AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

28/10/2007

Galescola: mareando a perdiz

Comparte e opina:
O portavoz do BNG de Carnota Tomás Freire vén de entrevistarse coa Delegada Provincial de Vicepresidencia, Tareixa Novo, a fin de coñecer a situación actual da Galescola de Carnota. Na conversa mantida soubemos que a escola infantil aprobada para o noso concello no mandato municipal anterior foi a oitava que se aprobou en toda a provincia da Coruña, non habendo ningunha outra nun entorno de 50 quilómetros. Tan importante logro para Carnota (e por suposto para a nosa comarca) debeuse á áxil e eficaz xestión do anterior alcalde Xosé Manuel García, ao poñer de inmediato a disposición da Vicepresidencia terreos que cumprían os requisitos. En consecuencia, a obra foi xestionada, licitada e contratada hai xa 5 meses pola empresa EXOGA por un importe de 550.000 euros, estando previsto o inicio das obras no presente ano.

Distintos impedimentos por parte do Partido Popular de Carnota provocaron que aínda non se iniciasen as obras, e particularmente, o seu desacordo coa ubicación e tamén co feito de que sexa unha edificación de dúas alturas (sic).

Inquerida polo portavoz do BNG sobre a posibilidade de facer no proxecto cambios tan substanciais como os propostos polo PP, a delegada comunicounos a total imposibilidade de modificar a partida orzamentaria correspondente ao presente ano, o que suporía non só que Carnota perderá ditos fondos, senón que a propia Consellería se vería privado deles, polo que a súa reaprobación noutro ano sería moi complicada. Ademais veríanse obrigados a renunciar ao convenio de mantemento de servizos da Galescola.

Por outra banda, o goberno municipal de Carnota xa asumira na lexislatura anterior o compromiso de execución. A derogación das condicións acordadas –e en especial a execución fóra do ano que corre- conlevaría, en poucas palabras, que a empresa tería dereito á realización da obra e ao cobro dos 550.000 euros sen que a Xunta teña a obriga de pagarlle ao concello dita cantidade.

En vista do serio risco ao que está sometido o proxecto por mor dos continuos atrancos que está a crear o novo goberno local, Tomás Freire púxose tamén en contacto co vicepresidente da Xunta para corroborar as informacións das que dispoñemos sobre o estado do proxecto. Anxo Quintana reiterounos as intencións do goberno de Carnota de reconsiderar a ubicación da Galescola. E nunha reunión mantida recentemente con responsábeis do novo goberno de Carnota, en ningún caso lles manifestou a existencia de posibilidades para un suposto cambio de ubicación da escola infantil, quedando asi a Consellería da Vicepresidencia unicamente á espera da comunicación do inicio das obras por parte do goberno de Carnota.

No BNG parécenos irracional que unha cuestión (por suposto discutíbel) como é a idoneidade ou non da ubicación seleccionada esté a poñer contra as cordas todo o proxecto da Galescola de Carnota, que como sabemos, sería a oitava de toda a provincia e a primeira na Costa da Morte. E se ben estamos de acordo con parte do manifestado polo goberno local (en canto a que poden haber mellores ubicacións), tamén sabemos e de primeira man que a ubicación proporcionada polo anterior goberno municipal era -e segue a ser- a máis viábel das estudadas en canto a ubicación e requisitos da infraestrutura.

Pola súa parte, o Partido Popular só segue manifestando reiteradamente a súa oposición á ubicación contratada –a carón do polideportivo de Carnota-, suxerindo no seu lugar a utilización da Agra do Cura de Carnota, que se torna case inviábel por tres causas: Primeiro, esixiría a cesión das terras por parte do Arcebispado. Segundo, aínda contando coa disposición favorábel da Igrexa, esixiría unha modificación da calificación urbanística actual. E terceiro, habería que refacer o proxecto por completo. Tendo en conta o tempo restante para poñer a andar a obra, que o goberno municipal se plantexe sequera a opción de desbotar todo o conseguido para comezar o proxecto desde cero (e arriscándose a que o proxecto non se mova do cero), parécenos pouco meditado, por non dicir irrisorio.

Por tanto, a e falta de coñecer ubicacións máis factíbeis e reais que a suxerida, só podemos ver neste evidente mareo de perdiz unha falta de compromiso por parte do novo goberno municipal cunha cuestión moi importante para o futuro do noso concello e para a autonomía dos nosos veciños. Un goberno municipal serio non poñería atrancos a proxectos que indiscutibelmente melloran a vida dos veciños só porque sexan mérito dun goberno anterior doutra cor. Un goberno municipal serio usaría a súa posición para facer xestión e plantexar novos proxectos, en lugar de andar todo o día lamentándose. Un goberno municipal serio poñeríase a desenvolver un proxecto de concello en lugar de centrarse en buscala maneira de subir os impostos sen levantala lebre.

Iso si, se o goberno municipal non é serio, responsábel, nin ten proxecto ningún, atoparase en fronte a un BNG que, chova ou non chova, vai seguir poñendo todo o seu empeño para que Carnota siga avanzando.

· Publicitación do proxecto para unha Galescola en Carnota (30/11/06) na páxina web da Vicepresidencia
· Declaracións de Tomás Freire ao respecto en La Voz de Galicia

Etiquetas: , , , , , , , ,

Hai unha opinión.

  1. Aquí está PePe Oreiro preocupándose polas cousas que realmente lle afectan a Carnota:
    http://img140.imageshack.us/my.php?image=oreirovozoq6.jpg

    ResponderExcluir

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: