AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

28/04/2005

Quin, en entrevista a Vieiros. "A primeira medida como presidente será a democratización dos medios públicos"

Comparte e opina:
Publicamos integramente no blog do BNG de Carnota a entrevista feita onte 27 de abril polo medio de información dixital Vieiros ao candidato do BNG á presidencia da Xunta Anxo Quintana.

É a primeira vez que se presenta como candidato á presidencia da Xunta e parte cunha boa valoración nas enquisas. Logo de pasar por unha das treboadas políticas que periodicamente azoutan o BNG, Anxo Quintana enfronta a cita electoral "co mellor ánimo", disposto a converterse no primeiro presidente nacionalista da historia de Galiza. Dous anticipos do que sería a súa acción política: o compromiso de presentar e consensuar un novo texto de Estatuto durante o primeiro ano de goberno e a urxente democratización dos medios públicos de comunicación.
En que situación colleu ao BNG o adianto electoral?


Co mellor ánimo. Hai tempo que tiñamos moitas ganas de ter a oportunidade de traballar para que haxa un presidente nacionalista en Galiza; sabemos que estas eleccións son unha oportunidade para esto e así as enfrontamos. Amais, historicamente, ao nacionalismo galego gústanlle os retos e canto maior sexa o desafío máis capacidade de traballo demostramos. Por outra parte, o adianto electoral sérvenos para poñernos nunha carreira na que, por outra parte, estabamos desexosos de comezar.

Din que Fraga aproveitou a suposta debilidade do BNG despois da renuncia de Beiras para adiantar as eleccións. Cre que este foi un dos motivos que fixeron mudar a decisión de Fraga?

Non sei se Fraga o fixo por iso. En todo caso, se o fixo por esta razón, equivocouse. Fraga só pensa en Fraga e dase conta de que cada día que pasa aínda ten menos posibilidades de repetir como presidente. Iso é o que motiva a súa decisión. O cal tamén o pon na perspectiva de perder as eleccións porque é unha demostración máis de que é unha persoa que non actúa como presidente de Galiza senón unicamente como delegado partidario de Rajoy.

O BNG vai poder recuperarse do efecto da renuncia de Beiras?

Beiras xa ten anunciado o seu desexo de participar na campaña e participará nos termos en que el o desexe.

A mobilización do electorado novo e dos que se abstiveron noutras eleccións semella básico para que se produza un cambio na Xunta. Está o BNG en condicións de ilusionar a estes sectores da cidadanía?
Penso que en Galiza existe un desexo manifesto de cambio, pero o que a xente quere é que este cambio non signifique unicamente unha alternanacia senón que signifique a posibilidade de ter un presidente en Galiza que por primeira vez actúe como presidente de todos os galegos e non como un presidente disposto a recibir ordes de Madrid, sexa do PP ou do PSOE. Por outra parte, hai un amplo sector da poboación que ademais quere rexeneración democrática, é dicir, que o cambio non sirva só para cambiar as persoas pero que sigan as mesmas actitudes, senón que dunha vez por todas, a honestidade e a honradez impere nas institucións. Creo que os cidadáns galegos identifican o BNG como a forza política que pode dar cambio e repecto para Galiza, pero tamén pode achegar honestidade, honradez e capacidade de traballo. Esas son as nosas armas e as que imos utilizar.

O adianto electoral implica tamén que se acelere o proceso de elaboración das listas. Con que criterios se están confeccionando?
Nós imos intentar que as candidaturas obedezan ao que é o BNG, a todo o BNG, que xa en si mesmo supón unha ampla diversidade. Imos tentar tamén que respondan ao amplo sector social que o Bloque representa e, sobre todo, imos tentar que, sendo unhas candidaturas da renovación, sexan tamén unhas candidaturas que conformen un grupo capaz de dar resposta aos diferentes ámbitos parlamentarios e para levar dende o parlamento galego un labor de apoio á acción de goberno que nos estamos seguros que imos desempeñar.

É a primeira vez que vostede se presenta como candidato á presidencia da Xunta. Como enfronta este reto? Como unha primeira oportunidade ou como a oportunidade definitiva?
Eu enfrontoo co convencemento de que simbolizo a renovación que a cidadanía deste país quere para Galiza. O BNG ademais de presentar unha proposta transformadora e comprometida co país, tamén presenta unha proposta, tamén na miña persoa e nos candidatos que xa presentamos, unha proposta de renovación para o país. Creo que, neste sentido, significamos a antítese do que pode significar o partido popular. Así é como eu tomo esta candidatura: co convencimento de que por primeira vez Galiza vai ter un presidente nacionalista. Ese é o meu reto e o do BNG.

Corre o BNG o risco de quedar desprazado do debate e dos medios se a campaña se polariza excesivamente entre PP e PSOE, como semella que é a súa estratexia?
O que fagan os demais non nos preocupa demasiado. Eu xa dixen que é normal que todas as forzas políticas saian a gañar e que o fagan coa estratexia que consideren máis conveniente. Alá eles. Se o que se trata é de simplicar, eu acepto esa simplificación, ou sexa, que as eleccións son cousa de dous: unha alternativa que é ter un presidente de Galiza disposto a pór o país por diante de calquera outra cousa ou ter un presidente de Galiza disposto a recibir ordes de Madrid, xa sexa do PP como do PSOE. Estas son as dúas posibilidades que se dan nesta elección. O BNG representa a opción galega, disposta a exercer a presidencia sen interferencias foráneas.

Cal sería a primeira medida que tomaría no caso de ser presidente da Xunta?
A primeira medida ten que ser necesariamente de osixenación democrática do país. O primeiro que farei será transladar ao parlamento galego unha proposta para que os medios públicos de comunicación empecen a actuar de acordo cos intereses do conxunto dos galegos, e para iso, é necesario retomar a Iniciativa Lexislativa Popular que no seu día se presentou.

Cales van ser as chaves da campaña do BNG?
Nós imos basear a nosa campaña nas nosas propostas transformadoras. Nós imos facer un programa que vai ser un dos máis participados dos que se teñan feito en Europa nos últimos anos. Un programa que se estipule como un contrato cos cidadáns, con medidas tanxíbeis e medíbeis, para que os cidadáns poidan pedirnos contas delas despois dos catro anos de goberno. Polo tanto, a campaña vai xirar arredor dese programa e desas medidas concretas. Cando durante a campaña falemos de educación e das medidas que propoñemos neste ámbito estaremos falando de nacionalismo, porque investir en educación iso é nacionalismo. Temos que falar do noso sistema público sanitario. Imos establecer a necesidade dunha negociación co estado para o refinanciamento da sanidade e para a potenciación do sistema público sanitario cunha rede de atención primaria que mereza o nome de tal e que sirva para desconxestionar os centros pechados da Seguridade Social, os hospitais. Cando falamos da sanidade pública ao servizo dos cidadáns estamos falando de nacionalismo. Por que iso é nacionalismo para Galiza. Nós imos transladar á sociedade que o feito de que Galiza teña un presidente nacionalista é a vía máis rápida para que Galiza dunha vez por todas se equipare a Euscadi e a Cataluña. Se despois das eleccións hai un presidente nacionalista ninguén lle poderá negar nunca máis a Galiza o seu carácter nacional nin nos poderán ningunear na política do Estado.

A proposta do Foro do Novo Estatuto terá algún peso durante a campaña?
O meu compromiso como presidente de Galiza será presentar no primeiro período de sesións no parlamento galego un texto articulado que sirva para que as forzas políticas senten a dialogar e intentar a través desa proposta do BNG chegar a un punto de consenso para que Galiza, no ano próximo ás eleccións, teña un Novo Estatuto. Un Novo Estatuto que sendo consensuado en Galiza, como eu propuxen na Declaración de Rianxo, nos sirva despois como negociación co Estado para chegar tamén a unha nova relación de Galiza, dentro do Estado español, como a contribución galega a configuración do Estado español como Estado plurinacional.

Mentres se elabora ese programa imos falar das propostas do BNG sobre algúns temas, por exemplo, os incendios forestais...
O cambio galego que nós propoñemos débese notar en moitas cousas, entre elas, a de dicirlle a verdade á xente. No tema de incendios, eu nunca direi o que dixo Fraga, que ía acabar cos incendios e seis meses e despois de quince anos seguimos igual ou peor. Hai que empezar a dicirlle á xente que os incendios se producen pola situación actual de abandono das superficies agrarias, gandeiras e forestais. Polo tanto, so poderemos atacar de verdade o problema dos incendios se temos unha acción sustentábel que intente darlle outra vez á terra os usos tradicionais que sempre tivo. Isto non quere dicir que durante un periodo de tempo non vaiamos ter que seguir mantendo un forte investimento en extinción mentres non consigamos que a realidade dos usos da terra se vaia modificando. Fálase moitas veces da caza e da necesidade de repoboar con especies cinexéticas. Non estou en contra diso e penso que hai que facelo en moitos sitios. Pero o rural galego hai que repoboalo de verdade con especie humana. Iso é traballar tamén contra os incendios forestais.

Como acabar coa emigración da xente nova?
Outra das características do cambio que propoñemos é sermos capaces de cambiar os centros de gravidade do investimento do goberno. Hoxe está claramente centrado nas infraestruturas, no cemento. Creo que temos tamén que dicirlle a verdade á xente neste campo e empezar a dicirlle que teremos que facer algunha estrada menos, algunha menos, para poder conseguir que haxa investimentos en política social, en política de emprego, en política de atención aos máis desprotexidos. Podemos ter todas as estradas do mundo en Galiza que mentres sigan saíndo máis de 25.000 mozos e mozas todos os anos para traballar fóra non seremos merecentes deste país. Eu, desde logo, como presidente de Galiza nunca me sentirei satisfeito de estar inaugurando todos os días asfalto se este asfalto só serve para que a xente marche a traballar a outras zonas. O dereito a vivir e a traballar na terra é un dereito fundamental que unha presidencia nacionalista ten que velar por el antes de calquera outra cousa.

Até que punto está comprometido o Bloque coa aposta polas novas tecnoloxías e as políticas de innovación?
Somos o país do Estado e da UE que menos inviste en educación superior e en innovación tecnolóxica. Temos que desenvolver unha acción en dúas vertentes: por unha parte, conseguir un novo modelo de financiamento por parte do Estado para o noso sistema educativo e conseguir tamén redistribuir o nivel de investimento en educación superior e en investigación por parte do goberno galego. Nese sentido eu son partidario de ir a darlle estabilidade ao sistema de financiamento universitario e facer un esforzo para tratar de vincular formación e emprego, o mundo da empresa e o mundo da educación.

Vostede anunciou a creación dunha vicepresidencia da Igualdade...
Se en Galiza algo temos que facer é levar adiante unha acción gobernamental que nos permita redistribuir oportunidades e unha desas redistribucións é entre o home e a muller. Temos unhas taxas de precariedade laboral e de desemprego feminino das máis altas do estado. Cómpre facer unn esforzo nesta materia cun criterio básico de igualdade de oportunidades e de igualdade de xénero. Pero hai que ter en conta que cando falamos destes asuntos hai que contemplalos desde unha perspectiva transversal. Todas as accións do goberno teñen que ser para acadar esa igualdade. Por iso a min paréceme que toda a política de igualdade se faga desde unha vicepresidencia de igualdade que ten que exercer unha muller.
Etiquetas:

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: