AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

03/05/2014

O fiscal apreza “indicios racionais de criminalidade” nas actuacións da deputada Marisol Piñeiro e o ex-alcalde José Oreiro e a xuíza eleva o caso ao TSXG

Comparte e opina:

Poderían ser inhabilitados por saltarse a lei ao contratar a dedo unha traballadora por cuxo despido piden a dimisión do actual alcalde

Marisol Piñeiro. Fonte: La Voz de Galicia
Os antigos alcalde e tenente de alcalde de Carnota polo PP, José Oreiro e Marisol Piñeiro, sentaranse ante o máximo tribunal de Galiza logo de o fiscal solicitara elevar ao TSXG a denuncia presentada polo actual alcalde de Carnota ante o Xulgado de Muros, por tratarse actualmente dunha deputada aforada.

O fiscal aprezou “indicios racionais de criminalidade suficientes para xustificar unha imputación contra Dª Marisol Piñeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia” ao contratar a dedo unha asesora do alcalde pouco despois de conseguir o PP o goberno de Carnota no 2007. Curiosamente a agora deputada do PP, daquela tenente de alcalde, foi implicada polo propio denunciado José Oreiro, por ser ela quen asinou o contrato fraudulento, a pesar de que Marisol tentou desvincularse dunha decisión “que ela non adoptou”, segundo asegurou nun escrito no que ademais bota a culpa da súa imputación a que é deputada do PP no Parlamento Galego.

Sen embargo a Fiscalía ve claro que o PP de Carnota mentiu no obxecto desa contratación, saltouse os preceptos legais de publicidade, libre competencia e obxectividade na contratación e que Marisol e Oreiro mentiron ante o xuiz ao asegurarlle que manexaron o currículum de varios aspirantes ao posto e que a persoa contratada era a de mellores aptitudes. Este extremo foi desmentido polo Secretario municipal, que negou que chegara ningun curriculum ao concello.

José Oreiro. Fonte: La Voz de Galicia
A fiscalía tamén é rotunda ao valorar os necesarios expediente administrativo de contratación, oferta pública de emprego, convocatoria pública, etc… pois “ningunha existiu”. Ademais asinaron arbitrariamente prórrogas, cambios de posto e categoría, subidas de soldo, transformárona en indefinida e e lle aumentaron o soldo a uns 3.000 € brutos ao mes, todo iso sen mediar máis procedemento que sucesivos decretos de alcaldía asinados indistintamente por José Oreiro ou Marisol Piñeiro.

Por todos estes motivos, o Xulgado de Muros finalmente decidiu elevar a instrución ao TSXG, na que Marisol Piñeiro, deputada do PP no Parlamento Galego, e a José Oreiro, ex-alcalde, que poderían ser inhabilitados a consecuencia dos seus actos cando gobernaban man a man o Concello de Carnota.

Lonxe de avergonzarse, os implicados lanzaron unha cruzada mediática contra Ramón Noceda, ao que piden a dimisión por despedir hai seis meses á mesma contratada ilegalmente polo PP

Non foi casualidade que a mesma semana que o Xulgado de Muros eleva ao TSXG a causa contra Oreiro e Marisol por contratar ilegalmente, estes tentaran adiantarse ao escándalo pedindo a dimisión de quen os denunciou, Ramón Noceda, por levar a cabo varios despidos no concello de Carnota entre os que se atopaba a propia contratación que pode levar aos dirixentes do PP de Carnota aos tribunais. Novamente o PSOE aliouse ao PP nesta campaña suxa.

As informacións publicadas feden a manipulación e falsidades, ao citar sentenzas que están recurridas en todos os casos, polo cal aínda non son firmes. Tamén chegan a “calcular” supostas cantidades estratosféricas que tería que pagar o erario municipal, cando todo o mundo sabe que no peor dos casos, que é que o Xulgado finalmente obrigue a readmitir a calquera dos despedidos, non suporá ao Concello de Carnota un só céntimo máis do que suporía non telos despedido no seu día. Tampouco contan que en 2 dos 6 casos acadouse un acordo amistoso. Ata chegan a inventarse unha falsa imputación de Ramón Noceda. Na mentira, todo serve porque saben que se din a verdade quedan sen argumentos.

A única causa destes despidos, debidamente explicados no seu día nun boletín monográfico distribuído entre a veciñanza, foi a necesidade de amortizar eses postos porque os ingresos do Concello son insuficientes para manter unha plantilla inflada en tempos de bonanza. Ademais que a carga de traballo que viñan desenvolvendo nos últimos anos xa non xustificaban a necesidade deses postos, como no caso da Axencia de Desenvolvemento Local, que tiña adscritos 2 traballadores pero só recibía 543 euros anuais de axudas, cando o importe dos seus soldos sobrepasaba os 80.000 €.

Non pasou o mesmo cos despidos de José Oreiro e Marisol Piñeiro no seu anterior mandato, en que veciños de Carnota foron despedidos para contratar no seu lugar persoas de fóra do noso concello, chegando incluso a renunciar a subvencións que tiñan esas prazas para poder facelo. Por suposto, a estes que agora dan leccións aos demais daquela non lles acordou dimitir.

En definitiva, o BNG de Carnota tomou as medidas necesarias para garantir os servizos públicos que realmente lle facilitan a vida aos cidadáns, e suprimindo o accesorio. E o tempo vén a darnos razón, sendo este ano o primeiro en que se da un punto de inflexión nas finanzas do municipio, a pesar dos sobrecustos laborais derivados da medida extintiva. Desto dan fe os resultados comparados do remanente de terourería dos últimos catro anos:

Liquidación 2010
-1.299.312,75 €
Liquidación 2011
-1.140.672,99 €
Liquidación 2012
-452.286,73 €
Liquidación 2013
-290.429,10 €

Sendo o ano 2013 o primeiro de moitos no cal o concello tivo unha diferenza entre ingresos e gastos dun saldo positivo de 289.898,93 €, e que o Secretario Interventor no seu informe di que “A liquidación do Orzamento do 2013 presenta os mellores resultados dos últimos anos”.

O PP está rabioso porque agora Carnota contrata con luz e taquígrafos

Moitos veciños aínda lamentan como se pedía o traballo en tempos do PP, cando para pedir choio había que presentarse ante o alcalde coa cabeza baixa e o sombreiro na man e o libro de familia na outra, existindo incluso sonados casos de humillacións inhumanas aos candidatos tanto por parte de Oreiro como de Marisol. Por sorte hoxe en día as cousas cambiaron radicalmente, e todas e cada unha das contratacións que se fan en Carnota pasan por un concurso público e transparente, ben baremado e estruturado. Cada contratación ten os seus criterios profesionais e sociais, puntuacións e resolucións que sempre se poden consultar completas no taboleiro municipal. Por primeira vez nestas mesas de contratación non participa ningún político, malia o cal temos que seguir escoitando ridículas acusacións de enchufismo. Ao PP dóelle que os tempos de enchufar “aos seus” acabaron.

Etiquetas: , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: