AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

23/06/2006

As travesías do mar, a forza da solidariedade

Hoxe dan comezo as VII Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional de Carnota, organizadas pola Asociación Cultural Canle de Lira. Esta iniciativa dedícanse cada ano a unha temática diferente de interese tradicional, como foron xa en edicións anteriores pesca tradicional, arquitectura popular, cultura oral... logrando en este tempo posicionarse como unha cita moi esperada con impaciencia por veciños e tamén por moitos interesados polo noso patrimonio tradicional, tanto de Galiza como de fóra. Desta volta o turno será para as travesías marítimas e os diferentes afundimentos rexistrados nestas costas. Sob o lema A memoria do Ariete e outras travesías, as Xornadas darán comezo ás 17:00 da tarde de hoxe venres 23, día dedicado ás Travesías do tempo. Tres expertos de diferentes universidades debullarán no Salón de Actos do Concello a importancia das viaxes náuticas durante a prehistoria de Galiza. Este mesmo día, xa ás 21:30 horas, celebrarase unha sardiñada popular en Mar de Lira.

Na segunda xornada (sábado 24), a cita será de 10:00 a 11:30 coas Travesías da liberdade, que se centrarán na fuga por vía marítima de moitos galegos ameazados tras o alzamento fascista do 36. O historiador Dionisio Pereira González explicará o casoda motora El As. Logo, entre as 12:00 e as 14:00 horas terá lugar o segundo tramo, denominado Travesías do traballo, que dará conta da relevancia das rutas marítimas no entorno da Costa da Morte e tamén dos numerosos naufraxios que nestas costas se sufriron.


O resto da tarde, e encadrada en plena conmemoración polo afundimento da fragata militar e o heroico rescate de toda a súa tripulación por parte dos veciños de Lira e Lariño -o que lle valeu ao Concello de Carnota o recoñecemento de �Moi humanitario�- o tema serán as Travesías da solidariedade, durante o que se fará un emotivo percorrido desde o dito embarrancamento do Ariete e o heroico rescate dos seus tripulantes polos veciños, ata a catástrofe do Prestige e a heroica axuda prestada aos veciños pola inmensa �maré branca� chegada de todos os puntos do Estado. As actividades son neste día especialmente intensas, pois en colaboración co Concello a AC Canle de Lira recuperou numerosos símbolos de ambos acontecementos... así, terán lugar a inauguración da recuperada �Cruz de mortos�, unha áncora de fragata colocada na zona de Ardeleiro, o �Paseo da Solidariedade� (sendeiro costeiro desde Ximprón ata Susiños)... Tamén terá lugar unha ofrenda floral, a lectura do conto Siña Sinforosa de Castelao, e os asistentes terán a oportunidade de escoitar a tradicional cantarea do Ariete. Xa as 20:00 horas, no Campo dos Remedios, Paulina Ceremuzynska ofrecerá un recital de cantigas medievais do mar.


Este mesmo sábado á noitiña, ao pé do grande hórreo de Lira, desenvolverase o espectáculo teatral Canle Nius, delirante representación en formato noticieiro televisivo no que actores galegos e veciños do lugar se van sucedendo nunha áceda e desternillante crítica aos asuntos de actualidade locais e nacionais. Este ano prometen non deixar títere con cabeza. Desde logo non ten perda.


Por último, o domingo 25 dividirase en dous tramos. O primeiro, titulado Travesías da saudade, adicarase ao sempre emocionante tema dos procesos migratorios transatlánticos en Galiza. Para poñer punto e fin ao ciclo de conferencias dun xeito optimista e positivo, o segundo tramo denominado Travesías con retorno tratará o tema da seguridade nas navegacións marítimas de hoxe en día. O grande colofón das VII Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional virá da man da xa tradicional festa da empanada na aira da igrexa de Lira.


En hora boa á organización das Xornadas por superar unha vez máis todas as espectativas destas Xornadas de Cultura Tradicional, que levan firme camiño de constituirse en tradición en si mesmas, se non o son xa. E grazas por permitirnos seguir profundando nos diferentes espectos dunha marabillosa, emocionante e única cultura nacional, a nosa.
Etiquetas: ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: