Hoxe 28 de decembro, Día dos Inocentes, tivo lugar en Carnota un pleno extraordinario, forzado pola oposición para que o goberno explicara os criterios do proceso de selección dun Obradoiro de Emprego que alcanzou entre as veciñas e veciños de Carnota proporcións de verdadeiro escándalo. Por desgraza, a súa xustificación do proceso non foi unha broma propia de tan sinalado día, senón unha mostra máis dun goberno municipal que hai moitos meses pareceu perder o rumbo.

No transcurso do pleno monográfico, como era previsíbel, o alcalde eludiu asumir responsabilidades directas sobre as contratacións, culpando a unha Comisión constituída a tal efecto, conformada por dous membros da Xunta e outros dous do Concello, coa que él non tería «nada que ver», como tampouco cos criterios escollidos e mesmo chegando a simular a súa sorpresa por que desde a oposición se lle esixira celebrar este pleno.

O portavoz municipal do BNG tomou a palabra para criticar que unha cuestión que subscitara tal polémica veciñal non fora levada ao pleno polo propio goberno, senón que tivera que ser o BNG quen o promoviu a petición da veciñanza. Asi mesmo, denunciou que o alcalde recoñecera implícitamente o disparate nas contratacións pero pretendendo «escorrer o vulto», xa que se non puidesen existir dúbidas fundadas sobre a limpeza do proceso «o alcalde non tería ningún problema en recoñecer a responsabilidade sobre as contratacións», xa que foi a persoa que asinou, suponse que con pleno coñecemento de causa, todos e cada un dos contratos do Obradoiro.

Desde as bancadas do BNG pasouse a salientar a absoluta falta de transparencia no proceso, ao terse negado o goberno a facilitar criterios de selección, puntuacións, listado de admitidos e non admitidos... mesmo despois de serlle solicitada toda esa información por escrito, cando estes datos teñen que ser públicos. O portavoz do BNG ve nesta opacidade unha «ocultación de información» propia de quen «ten algo que agochar».

A seguinte parte da intervención do BNG centrouse en denunciar o despropósito que en si mesmo supuxera a selección: listaxes de candidatábeis paseando de man en man de persoas afíns, contratados de fóra do concello, familiares directos e sicarios políticos... Para o BNG o proceso deixa claro que non se tiveron apenas en conta criterios sociais e vulnerouse toda igualdade de oportunidades polo que «houbo unha inxustiza, dilapidouse unha oportunidade única para formar a aquelas persoas con dificultades para incorporarse ao mundo laboral e que o necesitan de forma imperiosa» nestes tempos de crise.

Rematou o portavoz nacionalista instando ao alcalde a «pedir disculpas aos veciños afectados» asi como que no futuro «nesas comisións de contratación tomen parte todas as formacións políticas, para non volver a incidir neste tipo de erros: as contratacións en función dunha única cor política».

Despois do contundente alegato do BNG, seguida pola intervención dun portavoz do PSOE que ratificou estas afirmacións, o alcalde de Carnota José Oreiro non titubeou á hora e espetar, diante de toda a corporación e de dúas ducias de veciñas e veciños presentes no Salón de Plenos: «Non son todos do PP, soamente o 80%, ou vós que creíades?».

Como vén sendo habitual, o alcalde negounos a posibilidade de intervir de novo, pero dada a gravidade destas palabras, pouco máis podería engadir o BNG a esta réplica, que demostra sen lugar a dúbidas cales foron os criterios reais de contratación, xa que o goberno mesmo tiña calculadas as porcentaxes de contratadas e contratados en función da afinidade política, e asi mesmo bota por terra calquera xustificación da limpeza e neutralidade do proceso de contratación.

O BNG quere amosar o apoio decidido aos veciños perxudicados por estes feitos avergonzantes, e anunciar que seguirá substentando as medidas de protesta que emprenda a veciñanza, pois cada día demostran ser máis lexítimas, como se está vendo.





Denuncia que “non se respectou a igualdade de oportunidades e meten a traballar a familiares e amigos do alcalde e concelleiros do PP”

O BNG denunciou hoxe a selección de persoal e traballadores-alumnos do Obradoiro de Emprego de Carnota por “non respectar a igualdade de oportunidades nin a transparencia no proceso de selección. Tanto é que, familiares e amigos do alcalde e concelleiros do PP, son os beneficiarios desta contratación que chegan até veciños de Louro e pasan por San Mamede, onde algunha persoa indicaba a concelleiros do PP para poder entrar no Obradoiro de Emprego”.

Os nacionalistas indican que “o proceso selectivo se revestiu de aparente legalidade para facer o paripé e contratar amigos e familiares do PP, ademais de negarlle ao BNG as bases de selección e os criterios de contratación. En calquera caso, a falta de criterios sociais e económicos, a situación de familias golpeadas pola crise, non se tiveron en conta; chegando a valorar máis unha entrevista persoal que a situación familiar da persoa demandante de emprego, e resultou notoria a falta de publicidade e a falta de explicacións do alcalde en todo o proceso”.

O portavoz nacionalista manifestou que “hai veciños e veciñas indignados polo que consideran un atropelo á dignidade das persoas e á igualdade de oportunidades nos traballos públicos, e por esta razón o BNG vai unirse ás voces que claman xustiza por este abuso de poder e vai demandar a celebración dun Pleno Extraordinario para forzar as explicacións do alcalde e do goberno local do PP e resolver esta inxustiza coa veciñanza de Carnota”.

O BNG salienta que o motivo primeiro do mesmo é poder manter os estratosféricos salarios de políticos e familiares

O alcalde de Carnota José Oreiro expulsou do pleno celebrado na mañá do venres ao portavoz municipal do BNG, Tomás Freire, durante o debate dunha dunha operación de tesourería pola que o Concello subscribirá un novo crédito.

O secretario da corporación deu lectura ás propostas de dúas entidades bancarias para subscribir un préstamo. Entón, o portavoz do BNG, Tomás Freire, tomou a palabra: «Quero que todo o público presente na sala saiba que este préstamo é para facer fronte a gastos correntes, non para realizar obras, ou mellorar servizos. Entre o destino do crédito está o pagarlle seis mil euros ao alcalde e tamén o salario do concelleiro Manuel Brea».

O rexedor pediu ao nacionalista que retirase as súas acusacións, «falsas e inxuriosas» segundo asegurou, ao que se negou o edil do BNG, tras reafirmarse no dato duns salarios desorbitados que son públicos e oficiais. Entón Oreiro, sen respectar os avisos verbais necesarios para proceder deste xeito, reclamou a presenza da Policía Local e expulsou ao portavoz do BNG, ao que acompañaron os demais concelleiros desta formación. Nese momento, varios veciños e veciñas que asistían á sesión tamén abandonaron a sala, mentres algúns tachaban ao rexedor de antidemocrata.

Esta é xa a cuarta ocasión neste mandato de Oreiro na que o grupo municipal do BNG é obrigado a abandonar o pleno por exercer a súa labor de defensa dos intereses das veciñas e dos veciños do noso concello.





    Ler máis...

    Arquivo

    Categorías