
Aproveitando o contexto, certos medios de comunicación tratan de arroxar as lóxicas críticas dos cidadáns contra o goberno galego, e particularmente contra o BNG, como se fose culpábel de todo o que se fixo mal durante 16 anos. O que poucos din é que a inmensa potencialidade enerxética que ten o noso País se adxudicou ata agora «a dedo», sen contar en ningún momento coas necesidades dos cidadáns que acolleron no seu entorno instalacións eólicas ou hidráulicas. No mellor dos casos, só lles tocou unha esmola ridícula aos propietarios dos terreos sobre os que eses muíños se asentaban físicamente, sen ningún outro rédito sobre a vida veciñal.

A pesar de todo, a resposta de algúns foi ridícula e irresponsábel. Certos grupos de presión empresariais e forzas políticas (incluíndo o PSOE) sumáronse alegremente a unha oportunista campaña mediática de desprestixio e intoxicación. O pretexto, que «empresas amigas do BNG apañaran no reparto», ou incluso (e isto xa case provoca o riso) que o concurso non fora transparente. En todo caso, aparte de interesados pronunciamentos públicos, estes irresponsábeis non achegaron ningún argumento de peso contra o chamado reparto eólico, e quedaron ben caladiños cando Anxo Quintana lles preguntou «a que empresa foránea do país queren favorecer». Porque saben que se fixo ben, tan ben que días despois moitos deses supostos indignados polo concurso non tiveron máis remedio que admitir que o proceso fóra intachábel.
Este é a forza de goberno que necesita Galiza. Aquela que é quen de poñer os intereses de Galiza por enriba de ningunha estratexia partidista. Aquela que non está disposta a permitir que a enerxía galega fuxa rauda polos tendidos ata Madrid ou Levante, sen que repercuta para nada no noso País. Aquela que tanto lle molesta a quen históricamente regalou os nosos recursos a dedo aos seus amigos e que agora nos veñen a contar como hai que facer. Aquela que, por primeira vez na historia no goberno galego, loita abertamente para que non se volvan repetir situacións coma a que se parodian no seguinte video protagonizado por un bo veciño noso.
Hai 0 opinións.
Publica a túa!