último das políticas de vivenda.

Só un ano despois de que o BNG de Carnota dera conseguido unha bandeira azul da que as praias do noso concello levaban tempo privadas, o novo goberno municipal xa perdeu este coñecido recoñecemento europeo á calidade dos areeiros.

Galiza cedeu este ano o distintivo en 18 das súas praias, pese ao cal segue a ser un líder europeo en número de bandeiras azuis ondeando cada verán. Porén a situación en Carnota tórnase, unha vez máis, en dantesca grazas á actitude do equipo de goberno municipal e o seu non-alcalde José Oreiro.

Na praia de Mar de Lira, durante o ano enteiro de vixencia da súa bandeira azul, a insignia non chegou sequera a pendurarse no mastro habilitado durante a anterior lexislatura a tal efecto. A causa desta situación inaudita foi que para facerse efectivo o distintivo a praia debía estar vixiada por un socorrista cualificado.

Sobra dicir que non foi esa a aptitude "máis valorada" por este goberno, pois rexeitaron a principios do verán de 2007 a única candidata capacitada para salvar vidas que se ofrecera e contrataron a unha persoa non preparada. Logo, cando descubriron que sen socorrista cualificado non podían pendurar a bandeira, membros do goberno andiveron peregrinando polos concellos da redonda na procura de alguén, mais nese momento xa todos os socorristas estaban ocupados, co que se chegou ao avergonzante final coñecido por todos: O verán pasou e os usuarios da praia de Mar de Lira non chegaron nin a vislumbrar a bandeira azul que se dera conseguido cos esforzos de todos.

Ademais, se o ano pasado había boas posibilidades de acadar dúas bandeiras azuis máis (a de Boca do Río e a de San Pedro no Pindo) este ano non temos constancia nin de que chegaran a solicitalas.

Iso si, o goberno municipal anunciou na prensa que renunciaba a destinar os fondos do Plan de Cooperación para a contratación de socorristas, pois contrataría 5 socorristas a cargo do concello para controlar 3 praias e así poder destinar os fondos do dito Plano a outros servizos. Só unha semana despois, outro medio de comunicación alertou de que nos 42 quilómetros de costa de Carnota só unha praia está vixiada.

Parece acaído calificar de comedia a este novo episodio de idas e vindas deste goberno municipal, de non ser porque nesta ocasión estase a poñer en risco as vidas de miles de persoas que cada día do verán conflúen nos nosos -por outra parte- marabillosos areeiros. Este goberno, unha vez máis, di facer, mais á hora da verdade só se acaba por traducilo na perda doutro servizo, e en pouco máis dun ano xa nos costa levar a conta dos que eliminaron.

A situación que tanto advertimos e tanto nos temíamos desde hai un ano faise vergonzosa realidade de novo: o centro médico de Lira botou o peche un ano máis polas vacacións do seu facultativo, por segunda vez na súa historia.

Nun ano enteiro, o goberno municipal non fixo absolutamente nada por tratar de buscarlle unha solución, e esta vez non poderán dicir que os colleron despistados. Ou tal vez si, pode que o esqueceran axiña porque a súa única reacción coñecida hai un ano foi tan só durante a vixencia do problema, ao día seguinte de reincorporarse os médicos das súas vacacións o problema xa non existía para o goberno municipal, o que da unha boa idea do seu xeito de actuar en xeral.

Temos que lembrar que nos anos anteriores a ameaza desta situación foi permanente, pero grazas ao bo facer do daquela alcalde nacionalista Xosé Manuel García, que removiu ceo e terra para que os centros nunca pecharan, os veciños nin se enteraron do problema na maior parte dos casos. Neste caso, o centro médico de Lira (polo momento) deixa sen servizo aos veciños desta e doutras localidades próximas durante toda a primeira quincena de xullo, durante a que se terán que desprazar ao centro médico de Carnota ou aos de concellos próximos.

Só se nos pode vir á cabeza unha reflexión nunha situación así: Son incompetentes ata dicir basta, tanto o non-alcalde José Oreiro como o seu equipo; un suposto rexedor permanentemente desaparecido e un equipo de goberno ineficiente que para colmo supón máis carga económica para este concello que ningún outro na súa historia, e non só non son capaces de solucionar un problema de tanta repercusión para a vida de miles dos nosos veciños, senón que non deron absolutamente ningunha mostra de telo sequera intentado despois dun ano enteiro coñecendo o problema en toda a súa dimensión.

O veciño, por enésima vez, paga non só os salarios desorbitados dos cargos de carácter político, senón a súa falta de xestión manifesta en todos os aspectos que conleva xestionar un concello coma o noso.

Desde o BNG de Carnota preguntámonos cantos anos máis necesitan para mover un dedo ao respecto, e xa non digamos para solucionar o problema, pois a estas alturas preguntar isto ata nos soa demasiado atrevido.

Novas relacionadas:

    Ler máis...

    Arquivo

    Categorías