AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

24/12/2014

Carta aberta á veciñanza de Carnota

Comparte e opina:
A seguir reproducimos a Carta Aberta que o equipo de goberno municipal acaba de remitirlle á veciñanza de Carnota en cumprimento do seu compromiso programático de transparencia na xestión municipal.

Estimados veciños e veciñas,

Primeiramente, dende o Equipo de Goberno pedímosvos perdón polo tempo transcorrido dende a primeira carta á veciñanza e esta segunda. As difíciles circunstancias vividas no Concello, que todos e todas coñecedes, e a falla de datos económicos concretos fixeron que a presente información se fose atrasando.
Cúmprense xa 3 anos e 6 meses do noso Goberno e todo este tempo serviunos para descubrir ata que punto Carnota enfrontaba unha situación tan crítica que, por veces, mesmo parecía insalvable.
Con esta carta, escrita desde a humildade e tras un profundo exercicio de autocrítica, pretendemos informar a toda a veciñanza dos pasos e das medidas que adoptou este Equipo de Goberno para conseguir que o noso Concello sexa viable.

Primeiro, debemos recoñecer que non conseguimos cumprir moitos dos obxectivos fixados no noso programa, polo que pedimos desculpas. No entanto, cómpre sinalar que en moitos casos ese incumprimento se debeu á falta de solvencia económica do Concello e, noutros casos, á falta de vontade por parte da Xunta de Galicia, como aconteceu coa concentración parcelaria, eixo fundamental para a dinamización económica do Concello. Cómpre salientar tamén que os proxectos que se levaron a cabo fixéronse, a maioría deles, coa colaboración de voluntarios e voluntarias, que foron fundamentais para acadar moitos dos nosos obxectivos, con moi pouco custo para as arcas municipais (Víndemo Ver, recuperación do patrimonio, repoboación nos espazos públicos).
Dende aquí queremos reiterar o compromiso deste Goberno municipal con calquera proxecto para o desenvolvemento económico do noso Concello.

Información económica
En maio de 2011, a débeda do Concello de Carnota case alcanzaba os 5 millóns de euros e comprometía gravemente a súa viabilidade, ante a ameaza dunha posible intervención, coas consecuencias que iso podería ter para a veciñanza. A reforma constitucional do ano 2011 pactada polo PP e o PSOE, que impón entre outras cousas o chamado teito de gasto, obriga a que a prioridade de calquera administración sexa pagar as súas débedas financeiras. En Carnota, esta imposición coincidiu cunha redución dos nosos ingresos, o que marcou toda a acción municipal e impediu desenvolver moitos dos proxectos previstos. Tivemos que acollernos a un plan de axuste marcado polo Goberno de España, para poder facer fronte ao pago aos provedores. O Concello acumulaba facturas de todo tipo sen pagar en varios anos, situación que afectaban a moitos pequenos comerciantes do noso municipio, que viron durante anos a súa propia supervivencia ameazada. Hai que recordar que cando chegamos ao Goberno había máis de 2,5 millóns de euros en facturas non recoñecidas e que, para poder pagalas, vímonos obrigados polo Ministerio de Facenda a subscribir un crédito de 1.267.173,22 euros co Banco Santander. Isto supón ter que afrontar unha contía próxima aos 300.000 euros anuais e obríganos á redución en diversas partidas de gastos.
Aínda que a situación económica do Concello non é boa, hoxe podemos dicir que a débeda que arrastrabamos dende hai anos pasou de 4.896.314 euros a 2.657.730.86 euros. Os pagos aos provedores están ao día, xa non se gardan facturas no caixón e hoxe pagamos nun prazo aproximado de dous meses.
Outro dos capítulos que este Goberno conseguiu regularizar foi o pagamento das facturas dos servizos. Carnota estaba sendo denunciada continuamente por falta de pagamento da luz e do lixo e as ameazas de corte do servizo eran continuas. Hoxe temos estas facturas case ao día e conseguimos aboar a débeda anterior. Este esforzo non foi sinxelo, pero era totalmente fundamental para garantir a prestación dos servizos básicos de luz pública e recollida do lixo nos nosos lugares. A nosa intención é que ao final desta lexislatura o Concello de Carnota teña os pagos ao día.

Comparativa coa etapa anterior.
A contía das facturas que Carnota adebeda en luz, auga e saneamento, lixo e provedores reduciuse un 81,42% en total; é dicir, por cada dez euros que o anterior executivo deixou de débeda, hoxe Carnota adebeda menos de dous. Isto permitiu garantir a prestación dos servizos máis básicos para toda a veciñanza: iluminación pública, auga, recollida do lixo e o saneamento aló onde a rede está completa. A gráfica da dereita ilustra este capítulo.
Este aforro logrouse a pesar de ter que facer fronte aos seguintes gastos adicionais:

  • Débeda cos bancos: debido ao crédito que houbo que pedir para poder pagar aos acredores, a débeda aumentou de 1.470.073,28 euros a 2.012.347.07 euros.
  • Intereses xudiciais dun procedemento do ano 1991: 7.300 € mensuais ata maio de 2015, en que quedaría liquidada esta débeda de hai 24 anos.
  • DÉBEDA TOTAL DO CONCELLO: 2.657.730,86 euros

A redución da importante débeda que no ano 2011 ameazaba o noso Concello foi unha das máximas deste Goberno. A día de hoxe a débeda total do Concello é de 2.657.730,86 €. Como podedes observar, supón unha rebaixa de 2.238.683,14 € en tres anos e medio. Estes datos económicos poden ter unha marxe de erro ou omisión involuntaria.
A situación económica do Concello é a mellor en moitos anos, pero para acadar estes obxectivos tivemos que tomar medidas valentes de carácter económico e laboral e priorizar actuacións. Se a situación fose outra non serían precisas estas medidas, pero a situación é a que é; e dende logo, este Goberno está para traballar para toda a veciñanza por riba de calquera interese particular. Asumimos a nosa responsabilidade, pero os que nos levaron a esta situación teñen que asumir a deles, pois se no seu día gobernasen con responsabilidade hoxe non nos veriamos nesta situación.
As nosas decisións, acertadas ou non, foron adoptadas pensando sempre no mellor para toda a veciñanza. Non podemos deixar de pagar o lixo, como xa fixo o anterior Goberno local, non podemos cortar a luz dos lugares, non podemos reducir a axuda a domicilio da que se benefician moitos dos nosos maiores e non podemos seguir sacrificando os investimentos no noso Concello.

Presupostos
A tardanza na elaboración dos presupostos do Concello debeuse a moitas razóns, pero unha das máis importantes foi a necesidade de sanear as contas para, polo menos, poder dedicar unha parte do presuposto a investimentos.

Resumo das contas de 2014
  • Ingresos totais: 3.173.210,40 €
  • Gastos totais: 3.169.730,10 €
  • Gastos correntes: 744.109,20 €
  • Créditos financeiros: 416.000 €
  • Gastos de persoal: 1.414.895,50 € brutos.
  • Soldos políticos: 28.000 € brutos
  • Investimentos: 298.975,40 €

Obras
O compromiso deste Goberno co saneamento municipal viuse lastrado pola quebra da empresa encargada de executar a fase primaria no Pindo, para implantar este servizo fundamental non só para a nosa veciñanza, senón para o turismo e o medio ambiente, e rematar cos cheiros e a contaminación da praia de San Pedro.
No resto do concello púidose avanzar na implantación da fase secundaria nas parroquias de Lira, Carnota e San Mamede.
Por outra banda, estase levando a cabo nalgúns lugares do municipio o plan de aforro enerxético, co cambio das lámpadas da iluminación pública, que supón un aforro considerable, a pesar de que se temos en conta o incremento do custo da luz nun 11%, o aforro é menor do esperado.
Por mor dos temporais, varios paseos do noso concello sufriron importantes danos. Os danos máis importantes rexistráronse no paseo do Pindo, que foi arranxado por Costas. Os paseos de Caldebarcos e Lariño foron arranxados polo Concello.
Tamén se arranxaron os parques infantís que máis o precisaban, aínda que somos conscientes de que moitos deles deben ser mellorados.
Fixéronse pequenas obras en diversos lugares do municipio, nalgúns casos cumprindo coas peticións feitas pola veciñanza. Algunhas non se puideron realizar, mais non por falta de compromiso deste Goberno, senón por falta de liquidez económica para levalas a cabo. Esperamos poder cumprir con todas elas no ano 2015.
Así mesmo, chegamos a acordos con veciños e veciñas que cederon parte das súas propiedades para anchear rúas e vías públicas.
O edificio do Viso segue sen ter o financiamento necesario, xa que o Concello precisa 500.000 € (gastaríase máis que o presuposto do ano 2015 dedicado a investimentos) e a Xunta de Galicia negouse a rematalo, alegando que non hai cartos para obras civís. Cómpre recordar que este edificio, sen rematar, custou 1.000.000 € achegados pola UE.
Queremos facer unha mención especial do gravísimo incendio que acabou co Monte Pindo. O Pleno Municipal (BNG e PSOE, o PP non asistiu), en sesión extraordinaria, aprobou solicitar a declaración de zona catastrófica, para que os veciños e as veciñas afectadas recibisen as axudas correspondentes. O Goberno do PP da Xunta de Galicia negouse a solicitar ao Goberno de España a declaración de zona catastrófica para Carnota, sendo unha deputada autonómica e concelleira de Carnota a encargada de negarlle ao municipio, asociacións e veciñanza as axudas que lles correspondían polos danos causados nas súas casas e nas súas propiedades.

Emprego
Un obxectivo fundamental do noso programa era a creación da Bolsa Municipal de Emprego, na que toda persoa que desexe acceder aos postos de traballo ofertados polo Concello pode inscribirse. As prazas asígnanse en función duns criterios profesionais e sociais que posibilitan que o emprego sexa rotativo, atenda ás necesidades sociais da nosa veciñanza, e garanta que a súa formación e aptitudes profesionais se adapten aos requisitos da praza ofertada.
Deste xeito, todas as contratacións de persoal efectuadas polo Concello neste mandato fixéronse cunhas bases de contratación públicas, transparentes e democráticas, baixo os principios de mérito, igualdade e capacidade. Cada contratación pasou por un proceso selectivo con criterios obxectivos supervisados mediante unha mesa de contratación imparcial e sen presenza de ningún membro da corporación.

Servizos sociais e igualdade
Os Servizos Sociais son e seguirán sendo, pese aos atrancos que nos impón a Xunta, unha prioridade para este Goberno municipal. Dende este departamento faise especial fincapé na axuda ás familias necesitadas ou en risco de exclusión, mediante actuacións diversas como a xestión dun banco de alimentos. Así mesmo, seguimos apostando firmemente polas políticas de igualdade, mantendo a disposición da veciñanza o Servizo de Atención, Información e Orientación á Muller.

Asociacións
Creamos o Rexistro de Asociacións do noso Concello, un censo das organizacións con vida diaria en cada parroquia, dende o que coordinar e apoiar as actividades de cada unha delas, prestándolles a colaboración que solicitaron as diferentes entidades e mantendo con elas un contacto directo e participativo. Así mesmo, onde o tecido asociativo aínda non chega, o Concello fomentou novas actividades culturais e de lecer e afianzou as existentes (Escolas Deportivas, Escola de Música, clases de informática, Venres Lúdicos, actividades de dinamización lingüística e cultural...), destinadas tanto a nenos e nenas como a maiores.

O patrimonio e o medio ambiente
Conseguimos, en colaboración con varias entidades, redescubrir e pór en valor o noso valioso patrimonio histórico e natural, con diversas actuacións centradas neste ámbito: Senda Verde, rutas dos petróglifos, sendeiros costeiros, Museo Aberto de Carnota, Torre dos Mouros, Castro de Mallou, Monte Pindo e Faro de Lariño.

Víndemo Ver
A feira de artesanía e produtos locais que se celebra na Semana Santa en Carnota vaise afianzando e, dende o Concello, cada ano intentamos mellorala.

Estes case catro anos foron moi duros para o Goberno local, pois nunca contamos co apoio da oposición, que impediu sistematicamente aprobar proxectos necesarios para a veciñanza. Pese a todo, estamos moi satisfeitos co traballo realizado e tamén orgullosos de servirvos da mellor maneira que soubemos e que puidemos. Para uns fixémolo mellor e para outros peor, pero o que se fixo foi sempre pensando no ben de toda a veciñanza e dende a honradez máis absoluta, sen pensar no beneficio electoral, senón no ben común; o único obxectivo deste Goberno foi conseguir que Carnota teña futuro, cousa que hai catro anos parecía imposible.
Pode que nos esquezamos de moitas cousas do voso interese ou que non aclaremos debidamente todas as dúbidas que vos poidan xurdir. Nese caso, o alcalde está, coma sempre, á vosa disposición.
Queremos agradecervos, sobre todo, a vosa paciencia e comprensión durante estes anos, sabendo que sempre fostes conscientes da situación económica que se vive no Concello.

Recibide unha aperta do voso alcalde e de todo o Equipo de Goberno, que vos desexan unhas boas festas e un mellor ano novo.

Ramón Noceda Caamaño
Alcalde de Carnota
Carnota, 18 de decembro de 2014
Etiquetas: , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: