AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

29/06/2009

O PP revélase cómplice do peche de Caixa Galicia en Lira

Comparte e opina:
O BNG compareceu no pleno do pasado 29 de xuño, como anunciáramos, agardando a unión dos 3 grupos que conforman a corporación municipal, e tras ter presentado a moción redactada polos veciños contra o peche da Caixa Galicia en Lira, á que se sumou tamén o PSOE. Esta moción recollía literalmente todos os argumentos e as reivindicacións xa presentadas pola Plataforma veciñal aos máximos responsábeis da Caixa Galicia: o problema do envellecemento poboacional de Lira e Lariño, o problema do transporte a Carnota e Muros, o desenvolvemento dun turismo mariñeiro (1, 2) e hostelería nacente, a pesca, comercio e industria local que se verían notoriamente afectados polo peche da oficina... daquela con obxectivo de sensibilizar á dirección da entidade sobre unha problemática que transcende os simples prexuízos económicos.

Se ben o guión do Pleno apuntaba a recoller o debate e aprobación de dito escrito veciñal coas achegas que puideran acordarse, cal sería a nosa sorpresa cando, nada máis comezar o pleno e ante o salón cheo de veciños, o alcalde decidiu levar o asunto por outros derroteiros, propoñendo sacar adiante un novo manifesto para o que pediu o apoio dos 3 grupos, aínda sen explicar cal sería o seu hipotético contido nin en que punto do mesmo se tería en conta a opinión dos veciños.

Nun novo acto de incongruencia, o alcalde José Oreiro inquiriu sucesivamente aos portavoces da oposición «as súas posicións» ao respecto da polémica, ao que Tomás Freire respostou que «a postura do BNG xa estaba perfectamente recollida na proposta de moción redactada polos veciños». Esta contestación arrancou aplausos de boa parte dos presentes na Sala de Plenos, o que alporizou esaxeradamente ao alcalde, que rematou expulsando a varios integrantes do público.

Continuando coa intervención do noso portavoz, este manifestou a súa perplexidade porque o alcalde pretendera zanxar unha cuestión tan transcendental para a vida dos nosos veciños cun simple manifesto político da corporación, aínda por crear, en lugar de asumir (ou en todo caso debatir) os compromisos reais xa recollidos na moción veciñal xa presentada, o que para o BNG só se pode interpretar coma «un brindis ao sol» co único obxectivo de «eludir toda responsabilidade do goberno municipal» asi como «evitar adoptar compromisos reais» a respecto do peche. Ademais, Tomás Freire manifestou que esta actitude, e sobre todo como se convocou este pleno, era unha clara falta de respecto co movemento veciñal creado en torno ao peche de Caixa Galicia, ao non ter en conta en ningún momento a opinión dos veciños, e rematou afirmando que «eu como alcalde nunca terei a actitude que tivo vostede cos veciños; eu estarei ao fronte deles». Logo Tomás Freire pasou a expoñer as propostas do BNG:
  1. Adherirse sen cortapisas á Plataforma veciñal, nas accións reivindicativas que leven a cabo.
  2. Facultar ao alcalde para que lidere as xestións oportunas cos responsábeis de Caixa Galicia e con obxectivo de evitar o peche.
  3. Comunicarlle á Caixa Galicia de Carnota que en adiante o Concello pasaría a traballar coa Caixa Galicia de Lira, e no caso de esta pechar, que optaría por comezar a traballar con outra entidade financieira.
Tras esta exposición en positivo (a pesar das continuas interrupcións por parte do alcalde), Tomás Freire cedeu a palabra ao PP para que puideran achegar as súas propias propostas e así debatilas en conxunto, con posterioridade. Inexplicabelmente, o señor José Oreiro rachou a baralla espetándolle literalmente que «non se ía dar ningún debate, pois a oposición non ía ter máis intervencións». Ante a estupefacción dos presentes e as protestas do noso portavoz por esta actitude antidemocrática, José Oreiro, visibelmente nervoso e desencaixado, ordenou á policía municipal por terceira vez en menos de dous meses que expulsara a Tomás Freire do Pleno, ao que lle seguiron os restantes concelleiros nacionalistas Euloxio Franco e Merche Díaz, os representantes do PSOE (esta vez si), asi como a maior parte dos veciños presentes na Sala de Pleno, en mostra de solidariedade co noso compañeiro.

O BNG lamenta que non fose posíbel chegar a un acordo positivo para os nosos veciños, a pesar dos nosos intentos porque a cuestión non derivara nunha nova batalla política senón cun compromiso real con centos de veciños perxudicados polo peche da Caixa Galicia en Lira. Pero ao mesmo tempo, a actitude coercitiva e hostil do alcalde con todo debate produtivo, ao que desgrazadamente xa nos ten tan afeitos, lévanos a deducir que o problema non era a lectura política que se puidera facer do ritmo dos acontecementos deste conflito, senón cunha máis que probábel connivencia do alcalde e do PP de Carnota co peche da Caixa Galicia de Lira: cónstanos que o goberno do PP coñeceu antes que ninguén as intencións de pechar as sucursais da Caixa Galicia en Lira e O Pindo, a pesar do cal nin tan sequera informou aos veciños, tendo estes que enterarse de rebote. Tampouco o PP de Carnota solicitou a mediación do representante municipal en Caixa Galicia, tamén alcalde na Costa da Morte e compañeiro seu de partido.

Pese a dispoñer de ditas «cartas na manga», tanto no caso do peche no Pindo como no de Lira o alcalde limitouse a excusar a súa falta de implicación, alegando no caso do Pindo que «non é comptencia súa» e no de Lira que «tiña cousas máis importantes que facer», só reaccionando tímidamente neste último peche ao ver a masiva reacción dos veciños de Lira e Lariño.

E dicimos isto coa inmensa tristeza ver que hoxe en dia o goberno de Carnota demostra moita máis comprensión cos intereses espúreos dunha empresa privada que coas lexítimas reivindicacións dos nosos veciños ante unha problemática dun calado terríbel para as súas vidas.

Hoxe en día, o Concello de Carnota vive de costas á veciñanza. E recapitulando sobre todo o que leva pasado desde o 27 de maio do 2007, ese é o auténtico drama de Carnota, que tampouco ten visos de mudar salvo que se produza canto antes un auténtico golpe de timón na política local. O BNG vai seguir loitando por iso, pois por moito que traten de silenciar a tres concelleiros do BNG, o PP nunca vai poder silenciar ao conxunto dunha cidadanía que cada vez está máis farta.

Nota: Este artigo publicouse unha semana despois do Pleno para evitar que a postura do BNG fose difundida nos medios de comunicación antes que a dos veciños, como xa aconteceu nunha ocasión.



Etiquetas: , , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: