AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

13/05/2015

Suso Campos: de autoproclamado azote da corrupción a encubridor de delitos en menos de catro anos

Comparte e opina:
Avanza a campaña e cada día a veciñanza está máis perplexa ante o radical cambio de discurso do candidato do PSOE de Carnota, Suso Campos. Toda Carnota ten moi fresco na memoria cando hai catro anos no debate televisado a tres bandas entre BNG, PSOE e PP de Carnota na televisión do Barbanza, Campos coincidía co BNG en afearlle ao daquela alcalde de Carnota polo PP José Oreiro as súas sucias políticas de enchufismo, e o custe que o pago de favores do PP lle estaban supoñendo á veciñanza. Naquel debate o candidato do PSOE mesmo atreveuse a sinalar con nome e apelidos casos concretos de "enchufes" do PP no Concello, acusacións que por certo tiveron un gran impacto para o Concello en xuízos posteriores ao seren utilizadas recorrentemente por ex-empregados para alegar que sufriron unha persecución política.

Sen embargo a xornada electoral de 2011 mudou radicalmente o panorama, sobre todo para o aspirante socialista. Lonxe de asumir o correctivo sufrido nas urnas polo PSOE, coa perda de 200 votos e 1 dos seus 3 concelleiros, Suso Campos creciuse e da campaña de acoso e derribo contra o PP pasou a despregar unha auténtica chantaxe ao BNG, ao que lle esixía nada menos que a Alcaldia e dúas dedicacións exclusivas. O BNG naquela altura negouse en rotundo a falar doutra cousa que do programa do goberno e pediulle que cando menos cumprira a palabra dada á veciñanza por ambas forzas de investir alcalde, entre elas, á que obtivera máis votos. Campos negouse á súa vez a falar de outra cousa que do que ían cobrar e, roto o diálogo, abriuse unha rocambolesca quincena de reunións co PP para artellar o que parecía un inevitábel pacto PP-PSOE en Carnota, que finalmente non se produciu máis por intereses de partido do PSOE que pola vontade de Suso Campos.

Nestes catro anos non fixeron máis que acrecentarse as relacións de Suso Campos co PP, que chegaron a ameazar cunha moción de censura, mentras que nunca volviu a reunirse con membros do BNG nin a facer achegas positivas ao goberno local (só presentou unha moción en 4 anos). Pola contra, prestouse a ser o peón do PP na súa estratexia de desprestixio do inmenso labor que tivo que facer o goberno local para superar unha situación económica que parecía insalvábel, e que levou ao goberno a aforrar cada céntimo que puido sen tocarlle aos servizos públicos, erradicar as contratacións directas (enchufes), reducir un 85% os salarios políticos (dos 190 mil da última anualidade do PP pasouse aos 28 mil actuais) e adaptar a plantilla municipal á situación real do ano 2015, amortizando os postos de traballo innecesarios para o funcionamento do concello que ademais supoñían boa parte do coste da plantilla, e creando a necesaria Relación de Postos de Traballo que consolidara esa racionalización e redistribuira o custo laboral de xeito negociado cos traballadores.

Pois todas e cada unha desas medidas, incluíndo algunhas delas que o propio Suso Campos lle esixía ao anterior goberno do PP, pasaron a contar coa súa oposición frontal cando as tentou desenvolver o actual goberno, utilizando para iso a mentira ou a verdade a medias como único argumento, mais sempre coincidindo co PP -e nunca co BNG- nos seus posicionamentos.

A mentira compulsiva e a alianza co PP foi, nestes catro anos, o rasgo máis característico da escasa tarefa de oposición desenvolvida por Suso Campos. Pero nunca ata o extremo do que pasou no pleno do pasado 10 de abril, cando os dous concelleiros do PSOE sumaron os seus votos aos do PP para impedir que a veciñanza de Carnota poida defenderse no xuízo que o Tribunal Superior de Xustiza instrúe contra José Oreiro e Marisol Piñeiro por prevaricación nunha das contratacións que Suso Campos denunciara publicamente naquel debate televisado de fai agora 4 anos.

A pesar dos intentos do PP e do PSOE de encubrir os presuntos delitos que se cometeron durante anos en Carnota, o TSXG admitiu a acción popular do BNG, polo que o fiscal xa non actuará só e a verdade sairá á luz, pese a quen lle pese, ata as últimas consecuencias. Pero o máis grave de todo é que a pouco máis dunha semana da cita coas urnas, a veciñanza de Carnota segue sen saber que clase de acordo ou pacto teñen PP e PSOE de Carnota para desprazar ao BNG do goberno, cales son as súas condicións e contrapartidas, e nomeadamente cando lles vai custar á veciñanza de Carnota esa atrocidade que ningún veciño ou veciña no seu san xuízo aceptaría de bo grao.

A día de hoxe o único que está claro é que o obxectivo común do PP e do PSOE de Carnota é parar as medidas de transparencia, participación e xustiza que trata de implantar o BNG no Concello, para repartirse o pastel que quede en salarios políticos e pago de favores. Nin máis, nin menos. 

Carnota merece que a veciñanza, independentemente da súa cor política ou a quen teña votado ata agora, demostre máis coherencia, retirándolle o apoio tanto ao presunto corrupto coma ao seu encubridor, e que aposte maioritariamente o 24 de maio polo proxecto honesto, veciñal e humilde que o BNG trouxo ao goberno de Carnota, e que pode cometer erros, pero que nunca xamais tivo outro interese que o de beneficiar ao conxunto da veciñanza, e polo futuro deste Concello de Carnota que, por obriga moral, temos que deixar aos nosos fillos e fillas como nos gustaría telo atopado a nós.
Etiquetas: , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: