
Silencio escandaloso do goberno municipal do PP ao respecto
O pasado sábado o BNG de Carnota e varios portavoces veciñais reuníronse no Pindo co deputado nacionalista na Deputación de Pontevedra e experto na materia César Mosquera, para analisar os prexuízos extremos que implicará o novo Plan de Ordenación Litoral (POL) para os e as residentes no noso concello e as súas propiedades.
A análise da reunión serviunos tamén para descubrir o oscurantismo co que o PP está a tramitar a norma, alcanzando no noso concello dimensións de silencio escandaloso, xa que nin alcalde nin outro membro do goberno fixeron unha soa alusión pública ao proxecto, malia ser Carnota o concello galego máis afectado pola nova norma.
Máis de mil vivendas das veciñas e veciños de Carnota, arredor da metade das existentes, van quedar gravemente afectadas, asi como o 90% do chan urbanizábel, se chega a aprobarse este Plan nos termos previstos na actualidade.
Sobre as consecuencias desta normativa sobre esas vivendas, pódese resumir explicando que o POL é tan restrictivo como a xa coñecida Lei de Costas: porá impedimentos á hora de facer calquera tipo de reforma (nin sequera consintirá obras de rehabilitación e mellora) e o que é máis grave, impedirá totalmente a nova construcción nas zonas afectadas.
Con carácter xeral quedará prohibida toda nova edificación entre a estrada C-550 e a liña de costa, asi como da mesma estrada cara o interior, alí onde o POL non recoñeza a existencia dun núcleo consolidado; isto só acontece en casos excepcionais, ao non terse en conta en moitos casos sequera a antigüidade secular de moitas edificacións nin tampouco que respectaran as disposicións legais do momento da súa construción.
A maiores de tales restricións estabelécense sobre o mapa corredores ecolóxicos e "zonas forestais" que atravesan literalmente núcleos habitados desde hai centos de anos, e que pasarían a ter a mesma afectación urbanística que zonas afectadas por Costas, xerando un incertidume veciñal imperdoábel, asi coma a ameaza de futuras expropiacións ou demolicións nos centos de vivendas e propiedades que van quedar afectadas.
Todo indica que este Plan, como xa ten pasado en recurrentes ocasións en temas como pesca, medioambiente ou obras, volve a pecar de estar deseñado desde os despachos da cidade e de espaldas á realidade veciñal. E o que é máis grave, que se está tramitando "polo baixo" e sen proxección mediática ou política de ningún tipo.
A continuación podedes ver o documento, e descargar ao voso ordenador o POL por zonas.
Lenda: En marrón, as edificacións que se respectarán. En laranxa, as dubidosas. En gris claro, aquelas que quedan afectadas. En gris escuro, as afectadas cun tratamento especial.
Documentos descargábeis

- Plan de Ordenación do Litoral (Documentación)
- POR ZONAS:
- Zona AV03: Ézaro - O Pindo (Norte)
- Zona AW02: O Pindo - Panchés (Costa)
- Zona AW03: Monte Pindo - San Cibrán (Interior)
- Zona AX02: Caldebarcos (Costa)
- Zona AX03: Bahía de Carnota (Norte) - San Mamede
- Zona AY02: Punta dos Remedios - Portocubelo (Lira)
- Zona AY03: Bahía de Carnota (Sur) - Lira
- Zona AZ03: Lariño






Postar um comentário
Déixanos aqui os teus comentarios.