AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

26/10/2008

A crise económica acentúase en Carnota por mor da ineficacia do seu goberno

Comparte e opina:
Non hai dúbida algunha de que nestes momentos estamos a atravesar unha crise económica a nivel internacional, nacional e por suposto que ten que ter os seus efectos a nivel local. Os efectos da crise son múltiples, pero onde principalmente se deixa sentir é a nivel de emprego. En Carnota ten unha incidencia especial o efecto que a caída da construcción ten tanto a nivel local como nacional, e polo tanto é un factor que fai que Carnota fora especialmente afectada e vulnerable pola presente crise económica, ao igual que todos os concellos da Galiza costeira.

Sen embargo, hai un factor fundamental que tamén está a afectar a nivel local no afondamento da crise en Carnota: A ineficacia da administración pública local, e é neste apartado onde nos imos centrar para clarificar as responsabilidades que neste senso ten o actual goberno municipal do PP en Carnota.
  1. En primeiro lugar o goberno do PP de Carnota impediu que se executara a Galescola de Carnota, que xa estaba contratada. Por un lado impediu que se realizara un investimento de 550.000 euros, coa correspondente xeración de traballo en obra, ademáis de 6 postos de traballo directos e permanentes, aparte da axuda que suporía para a independencia laboral e familiar de moitos veciños.
  2. En segundo lugar deixou escapar a execución do parque empresarial de Carnota, para o cal había consignados 1 millón de euros de investimento (en obra) coa correspondente xeración de emprego directo que conlevaría, ademáis de facilitarlle ás empresas chan para poder instalarse e así xerar emprego nun futuro. Estase minando a estrutura empresarial básica. Ademais nese senso ten un planeamento urbanístico que leva ano e medio durmindo, e por suposto, non fai falla ser meigo para saber que vai seguir no mesmo estado os dous anos de lexislatura que lles quedan.
  3. Rescindiu os contratos dos traballadores/as das escolas de informática e de idiomas (4 postos), que curiosamente non supoñían custo municipal algún posto que estaban subvencionados, subvención ás que renunciou, ademáis de ao servizo que prestaban. Do mesmo xeito actuouse coa responsábel de Consumo e co Técnico de Deportes.
  4. No servizo de Asistencia a Domicilio o concello de Carnota pasou de ter 13 persoas contratadas a 5: 8 menos. E, por suposto, un servizo que era integramente gratuito para os veciños pasou a ser cobrado.
  5. O nivel de investimento municipal reduciuse en 2,5 millóns de euros, co correspondente efecto na construción e na economía local.
  6. Instaurou un cánon de enganche do saneamento, outorgándolle un privilexio insólito á empresa concesionaria. Por un lado fixo que os veciños tiveran que pagar uns 400 euros polo enganche e por outro lado pon impedimentos para que as empresas locais teñan acceso á realización de ditas obras á metade de custo para a nosa veciñanza. A única que sae gañando, a empresa concesionaria. Veciño, Concello e economía local saen perdendo por mor desta actitude inexplicábel.
  7. O concello pasou a tarifar en maior ou menor medida a practica totalidade dos servizos administrativos que presta. Así, o simple feito de facer unha fotocopia, solicitar un certificado de empadroamento ou inscribirse en calquera actividade (nas poucas que non suprimiron) convertiuse neste ano e medio de lexislatura nun novo gasto para o veciño. Tampouco podemos pasar por alto que se inventaran puntualmente outras taxas con simple afán recadatorio, coma a de máis de 3.800€ que tiveron que aboar veciños de Caldebarcos polo «gran delito» de poñerse a arranxar un conxunto de muíños abandonados.
  8. Capítulo aparte merece o lamentábel episodio do Obradoiro de Emprego. O que ía supoñer unha verdadeira iniciativa xeradora de emprego e formación en profesións con alta demanda, rematouse convertendo nunha simple brigadiña de obras que tivo unha incidencia case nula na vitalidade empresarial e laboral do municipio, e nomeadamente no sector da mocidade e da muller emprendedores, que sobre o papel eran os beneficiarios prioritarios do investimento.
  9. A máis rimbombante resposta do goberno municipal ante as consecuencias directas da crise foi contratarlle a unha empresa privada un «estudo financieiro» (que quixeron facer pasar en moitas ocasións por auditoría), coa única intención de cargarlle a anteriores corporacións de goberno o morto da grave situación económica que xa daquela o PP comezaba a supoñer para este concello. Ese estudo ou «falsa auditoría» supúxolle ás arcas municipais un gasto insensato de 17.000€ a cambio dun traballo que os funcionarios que o Concello xa ten en plantel están perfectamente capacitados para elaborar.
  10. Para rematar, o PP incrementou notábel e inxustificadamente o gasto en cargos de carácter político con respecto ao ano anterior. Cando o BNG denunciou este sensentido e os medios de comunicación comezaron a facerse eco, ao goberno municipal non se lle ocurriu mellor cousa para saír «airoso» do escándalo que retirarlle a dedicación ao alcalde, que se reincorporou ao seu antigo posto de traballo, motivando que a toma das decisións que nos afectan pasara a recaer aleatoriamente nos «novos alcaldes». Se sumamos isto ao que xa sabíamos, que o PP non conta cun auténtico programa do que quere facer con Carnota, pois convértese no que nós chamamos «matar moscas a cañonazos», condenar á deriva a xestión política deste concello e rematar de golpe cunha ilusionante traxectoria ascendente que ao BNG lle custara anos (e suor) conseguir.
En consecuencia o PP, cuns índices de ingresos moi similares aos que o BNG tivera en anos anteriores no goberno, non é quen de garantir o mantemento e mellora dos servizos máis básicos (auga, luz, lixo, saneamento...). Tampouco é quen de garantir que os servizos (nomeadamente os sociais) se sigan prestando coa mesma calidade, nin sequera cobrándoos. Non é quen de facer un seguimento da execución de proxectos que xa estaban xestionados, ata o grave extremo de pemitir que se perdan (Galescola, Parque empresarial, Residencia de maiores). E para colmo, as relacións do Concello de Carnota coas restantes administracións que nos afectan non fan máis que empeorar cada día, ata o punto de que varias delas dalgún xeito xa «se deron por vencido» no que se refire á Carnota, en vista do rexeitamento sistemático de todo tipo de investimentos e subvencións por parte do goberno municipal. Cremos que a absurda excusa de que «nos deixaron arruinados» xa chegou demasiado lonxe, e de seguir con esa actitude suicida a situación vaise volver dramática, antes ou despois. Moito nos tememos que axiña o concello non estará nin en condicións de garantir o soldo dos seus traballadores.

Pero non é todo malas novas. Fronte ao carácter destructivo do PP de Carnota contamos co sector pesqueiro máis imaxinativo e dinámico de Galiza (e tal vez do Estado), que está a compensar a carencia inversora e de ideas municipal e que ademáis se está a consolidar como un importante xerador de emprego e un verdadeiro motor económico. Esta vai a seguir sendo a gran aposta do BNG de Carnota (aposta que nunca fixo o PP), xunto cun sector turístico puxante, que está incrementando servizos e calidade e no que a construcción e o comercio tamén teñen a súa cota razoábel.

Desde o BNG de Carnota animamos a toda a veciñanza a non resignarse e a seguir traballando a prol dun verdadeiro desenvolvemento do noso concello. Con confianza, ideas e traballo firme conseguiremos, entre todos, que esta crise pase á historia canto antes.
Etiquetas: , , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: