![]() |
| Resultados globais do 22M no Concello de Carnota |
Ata o 28 de maio o BNG non participou en ningún contacto para conformar o cambio de goberno municipal que Carnota votou nas urnas. Ese día, a militancia acadou un acordo unánime en Asemblea Local que trasladamos ao PSOE e á sociedade, consistente en pedirlles que cumpriran o compromiso de apoiar na investidura a forza máis votada entre elas, neste caso o BNG. A día de hoxe, ese documento non recibiu contestación.
Sen embargo temos constancia de que o PSOE xa se reuniu en varias ocasións con membros do PP, antes e despois do comunicado do BNG. Tras un cruce de posicionamentos e desmentidos confusos por parte dos membros do PSOE, e de declaracións públicas do seu cabeza de lista nas que se amosa totalmente receptivo a acordos co PP, publícase na páxina web do PSOE un comunicado no que literalmente se culpa da falta de acordo á "actitude" do BNG. Comunicado, ao noso entender, cheo de malinterpretacións, cando non de falsidades.
É imposíbel que o BNG teña responsabilidade na rolda de reunións que mantiveron PSOE e PP, ou que dificultara o diálogo co PSOE. É máis, todos os contactos co PSOE partiron da iniciativa do BNG, que sempre mantivo que é a única forza de Carnota coa que estaría disposta a dialogar para un cambio de goberno. Se aínda non se produciu ese diálogo foi polo seu desinterese. Dificilmente puido negarse o BNG a algunha proposta do PSOE, como tamén aseguran no escrito, pois ningunha proposta nos fixeron. Tamén é incorrecto aludir como motivo do suposto desencontro a proposta dunha soa dedicación exclusiva, pois tampouco se tratou este punto. Ademais ese compromiso destacouse no programa do BNG, e aparentemente compartiuno o PSOE, ou cando menos nunca o criticou.
Entendendo que os motivos que o PSOE esgrime para falar de desencontros non responden á verdade, o BNG reitera a total vontade de dialogar canto antes coa representación que o PSOE de Carnota designe, para traducir os proxectos das dúas formacións no cambio de goberno que o noso Concello precisa. De non ser asi, a veciñanza debe saber que o novo contexto debeuse exclusivamente ao cambio de postura do PSOE.







Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.