
Abriu a charla Mario Maceiras, responsábel comarcal de Galiza Nova, que tras agradecer a importante asistencia ao acto desmentiu rotundamente que a proposta de declaración de Parque Natural non proceda da veciñanza, como se vén insistindo desde o Concello, pois xurdiu dunha dilatada serie de conversas de veciños adscritos a diversos colectivos cos membros de ADEGA. Asi mesmo, lamentou que o alcalde de Carnota non deixara claro o seu apoio ao parque natural, sementando así dúbidas sobre un proxecto que só pode achegar beneficios non só ao Monte Pindo e a Carnota senón a toda a Costa da Morte, en contraposición ao actual estado de abandono deste espazo. A continuación enumerou as actividades que Galiza Nova vai desenvolver en breve para seguir divulgando e reivindicando a iniciativa, e anunciou que o BNG vai trasladala ao Parlamento Galego.

Por último, Fins Eirexas Santamaria, xeólogo e secretario executivo de ADEGA, repasou as connotacións dun parque natural e relatou experiencias similares en Galiza e tamén no estado español, para rematar salientando que é necesario o consenso de todos, veciños e axentes implicados, para lograr que a Xunta tome a determinación de iniciar os trámites que rematen convertindo o Monte Pindo no séptimo parque natural galego.
Ao rematar as ponencias, outorgouse a palabra ao público, o que posibilitou un animado debate con multitude de intervencións, que ademais de despexar moitas dúbidas demostrou que a resposta veciñal ante o proxecto só se pode calificar de entusiasta, xa que apenas produciu contrariedade. Poñendo a guinda ao acto, a organización regalou camisetas a todos os asistentes.
Quen non quixeron quedar á marxe foron os representantes dunha multitude de colectivos, destacando a ACDR Pedramar do Pindo, a Confraría de Pescadores do Pindo, a Comunidade de Montes de Caldebarcos, a AC Canle de Lira, a Cooperativa Rainha Lupa de Quilmas, a AAVV Xurde Caldebarcos, a Comunidade de Montes de Lira, a Plataforma pola defensa de Quilmas, a Plataforma pola defensa do Río Xallas... asi coma unha ampla representación do BNG, a única formación política que quixo asistir.
Parabéns de todo corazón Companheirxs!
ResponderExcluir