AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

17/06/2009

Caixa Galicia pecha en Lira mentres o alcalde mira para outro lado

A entidade bancaria acaba de anunciar o peche da sucursal de Lira, que se suma asi ao da entidade do Pindo hai uns seis meses.

O que se alega para esta decisión extrema é a insubstentabilidade da sucursal, dando asi unha preocupante mostra de desinterese polas repercusións reais desta medida sobre a vida da nosa veciñanza: operacións relacionadas con pensións, nóminas, recibos domiciliados, ademais do caixeiro automático, en adiante requerirán do desprazamento a Carnota ou a Muros, o que implicaría o uso de automóbil e suporía un práctico impedimento para moitos veciños, nomeadamente para os nosos maiores e os que non teñan carné de conducir.

O máis curioso chega á hora de revisar os estatutos da entidade:
Artigo 1, apartado 2: CAJA DE AHORROS DE GALICIA, ajena a fines de lucro, orientará su actividad primordialmente al servicio de Galicia.
Entenderemos por servizo a Galiza e sen fins de lucro o feito de pechar unha sucursal no rural porque non é rendíbel economicamente?

O BNG de Carnota comprométese a apoiar as medidas de presión que xa están a organizar os veciños de Lira e Lariño, consistentes nun calendario de mobilizacións contra esta nova perda de servizos e nunha recollida de sinaturas contra o peche da Caixa Galicia de Lira, para o que nos poñemos a total disposición da coordinadora veciñal (que xa conta cun grupo de apoio na rede social Facebook) constituida na reunión que tivo lugar antonte 15 de xuño na Casa do Mar, e na que estivo representado o BNG.

Por outra parte, vémonos na obriga de preguntar onde estivo o alcalde popular de Carnota, José Oreiro cando foi do peche da sucursal do Pindo hai seis meses, e onde está agora que a de Lira pende dun fío que promete crebar definitivamente o día 26 de xuño.

Cónstanos que o alcalde coñecía esta situación desde principios de mes, mais non fixo absolutamente nada para remedialo nin tan sequera informou aos veciños para que tomaran as medidas oportunas.

Entendemos que todo o dito só se pode interpretar como unha traizón do alcalde aos veciños, non só por non actuar contra o peche de dúas das tres sucursais da Caixa Galicia no noso concello senón por incluso ocultarlles e en todo caso negarlles aos veciños información que obraba no seu poder.

ACTUALIZACIÓN 1. ÚLTIMA HORA A 19 DE XUÑO:
Varios veciños aseguran que ante a chamada ao concello para solicitar apoio contra o peche, o alcalde lles respostou que tiña máis de que preocuparse. De confirmarse este extremo, o BNG vai pedir explicacións pola grave actitude do rexedor ante este conflicto, e se o seu silencio se debe á neglixencia política ou á complicidade coa empresa, pois tras semanas coñecendo o problema segue sen dar a cara para aproveitar a súa condición de representante de Carnota na Caixa Galicia para buscar algún acordo favorábel para os intereses dos veciños. Seguiremos informando.
ACTUALIZACIÓN 2: RECTIFICACIÓN DE INFORMACIÓN INCORRECTA:
Este artigo recolliu durante días que o alcalde de Carnota é representante no Consello de Administración da Caixa Galicia. O propio José Oreiro corrixiuno na última xuntanza da Corporación, dicindo que no momento do peche da Caixa Galicia de Lira el xa non era o representante, senón o alcalde da Pobra do Caramiñal Isaac Maceiras, tamén do PP.
Recollemos por tanto ese cese, do que o alcalde non nos informou en ningún momento, ao contrario da súa entrada na entidade, que si publicitara abondosamente.
ACTUALIZACIÓN 3. O ALCALDE DEIXA PATENTE A SÚA DESINFORMACIÓN:
O BNG vén de saber que o actual representante municipal na Caixa Galicia é o alcalde de Cabana de Bergantiños (tamén do PP), e non o alcalde da Pobra do Caramiñal, como nos rectificara José Oreiro. Queremos amosar a nosa preocupación por que non só non se nos informe aos grupos da oposición de ningún deses trocos, senón que ata o alcalde pareza descoñecelos cando máis importancia ten, que é cando nos afecta a centos de veciños.
Noutra orde de cousas, José Oreiro defendiuse das acusacións de pasividade ante o peche da Caixa de Lira alegando que "estivo traballando no tema", pois "redactara unha carta" dirixida ao vicepresidente de Caixa Galicia Salvador Fernández Moreda, tamén presidente da Deputación da Coruña polo PSOE.
Desde o BNG preguntámonos por que esa carta non se dirixe ao propio presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela Pérez. Se cadra ten que ver con que casualmente foi deputado do PP no Congreso e no Parlamento galego.



Etiquetas: , , , , , ,

Hai 2 opinións.

  1. Subditus Lirensis18/06/2009, 19:28

    O 40% dos "súbditos" do mariscal Nonarrasca perxudicados pola súa desidia, este home demostra cada día que pode superarse a si mismo.
    Y lo que nos reímos con el!

    ResponderExcluir
  2. Sei dun alcalde que se está ganando a pulso o cargo de exalcalde.

    ResponderExcluir

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: