AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

20/02/2011

Falece Euloxio Franco

Carnota amenceu hoxe consternada pola morte dun dos seus veciños máis queridos e socialmente activos, o concelleiro do BNG de Carnota, Euloxio Franco Barba, con só 55 anos.

Hai poucos anos Euloxio viña de instalarse de novo en Carnota coa súa familia, despois dunha longa etapa emigrado en Euskadi, onde participou moi activamente no Centro Galego de Barakaldo e tamén mantivo unha activa vida política, cultural e sindical, a través da asemblea do BNG na emigración basca e chegando a presidir o sindicato de transportes de Euskadi.

Cando por fin viu a ocasión de retornar a Carnota, Euloxio estabeleceu axiña contacto co BNG da localidade, destacándose en pouco tempo como un dos militantes máis comprometidos e activos non só coa causa nacionalista senón con calquera causa social e incluso deportiva, mantendo unha intensa participación no tecido asociativo e máis recentemente, incorporándose á directiva da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

No político, Euloxio foi elixido no 2007 para encabezar a candidatura do BNG de Carnota na terceira praza, e que alcanzou abondo respaldo veciñal para obter a acta de concelleiro, que vén desempregando con moita notoriedade e humildade en diversos temas de moita relevancia veciñal, pois o que máis inquedaba a Euloxio eran as preocupacións primeiras da veciñanza de Carnota, que o levou a manter un intenso e permanente contacto directo coa sociedade. Por iso mereceu renovar a confianza da Asemblea local do BNG, que o acababa de designar para recuncar na 3ª praza da candidatura nacionalista, obxectivo que desgrazadamente se acaba de ver truncado.

Euloxio deixounos esta mañá de xeito repentino, despois dun tempo aqueixado de problemas de saúde que en ningún caso o fixeron desistir do seu compromiso coa sociedade carnotá e con Galiza en xeral. Máis ao contrario, a difícil situación do concello levárao a plantexarse as vindeiras eleccións municipais coa maior das ilusións polo cambio político en clave de País que sempre defendeu que precisaba Carnota.

Euloxio deixa muller, dous fillos, e acababa de ver nacer o seu primeiro neto, pero tamén lega a súa enerxía e gañas de transformar a sociedade aos seus compañeiros, nos que caiu como un auténtico varapao a desgrazada nova do seu pasamento.

O corpo de Euloxio morriu hoxe, pero a súa forza seguirá por sempre viva na súa familia, nos seus compañeiros e nos seus veciños, que xa o botamos terribelmente de menos. Descansa en paz, compañeiro.
Etiquetas: , , ,

Hai 3 opinións.

  1. Compañeiros e Familiares de Euloxio o meu sentido pésame pola morte do noso querido Amigo. Coñeciao ben polo seu traballo desinteresado no Centro Galego de Barakaldo xunto con toda a súa familia,Apertas fortes para Sara e os seus Fillos. Descanse en paz. Paco

    ResponderExcluir
  2. Unha inmensa perda para toda a veciñanza, un home traballador, humilde, comprometido e desinteresado, pero sobre todo unha das mellores persoas que conocin nunca, e implacable na defensa dos intereses da xente, cousa que lle molestaba e moito a quen se pensa que o concello é seu couto privado. A máis forte das apertas á súa familia, amigos e compañeiros, e a ti Euloxio, gracias pola túa calidade humana e polo compromiso que levas dedicado ca única intención de deixar Carnota un pouquiño mellor. Nunca che olvidaremos.

    ResponderExcluir
  3. Ata sempre Euloxio.

    ResponderExcluir

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: