AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

18/06/2008

Só o BNG loita por garantir a limpeza do voto emigrante

As forzas políticas estatais continúan sen facer nada positivo para que se avance no estabelecimento de normas que impidan que o escándalo antidemocrático do voto dos residentes ausentes poda salpicar o normal desenvolvimento das próximas eleccións galegas. É o BNG quen está a promover en solitario o proceso de reforma.

Non hai nengunha razón obxectiva para que a reforma non poda entrar en vigor antes da celebración dos comicios autonómicos. Hai unha proposta de modificación da lexislación electoral española apresentada en tempo e forma no Congreso dos Deputados polo Bloque Nacionalista Galego. PP e PSOE téñeno ben doado: abonda con que apoien esta proposta do BNG –ou poden alternativamente apresentar unha similar- para que dese xeito poidamos ir ao próximo proceso eleitoral con todas as garantías democráticas.

Recentemente, concluíron os traballos da comisión de investigación aberta no seo do Parlamento Galego sobre o caso da axente eleitoral. A comisión saldouse cun balanzo positivo grazas ás achegas do Bloque Nacionalista Galego.

O BNG conseguiu que no ditame co que se fechou a Comisión se recollese que o problema de fundo, alén do caso concreto da axente electoral, ten a ver coa existencia dunha lexislación que non garante a limpeza do voto emigrante. O ditame estabelece nese sentido compromisos concretos de reforma da lexislación que deberían entrar en vigor antes das próximas eleccións autonómicas. Este é un logro indiscutíbel do BNG.

En segundo termo, o ditame estabelece claramente as irregularidades do caso: a) a subvención concedida pola Consellaría de Traballo a Unión de Viticultores do Castro para contratar un asesor na Ribeira Sacra rematou na contratación dunha persoa sen titulación que traballou na sede de Unións Agrarias en Vimianzo, baixo a xefatura directa de Félix Porto, candidato do PSOE á alcaldía de Muxía; b) a persoa contratada viaxou a Arxentina durante 53 días na precampaña e campaña das eleccións municipais de 2007 e alí coincidiu con Félix Porto en actos electorais do PSOE; c) viaxou cun billete facilitado pola Secretaría Xeral da Emigración e solicitado por Marisol Soneira, deputada do PSOE, cunha xustificación que se demostrou falsa (a irmá impedida que ía visitar estaba, no momento da partida, en Vimianzo).

Só cabe agardar agora que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cumpra o seu compromiso de depurar as responsabilidades ás que houber lugar no goberno e no seu partido en relación ao caso da axente electoral, tal e como aconteceu co episodio dos cheques asistenciais de Montevideo nas vésperas das eleccións municipais de 2007.

PP e PSOE teñen un longo historial de irregularidades en relación co voto emigrante e deberían ser os primeiros en amosar a vontade política necesaria para que a reforma se producise coa celeridade suficiente para garantir a limpeza do próximo proceso eleitoral. Deben, pois, despexar as dúbidas que pesan sobre eles –sempre renuentes a modificar a lei electoral cando se poden beneficiar dela desde o Goberno- e apoiar as propostas en positivo do BNG.

A sociedade galega, en calquer caso, toma nota do comportamento de cada unha das forzas políticas e actuará en consecuencia.
Etiquetas: , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: