AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

19/04/2015

O noso programa

Comparte e opina:
Coñece o noso proxecto de futuro para Carnota.

Programa de Goberno
2015-2019

Índice


Carta de presentación
Candidatura
Ideas forza
#1. Recuperar uns servizos públicos e de calidade
#2. Afondar nas fórmulas de participación e transparencia
#3. Seguir apostando por patrimonio, natureza e deporte
#4. Converter a adversidade en oportunidade
#5. Desempeñar o Concello e adaptalo á realidade
Actuacións xerais por áreas temáticas
Participación veciñal e transparencia
Goberno do pobo e para o pobo
A veciñanza organizada, motor do Concello
Máxima transparencia para lograr a máxima confianza
Economía
Carnota, camiño do déficit cero
Orzamentos participativos
Eficiencia economica, laboral e enerxética
Emprego
Enchufismo cero
Creación de microcooperativas de tutela municipal
Servizos sociais
Rede de voluntariado coa xente maior
Obradoiros de memoria
Igualdade
Combatir a pobreza enerxética
Infraestruturas e ordenación do territorio
Remate do Centro Sociocultural do Viso
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Cultura
Creación da Casa da Xuventude en Pedramarrada
Creción da Escola Municipal de Teatro
Festival musical
Mellora da Escola Municipal de Música
Recuperación de eventos tradicionais
Memoria histórica
Aposta pola lingua galega
Deporte
Aposta polo deporte de base
Consolidación da referencialidade deportiva de Carnota
Turismo
Servizos públicos
A recuperación dos bens públicos para a cidadanía
Remunicipalización da auga de Carnota no 2016
Consolidación do modelo de xestión do lixo
Medio ambiente
Superficie afectada por medidas de protección
Recuperación do CUP Monte Pindo
Creación da Senda Azul
Ampliación da Senda Verde
Patrimonio
Recuperación do patrimonio arqueolóxico
Proxecto arqueolóxico Castelo de San Xurxo
Recuperación do patrimonio etnográfico
Agro
Concentración Parcelaria
Pesca
A pesca artesanal, un axente económico e de futuro
Comunicación e Novas tecnoloxías
Eliminación de papeleo, nova imaxe municipal e reposicionamento web
Actuacións específicas por lugares
Adraño
Caldebarcos
Canedo
Carnota (Santa Comba)
Cornido
Lariño
Lira
Louredo
Mallou
O Pindo
Panchés
Pedrafigueira
Quilmas
San Mamede

Carta de presentación

Estimada veciña, estimado veciño:

A candidatura do BNG - Asembleas Abertas preséntase ás Eleccións con forza e ilusión renovada por consolidar un novo rumbo para o Concello de Carnota baseado na xustiza, a participación e a transparencia. Unha nova forma de gobernar que non só pense no pobo, senón que entregue ao pobo o poder de decisión sobre as cuestións que lle afectan directamente. É dicir, queremos que a veciñanza exerza unha democracia verdadeira, non só cada catro anos senón na vida diaria, mesmo nos investimentos e proxectos que precisa o seu lugar.

Unha transformación tan grande non se consegue da noite á mañá, e moito menos cando durante estes catro anos tivemos que xestionar un Concello ruinoso sometido á permanente ameaza de embargo e ao corte de servizos necesarios. Esta situación desesperada requeriu dun exercicio de auténtica contención, que nos impediu levar a cabo moitos dos nosos proxectos. Mais hoxe comeza a albiscarse a luz ao final deste escuro túnel, e consideramos que nesta nova lexislatura situaremos o Concello de Carnota preto do déficit cero, momento no cal poderemos emprender unha nova etapa de investimentos e progreso xeral do noso municipio.

Esta nova etapa basearase nas ideas que ao longo deste documento che presentamos. Nel non atoparás obras faraónicas, piscinas cubertas ou descubertas, cidades de xubilados, nin outras ocurrencias ou xenialidades de ningún político. Todas son iniciativas que fixemos entre as persoas que vivimos neste Concello e que fomos recollendo ao longo da lexislatura que remata, no día a día e tamén en preto de medio cento de Asembleas Veciñais desenvolvidas en catorce lugares, e nos que participaron moitos centos de veciñas e de veciños. Algunhas destas ideas son novas, outras xa son coñecidas e non foi posíbel afrontalas antes; mais agora que estamos preto de conseguir o noso obxectivo de desempeñar o municipio, cremos que chegou o momento de poder levalas todas a cabo.

Mais para iso non chega con que este Concello siga tendo un alcalde honrado, un bo equipo de goberno, nin un número masivo de traballadores. É necesaria a túa implicación diaria, sexa facendo propostas, botando unha man, criticando o que non che parece que se esté facendo ben, recoñecendo o que non se fixo tan mal, e por suposto, tamén co teu respaldo electoral, pois un proxecto tan ambicioso coma o que presentamos só pode nacer dun respaldo masivo nas urnas, de cada veciña e veciño, en cada lugar, núcleo e parroquia. O 24 de maio, Carnota depende de nós.

Ramón Noceda Caamaño
Candidato do BNG á Alcaldía de Carnota

Candidatura

1.       Ramón Noceda Caamaño (Moncho O Roxo). Lariño.
2.       Iván Franco Caamaño. Carnota.
3.       Belén Campos Díaz. Caldebarcos.
4.       Jorge Fiuza Barreiro. Sofán - Lira.
5.       Marupe Armendariz Villar. Canedo.
6.      Iago Maceiras Dosil. Lira.
7.       Lourdes Piñeiro Caamaño. O Pindo.
8.       Fernando Siaba Espasandín (Nando). Louredo.
9.      Cecilia Caamaño García. Mallou.
10.  Agustín Lamela Caamaño (Curral). Lariño.
11.    Begoña Pérez Domínguez. Carnota.
12.   Marisa Agulleiro Malvarez. San Mamede.
13.   Manuel González Costa. Quilmas.
14.   Fátima Dosil Caamaño. Lira.
15.   Cándido Caamaño Lado (Marcelino). O Pindo.
16.   Mª Manuela Núñez García. Lariño.
17.    David Añón Portela. Vilar de Carnota.
18.   Susana Riveiro Siaba. Louredo.
19.   Pedro Balayo Caamaño. Lira.
20.  Remedios Dosil González. Lira.
21.   Antón Federico Beiro Oreiro (Tono de Albela). Canedo

Ideas forza

Estas son as nosas grandes apostas programáticas para o período 2015-2019.

#1. Recuperar uns servizos públicos e de calidade

Recuperaremos a xestión da auga e doutros servizos municipais para que xeren emprego e benestar aquí. Ampliaremos os servizos sociais prestando especial atención ás persoas maiores con voluntariado e obradoiros.

#2. Afondar nas fórmulas de participación e transparencia

Crearemos o Consello Local de Asociacións. Poremos en marcha os Orzamentos Participativos. Desenvolveremos unha xestión máis transparente mediante novos paneis informativos e recuperaremos a revista municipal.

#3. Seguir apostando por patrimonio, natureza e deporte

Seguiremos recuperando o noso patrimonio arqueolóxico. Seguiremos co Víndemo Ver e crearemos outra edición no verán. Queremos unha natureza protexida e proveitosa para a veciñanza. Potenciaremos o deporte na natureza.

#4. Converter a adversidade en oportunidade

Traballaremos para recuperar a agra mediante a concentración parcelaria. Promoveremos a creación de cooperativas de veciñanza desempregada para aproveitar os recursos locais e incrementar a oferta de bens e servizos.

#5. Desempeñar o Concello e adaptalo á realidade

Seguiremos facendo os axustes necesarios para sanear o Concello e deixalo blindado contra a corrupción, o enchufismo, as obras faraónicas e outros excesos que logo teña que pagar a veciñanza.

Actuacións xerais por áreas temáticas

Participación veciñal e transparencia

Goberno do pobo e para o pobo

O noso goberno caracterizouse desde o primeiro día por ser por e para as persoas, desenvolvendo unha acción de goberno próxima, transparente, dialogante e participativa, baseada na comunicación permanente coas entidades sociais e coa veciñanza en xeral, explicando detidamente os proxectos municipais. A toda acción do goberno lle sucedeu un exercicio de consulta veciñal, autocrítica e finalmente autocorrección. Este debe ser o camiño a seguir, pois só asi un goberno pode ter cada día máis complicidade e entendemento co pobo e mellorar as súas propostas, e non situarse distante da realidade con iniciativas que non responden ás expectativas de ninguén.

A veciñanza organizada, motor do Concello

Os movementos veciñais son as veas e arterias do Concello de Carnota. Neste mandato, ademais de lograr facer unha radiografía certeira das entidades sociais que están activas, logramos implicar ao conxunto do tecido social na dinámica municipal mediante diferentes fórmulas de participación, resultando algunhas máis exitosas que outras. O reto do BNG nos próximos anos é seguir fomentando o asociacionismo, e probando e mellorando experiencias para ver que fórmulas de participación resultan máis satisfactorias e proveitosas para cada entidade e a propia veciñanza, conscientes que igual que non hai dúas entidades iguais tampouco teñen as mesmas preocupacións, obxectivos nin necesidades. Porén o BNG cre necesario a creación do Consello Municipal de Asociacións, un órgano onde conten con representación directa todas as entidades veciñais activas, onde avaliar as súas iniciativas e demandas, priorizar actuacións transversais e promover colaboracións e puntos de encontro entre elas. Asi mesmo, onde na actualidade non existe un movemento veciñal activo apoiarase a súa creación.

Máxima transparencia para lograr a máxima confianza

Estes catro ano serviron para ensaiar diversas fórmulas para transmitir ao conxunto da veciñanza a información veraz e directa sobre a xestión municipal: cartas abertas da alcaldía á veciñanza, asembleas veciñais periódicas en case todos os núcleos… que se sumaron as vías de comunicación tradicional (bandos, web…).
Porén, hai aínda moito por andar para lograr un Concello con paredes de cristal. Unha materia pendente é a escasa asistencia veciñal a plenos, que en moitos casos se debeu a unha convocatoria deficiente. Para iso, imos incrementar o número de paneis informativos nas parroquias onde se colga a información municipal, ademais de informar máis profusamente sobre convocatorias e desenvolvemento dos plenos na web municipal, ademais de estudar a viabilidade doutras fórmulas coma a retransmisión.
Segue a botarse en falta un medio de comunicación directo coa veciñanza en papel, que garanta que a información municipal chegue sen intermediarios a todas as persoas, independentemente do seu grao de alfabetización dixital ou dos seus hábitos cotiás. Neste senso, e aproveitando que a situación económica xa non será tan acuciante, recuperaremos a Revista Municipal, mediante a que informaremos trimestralmente da situación financieira, veciñal, cultural e política do municipio.

Economía

Carnota, camiño do déficit cero

Carnota conseguiu reducir á metade a súa débeda nesta lexislatura, redución que se eleva ata o 96% no caso de proveedores, 83% na auga e saneamento, 71% na luz e 53% no lixo. Grazas a isto hoxe Carnota é un concello solvente, que paga aos seus proveedores nun prazo máximo de dous meses.
Queremos lograr que o Concello entre na recta final do seu saneamento económico, de xeito que na próxima lexislatura queden eliminadas todas as facturas pendentes e vexamos reducida enormemente a dependencia bancaria, para debernos única e exclusivamente aos intereses da veciñanza.

Orzamentos participativos

Malia ser unha proposta xa presente no programa anterior, a situación de emerxencia económica e social que descubrimos en Carnota impediunos desenvolvela, salvo unha excepción. Porén cremos que a próxima lexislatura será a primeira na que se poidan desenvolver uns orzamentos participativos, é dicir, onde cada veciño e veciña poida participar directamente na toma directa de decisións sobre os proxectos máis necesarios no seu lugar, e por tanto decidir o destino de determinados investimentos municipais.

Eficiencia economica, laboral e enerxética

Parar o dispendio en todos os sentidos foi unha premisa innegociábel do goberno. A primeira medida, tal vez simbólica pero certamente eficaz no económico e sobre todo a que reconciliou o goberno de Carnota co seu pobo, foi a redución dos salarios políticos. Manteremos intacta esta medida no próximo mandato como fixemos estes 4 anos.
Asi mesmo, tratamos de reducir a factura da luz mellorando a eficiencia enerxética do Concello e substituindo parte do alumeado público do municipio por alumeado LED.
Axustar a plantilla municipal á situación real tamén foi outra prioridade. A Relación de Postos de Traballo (RPT), suporá a redistribución equitativa do custe laboral total da plantilla municipal, en base a uns criterios obxectivos e laborais. Queremos que no próximo mandato a RPT tamén incorpore o personal laboral.
É evidente que todas estas actuacións só poden adoptarse antepoñendo os intereses veciñais aos intereses políticos e particulares, e por suposto nós seguiremos facéndoo sempre. Pero a única garantía de que se siga nesta liña é que o BNG siga no goberno.

Emprego

Enchufismo cero

Estes catro anos o goberno municipal erradicou por completo o enchufismo na contratación. Hoxe o concello contrata soamente segundo criterios de mérito, igualdade e capacidade, mediante unhas bases de contratación públicas, obxectivas e nas que non intervén ningún membro da corporación. O BNG vai traballar para consolidar por sempre esta forma de facer as cousas, creando o marco normativo necesario.

Creación de microcooperativas de tutela municipal

A falta de iniciativa empresarial en Carnota freou estes anos toda expectativa de crecemento do emprego, e polo tanto de redución do drama do desemprego. Sen embargo hai determinados traballos e servizos que contan con demanda que o Concello non pode asumir pola imposibilidade de contratar novo personal directamente. Por iso, en colaboración coa veciñanza, os Servizos de Emprego e a iniciativa Eu sumo, o BNG vai implantar de xeito pioneiro un novo formato de microcooperativas dinámicas apoiadasdesde o Concello, que atendan esa demanda e creen varios postos de traballo directos. Materias nas que se prevé traballar son: Xestión de auga e saneamento municipal, conservación de infraestructuras, desbroces, artesanía, agricultura ecolóxica, silvicultura, apicultura, aproveitamento forestal..., coa posibilidade estimada de crear da orde de 4 ou 5 postos de traballo directos por cada iniciativa que se logre poñer en marcha de forma exitosa.

Cláusulas sociais na contratación de obras públicas

Non é de recibo que haxa empresas optando a obra pública que non cumpren as máis mínimas condicións laborais e salariais aos seus empregados. O Concello estabelecerá unhas cláusulas sociais para esixir no momento da contratación de obras públicas que as empresas acrediten cumprir todas as disposicións laborais vixentes.

Servizos sociais

A aposta polo mantemento dos servizos sociais, que só poden ser públicos, galegos e de calidade, seguirá sendo unha máxima para o goberno do BNG que non vai renunciar a ningún dos que presta; ao contrario, imos loitar pola súa mellora e ampliación.

Rede de voluntariado coa xente maior

Á espera de resolución xudicial, parece difícil que nos devolvan o Centro de Día. Porén mantemos intacto o noso compromiso coas persoas maiores: imos crear un servizo de voluntariado coa xente maior, que trataremos de facer extensivo a cada parroquia do concello en colaboración cos servizos sociais do municipio para tentar facer un pouco máis agradábel e entretida a súa vida, estimular as interaccións sociais, preocuparse polos cambios no seu estado de saúde, económico e familiar, detectar prematuramente situacións de enfermidade, abandono ou exclusión, etc.

Obradoiros de memoria

Promoveremos obradoiros de memoria coa xente maior, para -ao tempo que se lles ofrece un entorno saudábel e estimulante- recoller as súas historias, trazos lingüísticos, microtoponimia… e en definitiva todo o que a xente maior ten dentro e aínda pode legar ao conxunto da sociedade.

Igualdade

Afondaremos no compromiso por acadar o principio real de igualdade no noso concello en todos os ámbitos e avanzaremos na loita contra todo tipo de discriminación por razón de sexo. As accións encamiñadas a acadalo serán entre outras:
          Seguiremos atendendo individualmente as problemáticas específicas das mulleres do noso Concello a través dos servizos de información, asesoramento e avogada.
          Promoveremos a visibilización do inmenso contributo das mulleres de Carnota á sociedade, así como doutras mulleres senlleiras galegas e internacionais, con actividades formativas, informativas e divulgativas.
          Combateremos a violencia machista, fortalecendo as medidas de prevención e incrementando o grao de implicación da sociedade, a través de campañas de prevención, accións de sensibilización sobre valores e actitudes e, desde a coeducación, reforzando a participación da cidadanía nas accións de rexeitamento da violencia machista. Prestaremos intervención e atención integral ás vítimas.
          Traballaremos a prol da igualdade cos e coas adolescentes, mediante o asesoramento afectivo-sexual, obradoiros de concienciación en igualdade e de superación de actitudes machistas, e obradoiros para promover unha sexualidade libre que combata a discriminación e criminalización da mocidade LGTBi.
          Incorporaremos cláusulas na contratación pública, coa finalidade de favorecer a selección de empresas que desenvolvan políticas a prol da igualdade.
          Impulsaremos e apoiaremos a economía social e outras iniciativas que incorporen a perspectiva de xénero no seu funcionamento e posibiliten unha menor dependencia de acceso a recursos.
          Impulsar a creación e posta en marcha dunha asociación de mulleres para garantir a participación destas na vida municipal.

Combate da pobreza enerxética

Estamos a ver cómo se comezan a producir casos terríbeis no noso entorno de persoas que, por motivos de idade, saúde ou económicos, non teñen capacidade de sequera proverse de combustible para quencer a súa vivenda durante o inverno.
Aproveitando a importante biomasa forestal que ten o Concello, e involucrando as comunidades de montes e particulares, crearemos un Banco de leña para abastecer gratuitamente de leña ás persoas que estén nesta situación de risco para a vida e a saúde.

Infraestruturas e ordenación do territorio

Remate do Centro Sociocultural do Viso

Malia ser un proxecto faraónico herdado, os compromisos económicos adquiridos polo anterior goberno municipal impoñen a obriga de destinar 500.000 euros das arcas municipais a este edificio que debe entrar en funcionamento en 2017.

Plan Xeral de Ordenación Municipal

O próximo mandato será o da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que xa está remitido á espera de informe da Xunta de Galicia

Cultura

Creación da Casa da Xuventude en Pedramarrada

No caso de que finalmente a Xustiza valide a decisión da Xunta de clausurar o Centro de Día de Pedramarrada, o BNG vai convertir da man da xente nova o edificio que deixa baleiro en Pedramarrada no primeiro local especialmente axeitado ás necesidades da mocidade do noso Concello, con aula informática, ludoteca, biblioteca xuvenil e locais de ensaio.

Creación da Escola Municipal de Teatro

Na próxima lexislatura ampliaremos a oferta cultural e de lecer do noso municipio mediante a posta en marcha de unha escola municipal de teatro, na que se podrán formar novos talentos da interpretación e consolidar Carnota como canteira de actores recoñecidos.

Festival musical

O noso concello conta cun puxante escenario de grupos musicais que loitan cada día por mellorar e darse a coñecer. Crearemos unha cita musical de referencia coa organización dun Festival musical en colaboración con estes grupos.

Mellora da Escola Municipal de Música

Seguiremos apostando pola mellora desta Escola referencial que ao longo de 20 anos serviu para formar a centos de persoas nas distintas disciplinas musicais.

Recuperación de eventos tradicionais

O BNG vai seguir apostando pola organización das festas tradicionais desde as entidades veciñais. Asi mesmo, queremos recuperar outros que se perderon e cuxo valor cultural e etnográfico merecen que fagamos un esforzo por legarllo aos nosos fillos e fillas.

Memoria histórica

O concepto de memoria histórica ten para o BNG un sentido amplo que abrangue a recuperación, valorización e difusión da historia do noso País, con especial atención aos movementos sociais e políticos que contribuíron a conformar a nosa identidade e conciencia nacional. Promoveremos a investigación histórica sobre o período da Guerra Civil e o franquismo no Concello de Carnota, recuperando a memoria das e dos represaliados no noso Concello. Crearemos unha páxina web centrada na nosa memoria.

Aposta pola lingua galega

O BNG continuará tratando de ampliar a presenza do noso idioma en todos os ámbitos da vida municipal, sectorial e veciñal.

Deporte

Aposta polo deporte de base

O BNG de Carnota seguirá apostando polo deporte en todas as súas vertentes, e nomeadamente polos deportes de base. Neste senso traballaremos por seguir no rumbo da mellora das Escolas Deportivas transversais a todas as idades e por suposto polo deporte feminino. Asi mesmo potenciaremos a práctica deportiva na natureza, un dos grandes potenciais do noso Concello, e tamén os deportes tradicionais.

Consolidación da referencialidade deportiva de Carnota

O BNG traballará por seguir organizando en Carnota eventos de calquera disciplina deportiva que contemos con infraestructuras para organizar, e en mellorar o Trail Monte Pindo, Carreira das Areas, BTT Carnota, Carreira Viquinga...

Turismo

Promover o turismo non é acumular panfletos nunha estantería; é organizar -e colaborar con- eventos innovadores e participativos onde, por unha parte, se atraia a Carnota un público específico que busca un destino natural de calidade, e por outro, se impliqueá propia veciñanza e aos axentes económicos para que poidan aproveitar ese fluxo de visitantes. As feiras ecolóxicas e moi nomeadamente a Mostra de Promoción Local Víndemo Ver serviron para atraer a Carnota moitos miles de visitantes a un custe mínimo para as arcas municipais, nunhas datas nas que ademais existe saturación de actividades no entorno. Seguiremos desenvolvendo e mellorando este formato, e crearemos outra edición no verán. Crearemos unha nova páxina web específica para dar a coñecer os nosos recursos turísticos e planificar visitas (xa está en fase de probas).

Servizos públicos

A recuperación dos bens públicos para a cidadanía

Agora que o contrato de xestión da auga e do saneamento están próximos a finalizar, cómpre reflexionar sobre a titularidade dos bens públicos e a súa xestión privativa.
En todos estes anos, con distintos gobernos, vimos como unha infraestructura para facilitar a auga corrente ás familias e outra destinada a saneamento e depuración se foron construindo cos cartos dos nosos impostos e se entregaron para a súa xestión a unha empresa para a súa explotación.
A xestión da auga, un ben público, non está nas nosas mans, está totalmente privatizada, Pensamos que debe vir outro tempo, onde a xente recupere o que sempre foi seu, a auga e as infraestructuras para xestionar o seu ciclo deben ser totalmente públicas, do concello, e rexerse por criterios de xustiza equitativa. Fica claro que todos e todas temos que contribuir a soster os servizos públicos, pero debemos impedir que se monte unha economía especuladora baseada no que é de todos.

Remunicipalización da auga de Carnota no 2016

Durante décadas unha empresa privada estivo xestionando a nosa auga, pero os postos de traballo creados asi coma a as contrapartidas que prestou a cambio do cobro dos recibos da auga non estiveron á altura. Por iso imos recuperar a xestión directa deste servizo para crear directamente cando menos 4 postos de traballo, para que o que a veciñanza paga pola auga si sirvan para mellorar o servizo e na creación de emprego.

Consolidación do modelo de xestión do lixo

O BNG traballará pola consolidación da Mancomunidade Serra do Barbanza, por ofrecer unha alternativa máis ecolóxica, sostíbel, eficiente e económica á xestión dos residuos.

Medio ambiente

Superficie afectada por medidas de protección

Somos o segundo municipio galego costeiro con máis superficie protexida pero esa protección non repercutiu no desenvolvemento socioeconomico do seu entorno. O BNG traballará para que esas figuras de conservación compensen dalgún xeito á veciñanza.

Recuperación do CUP Monte Pindo

O BNG vai recuperar a xestión directa deste espazo natural para coidalo e protexelo, xerarpostos de traballo, deseñar xunto con entidades e veciñanza planos de aproveitamento… e en definitiva poñelo en valor como merece.

Creación da Senda Azul

Coa Senda Azul o BNG prevé interconectar os sendeiros costeiros tradicionais que xa existen con outros tramos novos, coa idea de dotar o noso Concello cunha senda peonil que conecte Lariño e O Pindo sen abandonar en ningún momento a nosa costa.

Ampliación da Senda Verde

A Senda Verde é un sendeiro que une o Ancoradoiro con Louredo aproveitando as pistas forestais, e acolle xa multitude de visitas, e permitiu promover a Ruta BTT, a Carreira Viquinga e tamén o Museo Aberto de Carnota. Queremos completala cun novo tramo entre Louredo e O Pindo de xeito que sexa posíbel recorrer o noso Concello de norte a sur sen abandonar en ningún momento as nosas montañas.

Patrimonio

Recuperación do patrimonio arqueolóxico

Carnota comezou nesta lexislatura a recuperar o seu patrimonio arqueolóxico coa axuda de voluntariado. Despois de conseguir rescatar do esquecemento a Torre dos Mouros, Castro de Mallou e os conxuntos de petroglifos máis simbólicos do noso Concello, consolidaremos as estruturas descubertas, sinalizaremos e divulgaremos os seus valores.  Crearemos unha páxina web do Museo Aberto de Carnota (xa está en fase de probas).

Proxecto arqueolóxico Castelo de San Xurxo

O BNG vai apostar por un novo proxecto arqueolóxico de voluntariado da man das entidades veciñais para recuperar o Castelo de San Xurxo, os restos medievais mellor conservados do noso Concello.

Recuperación do patrimonio etnográfico

Apostaremos pola progresiva recuperación e posta en valor do inmenso patrimonio etnográfico que ten o noso municipio: muiños de auga e de vento, camiños e calzadas, pombais, cabaceiras, alvarizas, conserveiras, muros, pontes, casetas mariñeiras, fontes, canles, alpendres, lavadoiros… Son verdadeiras testemuñas dun pasado non tan remoto e non debemos deixar que esmorezan cubertos de silvas e toxos, pois coa súa posta en valor poden converterse en polos de desenvolvemento do noso Concello.

Agro

Concentración Parcelaria

O futuro da agra de Carnota pasa por ver realizada dunha vez a súa Concentración Parcelaria na parte costeira das parroquias de San Mamede e Carnota, un proxecto iniciado no ano 1997 e que hoxe se atopa paralizado por unha decisión política. O BNG seguirá loitando por que o vindeiro mandato sexa por fin o da aprobación deste proxecto vital para Carnota para recuperar miles de parcelas hoxe abandonadas, fomentar o autoemprego e e tamén poñer en valor os moitos produtos hortícolas de calidade que producimos e que teñen demanda e prestixio no mundo gastronómico.

Pesca

A pesca artesanal, un axente económico e de futuro

O BNG seguirá traballando cos axentes sociais para protexer a pesca artesanal e de baixura e os seus caladeiros naturais, para conservar -se non incrementar- o número e a calidade destes postos de traballo que nomeadamente nas nosas localidades costeiras contribuíron desde sempre a fixar poboación e xerar riqueza, e deberán seguir exercendo este papel para as xeracións vindeiras.

Comunicación e Novas tecnoloxías

Eliminación de papeleo, nova imaxe municipal e reposicionamento web

Dotaremos ao Concello de novas ferramentas para os trámites administrativos, potenciando o uso da plataforma web e iniciando a dixitalización do arquivo para ir eliminando progresivamente a administración baseada no papel. Dotaremos o Concello unha nova imaxe moderna e renovada. Revisaremos integramente a presenza en internet do Concello mediante as seguintes actuacións:
          Creación dun novo portal web municipal en carnota.gal
          Mellora da presenza nas redes sociais de máis uso pola veciñanza
          Lanzamento dunha app municipal de xestión de incidencias

Actuacións específicas por lugares

Froito dunha rolda de 17 Asembleas Veciñais, o BNG consultou con veciñanza e entidades sociais cales son as principais necesidades do seu lugar. Neste apartado detallaremos os proxectos que prioritariamente imos desenvolver en cada lugar na etapa 2015-2019.


Adraño

          Limpeza das beirarrúas
          Sinalización dos lugares
          Bacheo das pistas
          Anchear e rechear o cruce de Adraño polo mirador
          Creación dun Centro Social no Valadiño

Caldebarcos

          Recuperación da escola infantil como Centro Social
          Paseo marítimo de Pedro Martís aos Feales
          Acceso á praia
          Limpeza da pista e do parque
          Mellora do parque infantil
          Sinalización das praias

Canedo

          Limpeza do río
          Reforzo de taludes no río
          Continuación do paseo
          Limpeza do río da Agriña

Carnota (Santa Comba)

          Mellora dos accesos ás praias
          Saneamento
          Sinalización dos accesos a praia e hórreo
          Mellora dos aparcamentos na praia

Cornido

          Asfaltado de accesos
          Mellora do viradeiro
          Rozar camiños
          Mellora de pluviais
          Mellora do camiño de atrás da casa de Rama
          Creación dun Centro Social

Lariño

          Arranxo de camiños:
          Do Curro da pedra a casa de Torea
          Do Campo de arriba ao Campo de abaixo
          Carretera Antonio
          Subida de Jorge
          Na Gándara da carretera a casa do Chanineo
          Parque infantil xunto ao local social
          Recollida de augas na Seara
          Mellora dos camiños a praia
          Tubería na casa de Rita
          Arranxo da fonte da Janeixa

Lira

          Renovación total do parque infantil de Mar de Lira e da área recreativa anexa
          Substitución de paneis informativos na costa
          Continuación da rede secundaria do saneamento
          Dotación de fontes na pasarela de madeira A Beirada - Mar de Lira.
          Negociar co arcebispado a utilización da Casa Rectoral para a veciñanza.
          Mellora das pistas deportivas de Lira e Miñarzo.
          Mellora de camiños e pluviais en Sofán, Paus, Sestelos e Os Remedios.

Louredo

          Arranxo do parque infantil
          Arranxo da ponte de arriba
          Recollida da auga do monte
          Arranxo das tageas do cruceiro
          Saneamento
          Arranxo do camiño das Laxes
          Arranxo das tapas do alcantarillado
          Limpeza da fonte
          Limpeza das reixas

Mallou

          Mellora na participación veciñal
          Novo taboleiro de información municipal
          Creación dunha ponte nos muiños
          Saneamento de Maceiras

O Pindo

          Ampliación do cemiterio do Pindo
          Novo parque infantil no Porto do Pindo
          Melloras do alumeado público
          Mellora da escola unitaria da Solaina
          Mellora da praza da Solaina (o anaco que quedou sen facer)
          Remate do saneamento

Panchés

          Mellora de pluviais na baixada da fonte
          Continuación do saneamento
          Novos tubos de pluviais xunto o parque

Pedrafigueira

          Conexión do saneamento no río
          Mellora no acceso frente ao Toumo
          Mellora de firme no Vaqueiro
          Mellora do parque infantil

Quilmas

          Mellora do camiño de riba das Eiras
          Mellora da pista polideportiva
          Luces na pista do Pociño
          Mellora de pluviais en Cornabecerra
          Luz no taller de carpintería
          Bacheo
          Tagea na carretera xeral na entrada de Quilmas
          Creación dun Centro Social xunto á fonte

San Mamede

          Mellora dos accesos ás praias
          Limpeza de camiños
          Remate do centro cultural do Viso



Editado pola Asemblea Local do BNG de Carnota, coa colaboración de máis de 250 veciñas e veciños do Concello de Carnota, entre abril e maio de 2015. Permitese a reprodución libre desta obra sempre e cando se cite a autoría colectiva da veciñanza de Carnota. www.bng-carnota.org

Etiquetas: ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Artigos máis lidos

Artigos máis recentes

  • CEIP de Carnota
  • CEIP O Pindo
  • Asociación Cultural Canle de Lira
  • Asociación Veciñal Insua de Lariño
  • IES Lamas de Castelo
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Plataforma Salvemos o Faro de Lariño
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas
  • Asociación Veciñal Relámpago de San Mamede
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa O Patín de Carnota
  • Asociación Cultural Deportiva Recreativa Pedramar do Pindo
  • Asociación Veciñal Pedras da Area de Mallou e Maceiras
  • Asociación Veciñal Xurde Caldebarcos

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno e Euloxio Franco

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: