AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

14/05/2008

Financiamento autonómico e «solidariedade territorial»: mito e realidade

O debate sobre o sistema de financiamento autonómico é vital para entendermos o papel de Galiza no Estado español. Como nacionalistas, interésanos enormemente que se esclarezan os fluxos fiscais entre Galiza e o Estado. Non só non lle debemos ter medo ningún a esta cuestión, senón que a debemos suscitar abertamente. O nacionalismo tivo claro desde sempre –eis os traballos de Alexandre Bóveda durante a II República- que a fiscalidade era unha arma en mans do Estado para incrementar o noso grao de dependencia e furtar así toda posibilidade dun desenvolvimento autocentrado de Galiza.

O primeiro que temos é coñecer a realidade. Os proprios datos oficiais (os últimos disponíbeis refírense ao exercicio fiscal 2005) desminten o falso mito da solidariedade estatal con Galiza. Non hai tal solidariedade. Galiza non vive de transferencias vindas nen de Madrid nen de nengunha comunidade autónoma. Galiza vive dos seus propios recursos.

Vexámolo. En 2005 os galegos e as galegas pagamos impostos por un valor aproximado de 10.396 millóns de euros. Pois ben, os recursos totais que o sistema de financiamento do Estado outorgou ese ano á Administración autonómica –para financiar todas as competencias da Xunta- apenas chegaron a 6.839 millóns de euros (procedentes por suposto, deses 10.396 millóns). Isto é, estaríamos ante un superávit a favor de Galiza de 3.556 millóns de euros, cos que o Estado pode financiar sen problemas os servizos que presta en Galiza.

A falacia da solidariedade estatal constrúese sobre a seguinte base: o que di ser o Estado máis descentralizado do mundo só descentraliza o gasto, non o ingreso. É a Facenda estatal quen recada a parte do león dos impostos. Así pode aparecer logo como benefactora das comunidades autónomas, ás que financiaría aparencialmente através do Fundo de Suficiencia. Trátase, por suposto, dunha inversión da realidade: son as comunidades autónomas, entre elas Galiza, as que financian o Estado e non o revés.

Precisamos un outro sistema de financiamento. Precisamos unha Axencia Tributaria Propia. E unha suficiencia financeira que incremente os recursos totais que o sistema pon en mans de Galiza. Para iso é fundamental o diálogo bilateral co Estado e non un modelo multilateral que trate igual a realidades distintas. Non por capricho defende o BNG unha negociación bilateral: deféndea porque o modelo actual, o multilateral, non ten servido para que Galiza puidese atender debidamente as súas necesidades de gasto público.

A nós non nos vale a xeneralización de nengunha cesta de tributos, nen a catalá nen a madrileña. Úrxenos fixar as nosas proprias percentaxes de cesión sobre o IRPF, o IVE e os impostos especiais. A igualdade que preconiza o españolismo non debe ser a igualdade do ponto de partida –as mesmas porcentaxes para todos-, senón a igualdade do punto de chegada –o mesmo grao de suficiencia financeira.

En todo caso, o noso modelo final sería que Galiza recadase todos os impostos e transferise parte da recadación ao Estado para pagar os servizos (as competencias) que este nos presta.
O que está en xogo neste debate é a eficacia do autogoberno para os próximos anos ou, o que o mesmo, as posibilidades de incrementar o benestar dos galegos e das galegas e de atender as súas demandas desde o Goberno nacional.
Etiquetas: , , , , ,

Hai unha opinión.

  1. Mais grave que si somos ou non somos autosuficientes e a dependencia que temos do goberno central para poder desenrolarnos e crear a nosa propia riqueza.
    Podiamos falar por unha banda do efecto sede, que fai que empresas que xeran os seus beneficios dentro do territorio galego, podan pagar os seus tributos en outros lugares, co que perdemos riqueza e aos galegos e galegas pouco lles queda do capital que xenara o seu territorio, solo quedan os danos que lle implican ao paisaxe e a o medio.

    Non bou a alargarme mais en este punto, pois teriamos que entrar nas políticas económicas Friedmanistas asumidas por o estado español e a unión europea no seu conxunto. Aínda que estas de momento non chegan a ser tan brutais como nos EEUU.

    Exemplos das trabas que nos pon o estado español para o desenrolo son casos sangrantes, como impedirnos a explotación dos terreos ociosos de Navantia Fene por unha empresa galega, e baixo escusas que non están claras.

    As limitacións a producción eléctrica e un caso vergoñento, mentres estamos a ser contaminados por centrais como as de Meirama ou As Pontes, impiden que desenrolemos enerxías alternativas e limpas. Campo este que debería de ser un cabalo de batalla importantísimo hoxe en día, por o brutal subida dos prezos dos derivados do petróleo, e os xa coñecidos efectos do efecto invernadoiro.
    Países coma China están facendo fortes apostas e con grandes inversións para desenrolar este tipo de enerxías, e mentres tanto Europa dorme, ou achanta ante o poder das petroleiras. Mentres importamos mais do 50 por cento da enerxía e os prezos machacan as nosas economías as grandes multinacionais petroleiras fan o agosto. E seguise sen reaccionar ante esta situación.

    Ofrécenos en cambio a alternativa de enerxías como a nuclear, estou seguro de que si accederamos poñeríannos dúas ou tres centrais sen maior problema seguro que se olvidarian das limitacións que nos marcan para as eólicas por exemplo. E xa aparecen persoas ( que non dubido que con boa fe ) estaría dispostas a admitilas. Pero non seria unha solución, seria outro problema mais.
    O problema que todos coñecemos e o dos residuos, residuos que cando son de alta actividade fanlle falla miles de anos para deixar de ser perigosos. Pero hai mais.
    A enerxía nuclear non e un recurso inesgotable. E en Europa hai pouco uranio. Europa solo ten uranio, ( que se poda extraer a custos aceptables ), para surtirse durante dez anos. A partir de hai estariamos no mesmo problema que co petróleo, dependeriamos dos recursos de terceiros países, e volveríamos a ter os mesmos problemas que co petróleo.
    E ademais quen nos asegura que ante unha crise derivada da falta de enerxía, non se fagan traballar a estas centrais por encima das súas posibilidades, e xurdan novos Chernovil.
    A solución non e fácil, pero esta claro que temos que empezar a traballar pois o tempo esgótasenos, e de momento vamos moi lentos. Aparte de producir enerxía por medios alternativos ao petróleo temos que facer que o seu transporte sexa mais efectivo, pois perdese moita enerxía en ese transporte, calculase que optimizando poderíase aforrar un 20 por cento.

    A falta de vías de comunicación modernas rápidas e baratas tamén e unha das trabas a nosa competividade, os trens galegos son do século pasado, o AVE a ver si chega, e estamos obrigados a facer os transportes por estrada, o que nos eleva os custos e mais tendo en conta a subida do prezo dos carburantes.

    Iniciativas innovadoras de crecemento sostible como a da reserva mariña de Lira, que reciben eloxios a nivel internacional, non reciben en cambio o úpollo económico e loxístico devido, e moito menos por parte do concello.

    Outro tipo de iniciativas como as cooperativas montadas para a explotación de productos mariños de calidade, que xa alcanzan mercados internacionais, solo o fan grazas ao traballo e sacrificio dos carnotans/anas, a base de traballar a reo; pero non reciben ningún tipo de úpollo por parte do concello.

    Poderíame alargar aínda moito mais pero como mostra e mais que suficiente.

    Estamos en un momento no que os galegos e galegas estanse dando conta do seu potencial, solo falta que as administracións nos deixen traballar e nos apollen, empezando desde os concellos, aínda que me parece que a Oreiro este traxe estalle moi grande.

    ResponderExcluir

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: