AD (728x60)

Slider Section

Submenu Section

24/05/2019

Para facer de Carnota un lugar para vivir... vota BNG!

Pequeno fotoresumo dos actos e iniciativas da campaña do BNG
Co cheo absoluto rexistrado hoxe no acto de peche de campaña de Lira, concluíu a campaña política do BNG para facer de Carnota un lugar para vivir, poñendo o colofón a uns duros meses de traballo moi intenso, que empezou practicamente no mesmo momento da elección unánime de Milucho Louro coma o novo candidato do BNG á alcaldía de Carnota, en agosto.

A partir de aí, no BNG comezou unha ilusionante misión colectiva con tres obxectivos principais: dar a coñecer ao flamante candidato, confeccionar unha excelente candidatura, e iniciar un proxecto político transformador para o noso Concello, que continúe facendo gala da honestidade, humildade e transparencia que caracterizou ao executivo de Moncho Noceda estes 8 anos.

Para isto desenvolvemos unha intensisima campaña iniciada en xaneiro, e entre os actos de presentación do candidato e da candidatura completa (nos que nos acompañaron Ana Pontón e Ana Miranda) celebramos nada menos que 14 asembleas veciñais para compartir coa xente dos distintos lugares os avanzos e proxectos do goberno anterior, e recoller as ideas e necesidades para o novo proxecto liderado por Milucho Louro. A estas sumáronse varios encontros con axentes sociais e culturais do municipio, e mesmo un encontro virtual coa que desgrazadamente é a parroquia máis numerosa: a da Carnota emigrada. Este gran esforzo de precampaña, posibelmente a máis intensa da nosa historia, permitiunos dialogar con preto de 500 persoas que foron claves na confección do Programa de Goberno 2019-2023, moi ambicioso nas propostas e solucións para os problemas da veciñanza, mais sen resultar en absoluto pretencioso ou irrealizábel, pois precisamente baséase en proxectos concretos, reais, necesarios, e en todos os casos asumíbeis polas arcas municipais.

Algúns destes proxectos ⭐ estrela son o Viveiro de Empresas en Lira, o Auditorio de Carnota en San Mamede, a recuperación do Faro de Lariño e o seu entorno, a pasarela ata a Fervenza do Ézaro pola beira do Pindo, ou o Cámping Municipal en Carnota. Mais tamén fixemos mención dos proxectos para mellorar os servizos das praias e aumentar a rede de centros sociais, ou da aposta polo patrimonio cultural e natural coa creación dos Centros de Interpretación do Monte Pindo e dos Hórreos, polo papel activo que debe ter a mocidade ou a necesidade de garantir que as mulleres vivan nun concello libre de discriminacións e violencias.

Estas propostas de futuro fóronse explicando nos distintos actos de campaña, en total 14, que chegaron non só ás cinco parroquias senón case a todos os lugares, nas visitas porta a porta a case todas as casas do municipio (co reparto duns 3.000 dípticos e 60 copias do Programa), ou o debate radiofónico do pasado martes na Radio Nordés... que serviron para trasladar de xeito directo e sen interlocutores a nosa campaña en positivo, centrada nos problemas da veciñanza e nas solucións que da súa man ideamos, para facer de Carnota un lugar para vivir.

A estes actos presenciais, sumamos unha intensa campaña desenvolta en Internet e nas redes sociais, polas que o BNG leva anos apostando e que nesta campaña demostraron a súa verdadeira importancia. O gran espazo dixital tradicional do BNG de Carnota, a nosa páxina web, sumou só nos 15 días de campaña máis de 16 mil visitas. Pero o noso Facebook, onde contamos con case 1.500 seguidores, revelouse coma un auténtico medio de divulgación masivo, superando as 20.000 interaccións nese tempo. Especial mención merece o video biográfico de Milucho Louro, que nos serviría para presentalo nas redes, e que alcanzou por si mesmo case 17.000 reproducións só en Facebook.

Por todo isto, cremos que o BNG demostrou de novo a súa verdadeira vocación de servizo ao pobo, e non só cando gobernamos senón tamén nas nosas campañas, das que sempre quixemos facer á nosa veciñanza a absoluta protagonista e non unha simple espectadora. Conseguido este obxectivo de participación masiva dunha veciñanza que pode sentir o proxecto do BNG como algo propio, agora só queda escoitar a vontade do pobo de Carnota este domingo, coa confianza de que saiba entender a nosa mensaxe e transformar o gran entusiasmo e apoio que sentimos na campaña en votos ao BNG que enchan as urnas das seis mesas electorais do noso Concello, e que continúe arroupando a Milucho Louro os vindeiros catro anos coa mesma confianza e ilusión que arroupou a Moncho Noceda estes 8 anos.

Grazas, veciñas e veciños, polo voso apoio. Adiante, e coma sempre,

o povo é quem máis ordena

Etiquetas: , , , , , , , , , , , , , , ,

Hai 0 opinións.

Publica a túa!

 

Visitas

Na memoria de Antón do Corenteno, Euloxio Franco e Marupe Armendáriz

Páxina web da Asemblea local do BNG de Carnota. Todos os contidos desta páxina distribúense baixo licenza Creative Commons 2.5 menos onde se exprese o contrario. Isto é un traballo de Connosco baseado en Templateism.com. Séguenos nas nosas redes sociais: