O goberno nacionalista en funcións do concello de Carnota acaba de aprobar o proxecto de obradoiro de emprego municipal que suporá a contratación de case medio cento veciños desempregados e arredor de media ducia de persoas máis para actividades formativas.
Precisamente, o programa non só procura contratar durante un ano a 45 persoas en situación de desemprego nunhas condicións dignas -sobre mil euros de salario con todas as garantías sociais e laborais-, senón o que é máis importante, aproveitar ese tempo para formalas en competencias con alta demanda laboral na nosa zona, como poden ser os profesionais da xardinería, canteiría, carpintería... e mesmo en novas profesións puxantes con saída laboral garantida no futuro como instaladores de enerxía solar fotovoltaica e térmica.
Por outra parte, non podemos omitir a enorme incidencia que esta iniciativa vai ter para a mellora da calidade de vida de toda a veciñanza de Carnota, pois a actividade deste obradoiro de emprego desempregarase en proxectos de rehabilitación dos núcleos rurais do noso concello, como Panchés, A Curra, Louredo e Sofán.
O convenio que posibilita a posta en marcha desta iniciativa foi asinado polo rexidor de Carnota en funcións, Xosé Manuel García, coa Consellería de Traballo (que sufraxiará case o 100% dos custes do proxecto), co que se logrou axilizar esta iniciativa que o BNG de Carnota xa levou no seu programa, sen apenas supoñer gasto ningún do erario municipal.
O feito de que só dous concellos de toda a bisbarra (Carnota e Boiro) participen na iniciativa, e que sexan tamén os únicos con actual goberno nacionalista, supón unha nova mostra do modelo de xestión municipal e da idea de concello do que é mostra o BNG.
Novas relacionadas:
A Voz do 07/06/2007: Boiro e Carnota empregarán a 90 parados en talleres municipais
A Voz do 07/06/2007: Os boirenses recuperarán dous muíños e os carnotáns van rehabilitar os núcleos rurais
45 veciños desempregados traballarán e formaranse profesionalmente nun obradoiro de emprego
Publicado ás 15:35h, en | Ver
0 comentarios:
Assinar:
Postar comentários (Atom)






Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.