AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

19/08/2010

O BNG de Carnota presenta alegacións ao POL e convida aos afectados a facer as súas

Tal e como anunciara recentemente, o BNG fai hoxe público as súas alegacións de carácter xeral que vai presentar en breve ao novo proxecto do Plan de Ordenación do Litoral que vén de presentar a Xunta de Galiza.


Estas alegacións fundaméntanse nos aspectos que pasamos a explicar para o coñecemento de todas e todos os veciños.

O concello de Carnota xa está moi restrinxido urbanísticamente, por verse afectado na práctica totalidade da súa superficie por figuras de protección coma a Rede Natura 2000 ou a Lei de Costas (debendo ter en consideración que o noso concello exténdese por 40 quilómetros de litoral). Aínda entendendo como altamente beneficiosas estas proteccións, que conseguiron atallar a lacra da especulación inmobiliaria na súa etapa máis salvaxe, o BNG defende que a veciñanza si debe contar con zonas para un certo desenvolvemento urbano (regulado e planificado, claro está) asi como para mellorar as construcións xa existentes, o que todos coñecemos como desenvolvemento substentábel do noso entorno.

Por outra banda, o BNG considera demasiado artificioso que en Carnota se xeralice a estrada C-550 como zona límite da edificabilidade entre o interior e a liña de costa, como fai o proxecto actual, e pide que salvo no caso de espazos de interese ambiental se estabeleza unha franxa de 20 metros entre a estrada e a costa no que si se permita a edificabilidade. Asi mesmo, reclama que as liñas que delimitan os espazos de mellora se deseñen cun criterio racional e organizado, e non coas liñas sinuosas e crebadas sen motivo algún que son características no proxecto actual.

Estas alegacións tamén pretenden atallar un dos aspectos que máis demostran a falta de coñecemento sobre o terreo á hora de deseñar este POL, pois establece unhas restriccións paisaxísticas que abranguen por norma xeral territorios ata os 7 metros de altura sobre o nivel dos ríos. No noso concello nin sequera existe ningún río importante (exceptuando o Xallas que o delimita polo norte) senón pequenos regatos que nacen e morren no noso concello, que en ningún caso superan os 3 quilómetros (no máis dos casos apenas chegan ao quilómetro), malia o que se lles aplica a mesma norma que aos grandes ríos de Galiza. Isto, unido á pouca variación de nivel que caracteriza a zona costeira da nosa xeografía, supón que un pequeno regato pode conlevar unha restricción de miles de metros á redonda que afecta e moito aos habitantes desas zonas. O BNG reclama que, no caso concreto de Carnota, esta zona de protección paisaxística se reduza a dous metros de altura sobre o nivel do río.

En definitiva, o BNG de Carnota segue a valorar como positivas as medidas adoptadas para mellorar o Plan orixinal, como xa anunciamos no seu momento. Malia iso, os aspectos citados seguen a ser moi mellorábeis e ademais moitos cidadáns de Carnota seguen a estar afectados pola normativa, e o BNG como organización política ao servizo dos veciños ofrécelles respaldo á hora de recoller e presentar as súas inquedanzas, facéndonos chegar o modelo de alegacións que podedes descargar, imprimir e cubrir (nos formatos PDF ou Word) ata o 30 de setembro deste ano.

Unha vez cubertas, podédesnos facérnolas chegar ao enderezo electrónico carnota@bng-galiza.org, ou por correo ordinario: Asemblea local do BNG de Carnota, CP 15293, Carnota (A Coruña). Tamén podedes chamar ao 696 12 17 58.

Para información engadida sobre o novo proxecto do Plan de Ordenación do Litoral, tamén podedes consultar nas ligazóns orixinais á web da Xunta (na coluna dereita desta páxina).
Etiquetas: , , , , , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: