AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

27/04/2008

Axuda a domicilio: Menos servizo, máis custe para o veciño

No Pleno Ordinario do 25 de abril o PP presenta unha Ordenanza para a regulación da Axuda a Domicilio, consistente na implantación dunha nova taxa que as persoas atendidas deberán aboar en función da súa renda, e na necesidade de presentar todo un rosario de formularios e certificados que xustifiquen a intervención dos Servizos Sociais do Municipio.

O argumento para promover esta Ordenanza é que «se pretende convertelo nun servizo mais xusto», pois segundo eles algúns usuarios do servizo teñen recursos máis que sobrados, e outros veciños non teñen acceso ao mesmo servizo aínda tendo rendas inferiores. E o argumento parece lóxico, de non ser que para que os veciños foran beneficiarios deste servizo requerían dun informe dos servizos sociais municipais que o aconsellase. Esta atención domiciliaria non se outorgaba «ao chou», como o goberno municipal quixo dar a entender, senón que para iso se valoraban os informes da Asistencia Social, ordeando atender sempre os casos de desatención máis preocupantes cos recursos dispoñíbeis.

O grave da medida é que camuflada detrás das bonitas palabras «xustiza» e «racionalización» aparece de transfondo, unha vez máis, unha extraordinaria redución doutro servizo: se ben o goberno anterior chegou a contar ata con 14 persoas contratadas para o servizo de axuda a domicilio -subvencionadas, sen apenas investimento municipal-, na actualidade só hai 3. Se co goberno anterior se chegou a ter máis de 30 persoas atendidas, na actualidade soamente hai capacidade para atender arredor dunha ducia. En resumo, por cada tres veciños atendidos polo servizo xestionado polo BNG, hoxe en día co servizo xestionado polo PP só se pode atender a un.

Unha vez máis acaban sendo os veciños os que pagan un claro déficit de xestión do goberno do PP, e nunca mellor dito: Redúcese desmesuradamente un servizo que xa existía e funcionaba satisfactoriamente, e ademais agora haberá que pagalo. Esta ordenanza cando se fai evidentemente é para facer pagar aos usuarios, que ademais son neste caso xeralmente persoas moi maiores que non poden afrontar demasiados gastos económicos novos, nin en moitos casos recompilar, cubrir e presentar toda a documentación que se lles vai esixir.

Desde o BNG parécenos dun talante hostil que o goberno faga pura demagoxia deste tema en termos de «xustiza ou inxustiza», e que utilice unha cuestión tan delicada para insinuar que algunhas da persoas que estaban sendo atendidas polo concello «non o necesitaban tanto» ou que «poderían pagalo tranquilamente», cando todas persoas que se estaban atendendo era xente que o necesitaba, que contaba con informes municipais que o recomendaba, e cuxa capacidade adquisitiva non era precisamente grande. Ademáis xa hai outras fórmulas para rendas maiores no cal a Xunta lle subvenciona unha porcentaxe e a outra teñen que paga-la os usuarios.

O goberno municipal rematou por recoñecer no pleno que esta non era a mellor das propostas posíbeis, e convidounos a participar na mellora da Ordenanza. Nesta liña o BNG manifesta aos veciños o seu firme compromiso de que vai traballar arreo co único horizonte de recuperar o Servizo de Axuda a Domicilio, ata chegar polo menos á mesma capacidade de atención que tiña con anterioridade á entrada do PP no goberno, pois pasar por menos sería o mesmo que aceptar un paso atrás para o desenvolvemento do noso concello e o benestar dos nosos veciños.

Temos moi presente que debido ao actual talante do goberno municipal é moi difícil chegar a puntos de encontro, mais queremos deixar claro que o desexo do BNG é que se acaben por vencer estas reticencias e poder achegar a nosa dilatada experiencia no goberno de Carnota ao actual equipo de goberno para calquera cuestión que se traduza no desenvolvemento substentábel do concello e no benestar dos nosos veciños. Este momento só será posíbel cando o PP e o seu portavoz José Oreiro mude por completo a súa actitude destructiva (en xeral), asi como a actitude de permanente desprezo (en particular) aos representantes políticos da maioría dos veciños de Carnota, que neste concello é a oposición.
Etiquetas: , , , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: