 |
| Oreiro revela o concepto de austeridade do PP |
O aínda alcalde de Carnota, José Oreiro, non parece disposto a abandonar a utilización partidista do erario público incluso despois de perder a maioría absoluta, tras sufrir
o pasado día 22 unha severa perda de máis de 200 votos e dous concelleiros. Nin sequera o feito de non alcanzarse aínda un acordo entre o BNG e o PSOE para conformar un cambio de goberno serve de excusa ao señor José Oreiro para demostrar un atisbo de prudencia á hora de contratar obras, cancelar servizos e incluso emprender contratacións masivas de personal que vai ter que asumir o novo goberno que saia da sesión de investidura deste mesmo sábado.
A Escola de Música deixa de sonar anticipadamente «como castigo electoral»
A primeira cuestión que subscitou numerosas queixas dos usuarios foi o remate anticipado da Escola Municipal de Música, que os pais e nais dos alumnos interpretan como
un castigo polos malos resultados obtidos polo Partido Popular nas urnas
o pasado 22 de maio. Pero o máis grave non é a perda deste servizo antes de rematar o prazo que os veciños xa tiñan abonado para a formación musical dos seus cativos, senón as circunstancias deste feito. A Escola Municipal de Música viña utilizando un local privado que cedera un particular a cambio do seu arranxo a costa dos fondos públicos do Obradoiro de Emprego. Despois do 22 de maio, esa persoa impediu que se seguira desenvolvendo alí a normal actividade da escola, alegando que se Oreiro non era o alcalde xa non o deixaba usar. Descoñecemos se unha orde directa do alcalde en funcións pode estar detrás desta actitude, mais o que temos claro é que nada fixo por que a Escola de Música rematara con normalidade o curso, deixando aos veciños sen un servizo, lembramos, que xa pagaron.
A construtora «favorita» do goberno de Carnota recibe dous novos contratos por 200 mil euros
O pasado 1 de xuño o alcalde en funcións resolveu adxudicar contratos por dúas obras (
1 e
2) que suman un total de 200.000 euros (32 millóns das antigas pesetas) a cargo do POL. Como non podía ser doutro xeito, a beneficiada por estes contratos foi a mesma empresa que leva recibindo durante 4 anos a inmensa maioría dos contratos de obras do goberno municipal do PP, e que ademais non é do noso concello. O BNG de Carnota non entra a valorar a legalidade ou a necesidade destas obras, que ninguén discute, máis si queremos denunciar publicamente a inmoralidade de adxudicar en funcións e de xeito directo obras millonarias por duración de 4 meses e discriminando novamente ás empresas do noso municipio.
Oreiro reparte masivamente contratos laborais dous días antes de deixar a alcaldía
Hoxe mesmo tivemos coñecemento por varios afectados dunha contratación masiva de personal por parte do goberno de Carnota en funcións. Trátase dun número elevado de novos contratos cunha duración de seis meses e un custo indeterminado que terá que asumir o novo goberno municipal. Esta contratación, descrita como "masiva" por algúns afectados, e da que faltan por coñecerse máis detalles, produciuse por medio de chamadas telefónicas ás persoas escollidas, que se especula que son moi próximas ao PP de Carnota.
O BNG recórdalle ao alcalde de Carnota que o erario público é de todos e non do PP
O Bloque Nacionalista Galego quere manifestar a súa seria preocupación por estes feitos, que foron notábeis pero que dubidamos que fosen os únicos. O alcalde de Carnota actúa como se acabara de revalidar a maioría absoluta despois de perdela dun xeito contundente.
Esta é a austeridade do PP? Queira ou non entender a mensaxe democrática que lle trasladou o pobo de Carnota nas urnas
o pasado 22 de maio, o BNG esíxelle prudencia e responsabilidade á hora de manexar cartos que son de todos. E máis coñecendo a precaria situación económica que atravesa o noso concello, que esperamos poder coñecer con detalle a partir do sábado, cando
esperamos que se consume por fin o cambio de goberno que a veciñanza de Carnota pediu maioritariamente nas urnas.
Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.