Logo dun fugaz sorteo dos compoñentes das mesas electorais para as vindeiras eleccións europeas (tan atropelado que nin sequera comunicaron os nomes resultantes), o alcalde José Oreiro deu paso a un dos espectáculos políticos máis vergonzosos que se lembren en Carnota: A reprimenda do PP ao BNG por ter difundido os desorbitados salarios que o goberno do PP de Carnota vai a percibir segundo recollen os orzamentos que acaban de presentar e aprobar en solitario.Tras unha intervención monológuica do alcalde e dos seus números 2 e 3, repleta de ataques contra o BNG e negándolle aos nosos concelleiros toda posibilidade de intervir ou defenderse por moito que a pediran, o alcalde, visibelmente alterado, rematou ordenando á policía municipal que expulsara da sesión aos concelleiros do BNG.
Desde o BNG manifestamos que o PP acaba de cruzar a delicada barreira politica que todos críamos superada hai máis de trinta anos, ao tratar de censurar a nosa voz, os nosos "panfletos", e sobre todo o noso dereito de informar á veciñanza sobre uns datos que son públicos e que se atopan recollidos literalmente nos orzamentos municipais, a disposición de todo veciño que queira consultalos.
Sobre eses datos, reiteramos o que xa dixemos no seu momento: Un concello coma Carnota non pode permitirse custear 145.000€ anuais a catro políticos do PP, é financieiramente suicida e mesmo obsceno para todos os veciños que as pasan canutas para chegar a fin de mes. Volvemos esixir que supriman cando menos dous deses salarios e reduzan o salario do alcalde a uns niveis coherentes coa solvencia financieira do noso concello no momento de crise actual, que desgrazadamente está moi lonxe de permitirnos asumir as 715 mil das antigas pesetas que o señor Oreiro quere cobrar cada mes.
A pesar das ameazas e os insultos desta clase política do PP metida a clase represora, no BNG sabemos que existe algo chamado liberdade de expresión, polo que anunciamos que ata que se cumpra a nosa demanda imos seguir informando a toda a veciñanza sobre a cuestión dos salarios abusivos do PP, e nunca por un afán de revanchismo ou vinganza, senón porque (1) son datos oficiais e (2) forma parte do noso compromiso ineludíbel cos veciños de Carnota, que hai dous anos decidiron democraticamente que nós debíamos liderar a oposición.
Por último, o compañeiro e concelleiro Euloxio Franco Barba desexa aproveitar estas liñas para referirse aos berros lanzados desde algúns sectores reaccionarios presentes entre o público do pleno, que aludiron de xeito despectivo á súa condición de emigrante retornado de Euskadi. Euloxio manifesta que esta condición, lonxe de resultarlle avergonzante, éncheo de satisfacción e agradecemento pola nación que o acolleu cos brazos abertos cando el e a súa familia o precisaron, por non poder vivir dignamente en Galiza no tardofranquismo que agora algúns parecen botar de menos.
Novas relacionadas







Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.